Foto de arquivo do litoral de Loiba, un dos recursos destacados do proxecto

As xeorrutas desta semana están practicamente todas completas

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Encaramos a segunda metade de agosto con novas oportunidades de descubrir a xeoloxía do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. As perspectivas de bo tempo, as vacacións e o feito de que a zona é un destino turístico alternativo e pouco masificado, fixeron que as xeorrutas programadas polos concellos estean sendo todo un éxito de participación. E para mostra, o exemplo desta semana: dos sete itinerarios ofertados, cinco teñen xa o cupo cuberto e dous están a piques de completarse.

Porén, as persoas interesadas poden inscribirse nas listas de agarda por se houbese baixas de última hora. Neste sentido, dado que a maioría das xeorrutas son gratuítas, desde os municipios pídeselles a aquelas que teñan praza e que non poidan ir por calquera motivo que o comuniquen o antes posible para cederlle o seu sitio a quen estea na lista.  As propostas para os próximos días son…

XOVES 19 DE AGOSTO

Xeorruta por Mina Piquito (completa, só lista de agarda)
Moeche
Grupo 1: 16.00-17.50h 
Grupo 2: 18.10-20.00h 
10€
Trátase dun xacemento de cobre que se explotou até finais dos anos 60 e que hoxe constitúe un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular. Nas galerías aínda hai restos da actividade mineira -vías, trabes, etc.- pero o que máis destacan son as estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes de grande viveza. Esta ruta está organizada polo Concello de Moeche e ten un custe de 10 euros. Nela, por cuestións de seguridade, só poderán participar maiores de 11 anos. O de Mina Piquito é o percorrido xeolóxico máis curto de todos cantos se ofrecen este verán. A entrada na mina farase en dous grupos, un a iso das 16:00h e outro a partir das 18:10h.  O cupo está cuberto en ambos, pero poden facerse reservas para a lista de agarda neste formulario:  https://goo.gl/9oVX8Y

VENRES 20 DE AGOSTO

Xeorruta dos Volcáns (completa, só lista de agarda)
10:00 – 14:00 
Praia do Picón (Loiba) Ortigueira
Gratuíta

Hai máis de 470 millóns de anos en todo o litoral de Loiba había numerosos volcáns, con erupcións moi explosivas e violentas. A día de hoxe aínda se poden apreciar nas rochas esas pegadas deixadas polos volcáns. Do mesmo xeito é posible observar cantos rodados que hai millóns de anos viaxaban en grandes icebergs, cando esta zona estaba próxima ao Polo Sur.

Esta xeorruta está organizada polo Concello de Ortigueira. O grupo xa está completo e só se dá a opción de inscribirse na lista de agarda, ben  no  981 974 103 ou no formulario en liña: https://goo.gl/FthJna

Xeorruta do Cromo 
16:30 – 20:30
Cedeira
Gratuíta
Nesta ruta percorreranse os cantís máis elevados da Europa continental, unha vista privilexiada para contemplar o litoral entre Teixido e a Punta do Cadro. Unha zona que xeoloxicamente destaca pola presenza de rochas moi pouco habituais na superficie do noso planeta. Asociadas a elas foron descubertas acumulacións de minerais de cromo e platino. Pero esta visita guiada permite ollar tamén a presenza dunha salientable falla que corta toda a Serra da Capelada.

Esta é outra das rutas organizadas polo Concello de Cedeira que adoitan completarse rapidamente. As reservas deben facerse neste formulario: https://goo.gl/xmgeSb

 

SÁBADO 21 DE AGOSTO

Xeorruta do Cobre (completa, só lista de agarda)
10:00 – 14:00
Cerdido-Moeche

Coñeceremos a minaría do cobre que se desenvolveu nos concellos de Moeche e Cerdido durante parte do século XX, da que nos quedan aínda varias galerías soterradas e elementos arquitectónicos como a cheminea de calcinación de Mina Maruxa, pero tamén unha planta de tratamento químico, balsas de estériles ou entulleiras de materiais sobrantes trala obtención do mineral. O punto de encontro para este percorrido é ao pé da Casa da Cultura de Cerdido, na Barqueira, no acceso desde a estrada das Somozas ao complexo mineiro. Trátase dun itinerario novo dentro da programación anual de xeorrutas, promovido neste caso polos dous concellos.

Xa está cuberto o cupo de 20 prazas ofertadas, aínda que é posible anotarse na lista de agarda a través deste formulario:  https://bit.ly/2T2iGEF

Xeorruta dos cantís (completa, só lista de agarda)
16:30 – 19:30
Cedeira
Gratuíta

Nesta ruta contemplaranse unhas impresionantes vistas panorámicas da Serra da Capelada, descubrindo así unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 m de altitude. Do mesmo xeito poderanse tocar rochas que hai millóns de anos se atopaban a 70 km de profundidade. O percorrido está organizado polo Concello de Cedeira. As prazas para participar neste itinerario cubríronse ao pouco de abrir as inscricións, polo que só é posible inscribirse na lista de agarda:  https://goo.gl/tctbby

 

DOMINGO 22 DE AGOSTO

Xeorruta das Praias Negras (completa, só lista de agarda)
10:00 – 16:00
Teixidelo, Cedeira

Esta ruta xeolóxica incluída na programación do Concello de Cedeira permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta. Pero, sen dúbida, o emprazamento desta praia de Teixidelo -aos pés dos cantís máis altos da Europa continental- fan desta zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes. Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar. Para chegar á saída proponse quedar na oficina de turismo media hora antes, ou ben directamente no cruceiro de Teixidelo.

As 15 prazas ofertadas xa están cubertas, aínda que é posible inscribirse na lista de agarda por se se producisen baixas. Hai que facelo en liña neste formulario https://goo.gl/6d3qJ0

Xeorruta marítima
17:00 – 19:00
Peirao vello de Cedeira (ao pé da Cruz Vermella)
50€

Ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, cobran unha nova dimensión. As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. Prezo: 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar.

 

LUNS 23 DE AGOSTO

Xeorruta do Limo (completa, só lista de agarda)
10.00 – 14.00
Cariño
Gratuíta

Esta ruta polo macizo do Limo permitirá descubrir formacións rochosas moi singulares, que co paso do tempo adquiren formas sumamente curiosas e rechamantes. Isto unido a que o percorrido discorre polos cantís máis verticais da Serra da Capelada, farán desta visita xeolóxica unha oportunidade única para coñecer esta zona lindeira co corte costeiro de Herbeira, máis elevado pero menos pendente.

Para a ruta, organizada polo Concello de Cariño, ofrecéronse 20 prazas que xa están cubertas. As reservas para a lista de agarda poden facerse neste formulario: https://goo.gl/SZCGXM

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar