PresentaciónIITrofeoXeoparqueOrtegal

Arredor de 200 persoas participarán este sábadono II Trofeo Xeoparque Cabo Ortegal de orientación en bicicleta

Facebook
Twitter
Email

Preto de 200 persoas daranse cita este sábado, 24 de setembro, en Cariño e en Cedeira para disputar o II Trofeo Xeoparque Cabo Ortegal de MTBO (orientación en bicicleta de montaña), unha proba organizada polo club Gallaecia Raid e a Federación Galega de Orientación que conta coa colaboración dos Concellos de Cariño
e Cedeira e da Deputación da Coruña. A presentación oficial da competición tivo lugar en Cariño esta mañá, coa participación do rexedor local, José Miguel Alonso Pumar; o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda; os concelleiros de Deportes de ambos os municipios, Jonathan Miranda e Jesús Romero; a vicepresidenta de Gallaecia Raid, Claudia Oreiro; e outros membros do club.

José Miguel Alonso Pumar explicou que “a través desta proba, que é unha das máis interesantes de todo o circuíto galego de orientación, aproveitamos para poñer en valor ou noso territorio natural, combinándoo co deporte ao aire libre” e destacou que “vai combinar espazos naturais con algún trazado urbano”.

Pola súa banda, Pablo Moreda coincidiu co seu homólogo e salientou que este trofeo “permítenos ser capaces de dinamizar, a través do deporte, o noso territorio” polo que convidou “a todos vos veciños e veciñas de Cedeira, Cariño e de toda a comarca a que veñan ver esta fermosa proba”.

“Estamos moi contentos co número de rexistrados nas dúas probas”, expresou Claudia Oreiro, que declarou que “nos fai especial ilusión porque é a segunda proba que facemos nesta zona e porque tentamos contribuír a que, tanto os concellos de Cedeira e Cariño como o proxecto de Xeoparque poidan conseguir máis visibilidade”.

Dúas probas de Liga Galega e un Campionato Galego de Sprint

O II Trofeo Xeoparque Cabo Ortegal de MTBO iniciarase o sábado pola mañá en Cedeira, cunha proba de distancia longa puntuable para a liga Galega, que terá un horario comprendido entre as 10 e as 14 horas. Pola tarde, de 16 a 19 horas, celebrarase a proba de Cariño, tamén puntuable para a liga Galega e que ademais inclúe o Campionato Galego de Sprint. É posible participar en só unha das dúas probas pero para optar ao Trofeo Xeoparque Cabo Ortegal é necesario facelo en ambas.

As persoas participantes deberán completar un extenso percorrido de orientación no menor tempo posible, superando as dificultades naturais que se atopen ao seu paso, utilizando exclusivamente as súas propias forzas, sen recibir axuda externa nin valerse de medios motorizados.

Este tipo de probas desenvólvense sen un percorrido predefinido e sen sinais no terreo, de maneira que o itinerario entre controis será libre. Necesitarase, polo tanto, obter a información de fontes non habituais como o mapa de man, ademais de precisarse grandes habilidades de orientación para aproveitar o tempo ao máximo e elixir os traxectos que mellor equilibren distancia e esforzo.

A entrega de trofeos realizarase tras finalizar a proba de Cariño, na meta situada na Avenida da Paz, á beira da Casa do Concello.

A difusión desta información encádrase no convenio de cofinanciamento do proxecto asinado entre a Deputación da Coruña e a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario