DSC00393-web1080x1920U70

A Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal defende a candidatura perante a comisión estatal de cooperación coa UNESCO

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Día decisivo para a candidatura do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, que este mediodía fixo unha presentación telemática dirixida á Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, organismo dependente da AECID que terá nos próximos días a difícil tarefa de elixir o proxecto ou proxectos que continuarán na súa carreira para obter o cobizado selo internacional. A documentación técnica enviouse hai case un mes, pero hoxe tocaba sintetizala en pouco máis dun cuarto de hora perante a comisión e aproveitar para reivindicar o valor xeolóxico “único” do territorio e tamén o traballo que se leva feito desde 2013, cando a Asociación de Amigos do Parque xeolóxico do Cabo Ortegal empezou a falar dunha idea á que en 2015 se sumarían as administracións locais de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, seguidas posteriormente da Deputación da Coruña e da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, xestora do produto turístico Ferrolterra-Rías Altas. Á saída da xuntanza telemática, a ata hai uns días presidenta da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, Beatriz Bascoy, mostrouse cauta ao tempo que esperanzada en que a nosa zona sexa unha das elixidas para conseguir o distintivo Global Geopark en 2021.

A reunión virtual coa Comisión comezou pouco despois das 13.30h. e prolongouse ata cerca das 16.00h. Nela participaron como poñentes o xeógrafo e axente de Desenvolvemento local Ignacio Fernández, o Director Científico do proxecto, Francisco Canosa, e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, presidenta de quenda da asociación xestora do proxecto no momento de preparar a candidatura. Canda ela e os dous técnicos tamén estiveron o alcalde de Cerdido, Benigno Galego, e o rexedor e maila concelleira de Turismo de Cedeira, Pablo Moreda e Carmela Prieto.

Ademais, á presentación telemática tamén asistiu desde Santiago a Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen expresou o apoio do seu departamento á iniciativa, algo que a Xunta xa fixera por carta e que é preceptivo para que as candidaturas sexan admitidas neste proceso selectivo con tres propostas sobre da mesa: a do Cabo Ortegal e as cántabras da Costa Quebrada e Valles de Cantabria. E das tres só poderán pasar á seguinte fase dúas como máximo, de aí a necesidade de apuntalar toda a documentación técnica cunha boa presentación ante o órgano que debe decidir.

“Intentamos plasmar na presentación todos os contidos do dossier, no que amosábamos os recursos e as accións que desenvolvemos ata este momento. Que visen cal é a nosa impresión sobre o proxecto; algo que vivimos, no que estamos involucrados e no que tamén colaboran as administracións”, explica o xeólogo Francisco Canosa. O Director Científico do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal destacou o contido das outras dúas candidaturas e apuntou como un posible factor determinante que o noso territorio “representaría unha peza fundamental e única dentro da rede española de xeoparques, e iso loxicamente ten que ter certo peso”.

Canosa recalcou a característica de “única” da zona do proxecto, con 108 lugares de interese xeolóxico e recursos que ou son exclusivos ou se poden atopar en poucas partes do mundo, como por exemplo a praia de areas negras de Teixidelo, os cantís de Herbeira, os afloramentos de rochas ecloxitas, as canteiras de toelo ou os espeleotemas das minas de cobre. “España é o segundo país con máis xeoparques despois de China. A competencia cada vez é maior. Nós temos que traballar en moitas cuestións, pero marcamos unha diferencia con outros territorios que é esa singulariedade xeolóxica que non está representada en ningún outro lugar e que é un complemento perfecto para a rede de xeoparques que temos no país”.

Canosa fixo unha descrición puramente xeolóxica do proxecto, mentres que Ignacio Fernández fixo unha contextualización xeográfica e económica do territorio, así como do seu potencial de desenvolvemento vencellado á figura dun xeoparque. A iso tamén se referiu Beatriz Bascoy, para quen a parte de desenvolvemento territorial “é se cadra a máis importante”. Porén, a presidenta saínte da asociación xestora apunta que, aínda conseguindo superar o exame do Comité estatal de cooperación coa UNESCO, quedaría “moito traballo por facer”. De feito, asegura Bascoy, “incluso se se acada ese selo de Xeoparque non é algo que se nos outorgue para toda a vida, senón que hai que traballar para mantelo”.

A alcaldesa de Moeche móstrase satisfeita co resultado da presentación e a prudencia do momento non lle quita de ser optimista: “A impresión é boa. A nosa candidatura desde o punto de vista xeolóxico é moi forte, é a peza que falta nos xeoparques. O importante é saber transmitir ben o traballo que se leva feito. A nosa é unha candidatura que naceu da sociedade e en 2015 abandeirámola os concellos, e iso ten un valor fundamental para ter éxito. Aló polo mes de novembro saberemos algo, pero eu desta presentación saio cunha impresión positiva”.

Despois da xornada de hoxe, a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO -dependente da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID)- aínda poderá requirir achegas ou aclaracións á documentación presentada hai unhas semanas. As precisións incorporaránse á redacción final, que ha de entregarse traducida ao Inglés. Ese documento e a presentación desta mañá serán as dúas referencias que terá a Comisión para avaliar as tres candidaturas presentadas e decidir se proseguen dúas, unha ou ningunha.

A/s elixida/s remitiránselle ao Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques, o órgano que ten a última  palabra na asignación do distintivo, previa avaliación sobre o terreo -posiblemente a partir do verán de 2021- de todas as accións levadas a cabo polas candidaturas.

Desde o proxecto do territorio do Cabo Ortegal vese a obtención do selo Global Geoparks -algo que só ostentan 161 territorios en todo o mundo- como “unha  oportunidade de ouro” para unha zona, a do norte da Coruña, “moi castigada polas distintas crises”. Ademais, a irrupción da COVID-19 trouxo aparellado un repunte do turismo “cara ao próximo, ao local”, algo que, segundo asegura Beatriz Bascoy, debe aproveitarse “para que a xente coñeza o territorio e valores o que pode ser o xeoparque”.

 

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar