Os xeoparques mundiais da UNESCO son iniciativas de desenvolvemento construídas desde abaixo e que precisan a máxima base social para empezar a andar e consolidarse. Son proxectos para as persoas e feitos día a día polas persoas dun territorio que busca ampliar o seu potencial socioeconómico, cultural, turístico e de coñecemento,  aproveitando para iso o patrimonio xeolóxico.

Ti podes axudarnos a alcanzar ese obxectivo de moitas maneiras: participando nos eventos que se organizan, interesándote por todo o que significa o proxecto, seguíndonos e compartindo contidos a través das túas redes sociais… incluso dándonos alento deixando constancia aquí do teu apoio.

Es unha asociación? Convértete nunha das nosas Entidades Amigas

Se sodes unha asociación ou colectivo legalmente constituido tamén podedes integrarvos no proxecto como “Entidade Amiga”, sempre que as fins sexan coincidentes coa filosofía dun xeoparque.

Debedes acordar e aprobar a solicitude e logo enviarnos a documentación para que a Asociación xestora poida aprobar formalmente a petición, coa que accederedes ao Foro de Participación Local. O Foro é un órgano consultivo que busca estreitar a colaboración do tecido social co proxecto e favorecer as relacións entre as propias entidades que participan nel.

Ser “Entidade Amiga” non implica o pagamento de cotas, pero si requirirá certos compromisos, como por exemplo a exhibición do distintivo do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal (podes descargar o manual de uso e os logos desde esta ligazón) nas comunicacións de actividades, participar en xornadas e cursos formativos relacionados co proxecto, asesorar á asociación xestora en materias nas que as entidades sexan especialistas e, tamén importante, facer activismo como embaixadoras do xeoparque dentro e fóra do territorio.

Alén de reforzar o proxecto pola base -algo que a UNESCO mira con lupa á hora de conceder o distintivo Global Geopark-, ser Entidade Amiga tamén ten beneficios, entre eles o de crear sinerxias para levar adiante iniciativas conxuntas de todo tipo -culturais, ambientais, de posta en valor do patrimonio material e inmaterial, etc- e o de estar contribuíndo á implantación no territorio dun modelo de desenvolvemento social e ambientalmente sostible.

Documentación descargable:
Protocolo “Entidade Amiga” (.pdf)
Solicitude de adhesión como “Entidade Amiga” (.pdf) (. docx)
Acordo de colaboración “Entidade Amiga” (.pdf) (. docx)
Solicitude de baixa como “Entidade Amiga” (.pdf) (. docx)

Xa somos 257 persoas, entidades e empresas as que apostamos por un xeoparque para o Cabo Ortegal. Únete a nós!

Xa se uniron a nós...

Unha viaxe ao interior da Terra

© Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol