O pleno da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol tratou na sesión ordinaria que celebrou esta tarde a presentación en Fitur 2020 de dous productos turísticos que está a impulsar. Trátase do Camiño a Santo André de Teixido e o proxecto de xeoparque Cabo Ortegal.
O Camiño de Santo André de Teixido foi recentemente obxecto dun diagnóstico participativo e dunha xornada á que acudiron expertos de distintos ámbitos. Ambas análises coincidiron no altísimo potencial turístico deste recurso. Os expertos en historia e antropoloxía que participaron no foro destacaron a singularidade e excepcionalidade dunha vía que se encontra amplamente documentada dende o século XVI. Tamén salientaron o seu potencial como dinamizador da economía turística de forma sustentable.
Por outra banda, o xeoparque é unha distinción que outorga a Unesco, e, por tanto, ten un efecto moi importante como reclamo. No caso do que se está en proxecto no Cabo Ortegal, afecta aos concellos do norte da mancomunidade, como son Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. Ao longo do 2019 leváronse a cabo distintas accións para implicar ao tecido empresarial, aos profesionais turísticos e demais axentes sociais no proceso de candidatura. Ademais, desenvolvéronse distintos soportes promocionais, como unha páxina web e un vídeo do proxecto.