DSC_0049(3)

106 persoas aproveitaron o programa de xeorrutas desta Semana Santa

Facebook
Twitter
Email

Seguindo o ronsel do pasado ano, o programa de xeorrutas de Semana Santa foi todo un éxito entre a poboación local e visitantes. Durante tres días, foron 106 as persoas que puideron gozar dos itinerarios guiados da man do doutor en Xeoloxía Francisco Canosa. A demanda foi tan alta que se cubriu practicamente o total das prazas ofertadas, esgotándose para a maioría das xeorrutas días antes de que comezase o programa. En total leváronse a cabo 6 itinerarios, organizados polos concellos de Valdoviño, Cedeira, Ortigueira, Cariño e Moeche, nos que os asistentes puideron descubrir as peculiaridades do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, froito da Oroxenia Varisca e os fortes pregamentos que tiveron lugar durante a mesma, sendo estes os responsables de elevar e expoñer á superficie rochas que normalmente só se atopan no manto terrestre. 

Os itinerarios iniciáronse o xoves 6 pola mañá coa XeoRuta do Arsénico, que permite coñecer os tesouros xeolóxicos da costa de Meirás, o afloramento de rochas subvolcánicas e as antigas minas de arsenopirita, un mineral moi rico en arsénico; para continuar pola tarde coa XeoRuta do Cromo, un percorrido no que desfrutar dunhas vistas únicas desde os cantís máis altos de Europa continental e que xeolóxicamente destacan pola presenza de rochas moi pouco habituais na superficie do noso planeta e nas que se descubriron acumulacións de minerais como cromo e platino.

Ao día seguinte, a ruta matutina foi a XeoRuta dos Volcáns, que non só se caracteriza por amosar as pegadas dunha intensa actividade volcánica de erupcións moi explosivas e violentas na zona, senón tamén as evidencias de cantos rodados asociados a grandes icebergs. Pola tarde foi o turno da XeoRuta do Limo, na que se poden apreciar formacións rochosas modeladas ao longo do tempo por axentes externos, dando lugar a formas moi curiosas e rechamantes, ademais de desfrutar dos cantís máis verticais da serra da Capelada.

O domingo, último día de XeoRutas, comezou coa XeoRuta do Toelo, que permite coñecer de primeira man as serpentinitas ou “toelo” (pedra de Moeche). Estas rochas de cor verde están consideradas unha verdadeira xoia xeolóxica, sendo explotadas desde o século XIX en numerosas canteiras do concello de Moeche. Nela realizouse tamén unha visita guiada ás instalacións do Castelo, co recentemente renovado Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas. O programa finalizou o domingo pola tarde coa XeoRuta dos Cantís, que ofrece unhas impresionantes vistas panorámicas da serra da Capelada. Esta foi unha oportunidade única para tocar rochas que fai millóns de anos atopábanse a 70 km de profundidade, así como de descubrir materiais intensamente deformados pola colisión de dúas supercontinentes fai 350 millóns de anos.

En canto chegue o verán agárdase retomar o programa estival de XeoRutas, así que non vos preocupedes se non puidéchedes asistir a algunha destas xeorrutas ou se quedáchedes con ganas de máis.

Agárdase que para finais do mes de maio o Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal consiga a ratificación da UNESCO para converterse oficialmente en Xeoparque Mundial, tras a proposta favorable emitida, no pasado mes de decembro, polo Consello de Xeoparques da UNESCO.

 

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario