83082412_141668737297220_5973899574266298368_o

A Comisión Nacional da UNESCO non presentará este ano ningunha candidatura a xeoparque

Facebook
Twitter
Email
A Comisión Nacional de Cooperación coa UNESCO -o ente encargado de decidir que candidaturas acceden ao exame final para obter o selo Global Geopark- comunicou onte á tarde a súa decisión de non remitirlle este ano ás Nacións Unidas ningún dos tres proxectos presentados: Vales de Cantabria, Costa Quebrada e o noso, o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. Malia recoñecer o “extraordinario” patrimonio xeolóxico das tres zonas e o “esforzo realizado polas candidaturas”, o organismo dependente da AECID optou por non avalar ningunha das propostas debido á falla do “consenso necesario” entre os membros do Comité Nacional Español de Xeoparques, quen se encarga á súa vez de avaliar tecnicamente cada unha das candidaturas. Tal e como comentou esta mañá a rexedora de Moeche, Beatriz Bascoy, a decisión da comisión estatal causou “unha pequena decepción” no seo da asociación promotora do proxecto do Cabo Ortegal que, porén, “non nos quita optimismo nin ganas de traballar para conseguir o selo”. De feito, segundo Bascoy, o veredicto da comisión  vese como unha oportunidade para “afinar e mellorar a proposta” de cara á rolda do ano que vén. 
 
A comunicación recibida onte só se refire á decisión da Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO de non darlle o visto e prace a ningunha das tres candidaturas que se postularon este ano. Dentro duns días enviaráselle a cada unha delas un documento máis extenso que recollerá os comentarios sobre cales son os aspectos que cómpre redefinir e que cuestións formais “imprescindibles” se deben incorporar ás propostas, de cara que conten “co rigor e a madureza suficientes para poder ser seleccionadas finalmente como Xeoparques Mundiais”, tal e como se apunta na carta da comisión.
Na misiva menciónase que as tres aspirantes “recollen un extraordinario patrimonio xeolóxico e buscan contribuír ao desenvolvemento das comunidades nas que se asentan”, ademais de valorar “o esforzo realizado” neste 2020 de pandemia para cumprir os prazos do calendario marcado polo Programa de Xeoparques Mundiais UNESCO.
A decisión de non admitir ningunha das candidaturas obedece, segundo sinala a comisión, a que tampouco ningunha delas alcanzou “o consenso necesario” entre os membros do Comité Nacional Español de Xeoparques. Apúntanse, con carácter xeral,  “razóns de concepción dos proxectos” que ofrecesen  “garantías” de éxito na avaliación final da UNESCO e que, ademais, respondesen ao “alto grao de autoesixencia e prestixio” alcanzado por España dentro do programa internacional.
A noticia do rexeitamento da candidatura causou certa decepción na Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal. “Cada ano selecciónanse un máximo de dous proxectos. Este ano eramos tres e podía ser que se elixisen dous, un ou ningún. Era unha posibilidade que estaba aí e que sempre tivemos moi presente. Que neste 2020 non poida ser supón unha pequena decepción, pero tamén unha oportunidade de aprender e de saber o que debemos afinar e mellorar no noso proxecto”, comenta Beatriz Bascoy.
A rexedora de Moeche -quen ostentou a presidencia da asociación xestora ata hai pouco- comenta a este respecto que o informe final do Comité Nacional Español de Xeoparques se “analizará con detemento” de cara a “corrixir ou reorientar as partes que nos indiquen”, co obxectivo de poder concorrer á próxima rolda de candidaturas, que tocará defender de novo a comezos do outono de 2021. “Temos por diante case un ano para axustar o proxecto, sobre todo na definición de accións concretas que consigan un desenvolvemento territorial asociado ao patrimonio xeolóxico único e excepcional que temos na nosa zona. A decisión da comisión estatal de cooperación coa UNESCO  non nos quita optimismo nin ganas de traballar para conseguir o selo de Xeoparque Mundial”.
Desde a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal agradécense os apoios recibidos para a candidatura -preto de 150- por parte de institucións, entidades, empresas e particulares. “Nos últimos meses recabamos un grande número de adhesións ao proxecto e queremos seguir ampliando a súa base social, que será clave para o seu éxito futuro”, comentou a presidenta saínte, substituída recentemente no cargo polo alcalde de Valdoviño, Alberto González.

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario