fusq

Medio Rural ofrece a súa colaboración para dinamizar o centro comarcal de transformación agroalimentaria

Facebook
Twitter
Email

O Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, José Silvestre Balseiros, achegouse esta mañá ata Moeche para visitar as instalacións do centro de transformación A Fusquenlla, no que o seu departamento participou cunha axuda de 12.000 euros para o deseño técnico do proxecto (sen contar os 119.000 euros de fondos europeos do Leader tramitados polo GDR Seitura 22). De feito, foi en 2019, cadrando coa Feira do 23 de abril, cando o responsable autonómico comprometeu a colaboración económica cunha iniciativa que poucos meses antes tomara corpo comarcal coa implicación de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño. Balseiros xa avanzara daquela a importancia de apostar pola formación e a disposición de Medio Rural para apoiar o desenvolvemento de todo tipo de cursos aproveitando as futuras instalacións. Hoxe, co edificio remodelado e equipado, volveu insistir no mesmo, convidando aos concellos promotores a aproveitar as convocatorias que publique a Xunta con esa finalidade e a valerse da Oficina Agraria Comarcal para programar actividades, como por exemplo a que vai comezar en setembro sobre comercialización de produtos hortofructícolas e mel cun total de 80 persoas preinscritas. A Fusquenlla nace con vocación de impulsar o envasado e comercialización de produtos de calidade en circuítos de proximidade, ademais de ser un dos principais referentes da estratexia de desenvolvemento sostible que se promove desde o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.

O curso -dirixido a persoas de alta no REAGA/REGA- impartirao a Oficina Agraria Comarcal de Ferrol, encadrado na programación formativa financiada polo Ministerio de Agricultura e os fondos europeos do FEADER. Será a primeira acción de capacitación que acolla o centro integrado na rede de coworking da Deputación da Coruña, que ten a intención de se converter en referente para as pequenas explotacións da comarca en todo o relacionado co envasado de horta, froita, zumes e mel.

Os catro concellos promotores están traballando xa no regulamento de uso e de xestión das instalacións que, ademais de tecnoloxía, tamén ofrecerán asesoramento nos procesos de transformación e o aval sanitario e de trazabilidade para a posterior comercialización dos produtos.

Canda esta función principal búscase tamén asegurar un calendario formativo fixo ao longo do ano e adaptado aos ciclos do agro. Nese sentido, o Director Xeral reafirmou a disposición de Medio Rural para continuar cooperando nas programacións por medio da oficina agraria, indicando que unha das estratexias da consellaría de cara aos próximos anos é a de reforzar desde os servizos comarcais a capacitación agrogandeira, recuperando en certo modo o traballo que facía antano o Servizo de Extensión Agraria.

Por outra banda, José Silvestre Balseiros comentou que a curto e medio prazo tamén se incrementarán os fondos dirixidos a formación no sector primario, susceptibles de ser aproveitados polos municipios implicados n’A Fusquenlla para dinamizar esta función do centro.

Promoción do centro de apoio ao medio rural
Precisamente diso, da dinamización das instalacións, foi do que falaron con Balseiros os representantes dos catro concellos no encontro de traballo que mantiveron trala visita protocolaria ás instalacións. O que lle expuxeron foi a posibilidade dunha maior implicación autonómica no proxecto en dous sentidos: por unha banda colaborando na promoción do novo servizo comarcal -para o que se baralla a organización dun evento específico seguido logo dunha campaña informativa- e, por outra, axudando no financiamento dos custes do persoal que será necesario para a súa xestión.

Este mediodía, tralo remate da xuntanza, o responsable de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Manolo Varela, fixo un balance “moi positivo” do encontro pola “boa disposición expresada polo Director Xeral para seguir colaborando con este proxecto que, segundo el mesmo nos dixo, se adianta ás políticas de sustentabilidade que se queren promover desde Europa”.

Na mesma liña tamén se manifestou a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, quen cualificou a visita do Director Xeral como “moi proveitosa”, habida conta de que o responsable autonómico se mostrou “moi interesado no proxecto e no seu futuro” e razón pola que, segundo a rexedora “pediu que lle enviasemos o borrador do regulamento e calquera iniciativa que queiramos levar adiante a partir de agora, co compromiso de atoparlle encaixe nas competencias do seu departamento e da Axencia Galega de Calidade Alimentaria”.

Máis de 240.000 euros de investimento e catro anos de traballo
Nas obras e no equipamento da infraestrutura investíronse máis de 240.000 euros cofinanciados polos fondos europeos do LEADER -a través do GDR Seitura 22-, cunha achega provincial de 88.000 euros e outros 12.000 para o deseño técnico sufragados pola Consellaría do Medio Rural, ademais dunha pequena contribución dos catro municipios.

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario