san_andres_teixido_DSC7482-web1280x1920H80

A zona do proxecto de xeoparque do Cabo Ortegal aspira aos Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Momentos decisivos para o territorio do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, integrado polos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. En cuestión de semanas saberase se o proxecto é proposto como candidato oficial por parte de España para obter o distintivo Global Geopark da UNESCO, partindo dunha xeoloxía única sobre a que se asenta un amplo plan estratéxico relacionado co turismo e o desenvolvemento sostible. Ademais, toda a zona -que forma parte á súa vez do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas- tamén opta á convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos financiados cos fondos Next Generation. Preténdense obter ata 3,8 millóns de euros de financiamento para levar adiante 40 accións nos próximos tres anos de cara a estruturar -e apoiar- a oferta turística e de servizos dunha área xeográfica que se revelou nos últimos tempos como unha das de maior potencial do norte do Estado. O seu atractivo reside na garantía de tranquilidade, nunha paisaxe espectacular lonxe de aglomeracións e nunha completa oferta de servizos que permiten gozar sen présas do coñecemento da natureza, da cultura, do patrimonio, da gastronomía e do produto local.

Son máis de 600 quilómetros cadrados de superficie cunha das paisaxes máis impresionantes de España. No borde norte encóntranse os cantís marítimos máis elevados da Europa continental, ademais dos maiores afloramentos mundiais de ecloxitas, un tipo de rocha que habitualmente se encontra no Manto terrestre e que aquí, especialmente nas zonas de Cariño, Ortigueira e Cedeira, pode observarse e investigarse a simple vista.

Ese é o motivo de que a estratexia de difusión e desenvolvemento propoña facer “Unha viaxe ao interior da Terra”, por ser aquí onde se mostran en superficie fenómenos ocultos a 70 quilómetros de profundidade, aos que se lles engaden outras interesantes manifestacións xeolóxicas e lugares excepcionais como a praia de Teixidelo -única no mundo de area negra non volcánica-; os restos de vulcanismo das zonas de Loiba, Espasante e Pantín; o areal granatífero de Fornos, os arcos costeiros e furnas de Cedeira ou o sistema dunar e maila lagoa da Frouxeira, en Valdoviño que, ademais, acolle o remate dunha grande falla que fende Galicia en dous.

Mentres, máis ao interior, nas antigas minas de cobre de Moeche e Cerdido descubrimos os espeleotemas máis espectaculares do noroeste peninsular, cheos de estalactitas de rechamantes cores verdes, azuis e amarelas xurdidas tralo cesamento da actividade extractiva. Nestes dous municipios e no de San Sadurniño tamén aparece na paisaxe e no patrimonio outra rareza: o toelo, que é unha rocha do tipo das serpentinitas de cor verde ou gris veteada -de aí o seu nome, semellante á pel dun réptil- moi utilizada na zona como pedra ornamental.

A zona do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal ten unha riqueza xeolóxica fóra do común que permite descubrir o contexto xeolóxico da Oroxenia Varisca Ibérica, un dos capítulos máis apaixoantes da historia do planeta. En relación con este contexto, o catálogo de lugares de interese xeolóxico de relevancia internacional -denominados Geosites- elaborado polo IGME, sinala ata seis enclaves únicos polo seu valor científico, algo certamente inusual nunha área xeográfica tan reducida. E máis aínda se se ten en conta que para ser xeoparque a UNESCO só esixe dispor como mínimo dun destes Geosites.

Xeoturismo e desenvolvemento sostible
Esta riqueza xeolóxica única é a base sobre a que se artella o proxecto de xeoparque promovido polos sete concellos da zona, vencellando con ela unha estratexia de desenvolvemento sostible que potencie o seu coñecemento, o turismo e outros recursos, como por exemplo a produción agroalimentaria de calidade, a posta en valor do patrimonio ou a dinamización da hostalaría e outros servizos relacionados. Cómpre recordar que o ámbito do proxecto dispón de máis de 3.100 prazas de aloxamento -o 34% do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas- e unha amplisima oferta de restaurantes e empresas de turismo activo.

Neste sentido a área do proxecto xa ten moito camiño andado como produto diferenzado. A Serra da Capelada -nomeadamente o borde de Herbeira e a punta dos Aguillóns- forma parte do “Top Ten” de Turismo de Galicia; Santo André de Teixido é, xunto con Santiago, o lugar de peregrinación máis importante de Galicia; as igrexas, cruceiros, vilas históricas, restos arqueolóxicos -o castro de Sarridal ou o de Prados- e os castelos -Moeche, Naraío e a Concepción-, compleméntanse cunha ampla rede de sendeiros naturais e culturais que entretecen todo o territorio.

E, sobre todo este valor, o atractivo gastronómico con produtos de proximidade da terra e do mar -peixes, mariscos, carnes, lácteos, mel, horta, etc.-, rías e praias pouco masificadas que, ademais, son referentes internacionais para a práctica de deportes acuáticos coma o surf. De feito, Valdoviño acolle todos os anos o Pantin Classic e conta co único museo de España, o Océano Surf Museo, dedicado a esta disciplina, que vén engadirse ao conxunto de espazos interpretativos do territorio: o Museo Mares de Cedeira -pertencente igual que o de Valdoviño á rede internacional REMA-, o Castelo da Concepción, o Centro de interpretación das Revolucións Irmandiñas de Moeche e o Centro de Interpretación do Patrimonio e a Paisaxe de Ortigueira.

Pero hai máis, posto que á oferta de rutas e servizos para descubrir o territorio xúntaselle tamén un grande abano de eventos que entroncan directamente coa tradición ou que son iniciativas novas: o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, o Festival Irmandiño e as feiras do 11 e o 23 de Moeche, as procesións marítimas das vilas mariñeiras -Cariño, Cedeira e Ortigueira-, a recuperación do Samaín en Cedeira e das mallas tradicionais en Cerdido, a cita co surf internacional no Pantín Classic de Valdoviño, a Feira Rural de San Sadurniño…

A estratexia do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal enlaza todos estes recursos e propón unha dinamización territorial comprometida cos obxectivos de desenvolvemento sostible da década que contribúa a reverter a crise económica e demográfica da zona. Neste momento o plan agarda polo veredicto da Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, que á volta dunhas semanas decidirá cales serán as dúas candidaturas que optan a obter o selo Global Geopark das Nacións Unidas, de relevancia similar a unha declaración como Patrimonio da Humanidade.

Esta mañá celebrouse unha reunión telemática do Comité Nacional Español de Xeoparques para avaliar o cumprimento dos requisitos documentais por parte dos catro aspirantes que concorren á convocatoria deste ano: Costa Cebrada e Vales de Cantabria (ambas de Cantabria),  A Rioxa -denominado “Pegadas de Dinosauro” e Cabo Ortegal. A decisión do Comité de Cooperación coa UNESCO coñecerase, previsiblemente, a finais de novembro.

Plan de Sostenibilidade Turística en Destinos
Alén do traballo preparatorio efectuado nos últimos anos polos sete concellos -unidos na Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal-, a Deputación da Coruña tamén impulsou neste pasado mes de setembro a candidatura do proxecto á Convocatoria Extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos. Este Plan, presentado para o seu encaixe no Plan territorial Galicia-Turismo Litoral da Xunta de Galicia, suporía unha achega global de 3,8 millóns de euros para o período 2022-2024, financiados con cargo aos Fondos Next Generation.

O Plan presentado estruturase nos catro eixos de traballo determinados pola convocatoria: transición verde e sostible, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. Estas catro liñas reúnen un total de 40 accións, todas elas conectadas a través dunha estratexia de desenvolvemento turístico e territorial encadrada na candidatura a Xeoparque Mundial da UNESCO.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar