_DSC8604_Original ratio_2000x1334_U_80

A misión de avaliación da Unesco visitou hoxe os concellos do interior

Facebook
Twitter
Email

No segundo día de avaliación internacional do noso proxecto tocou percorrer os concellos do interior: San Sadurniño, Moeche e Cerdido. O británico Chris Woodley-Stewart e o uruguaio César Goso mantiveron ao longo da xornada varios encontros con entidades do territorio alternados con visitas a lugares destacados pola súa xeoloxía, pola súa paisaxe, polo seu patrimonio ou por tratarse de iniciativas de desenvolvemento local, co obxectivo de pulsar o grao de cumprimento dos requisitos establecidos pola Unesco para entrar na rede internacional de xeoparques.

A primeira parada en San Sadurniño foi a primeira hora da mañá no vértice xeodésico de Racamonde, en Naraío, onde o Concello  creou recentemente un pequeno espazo de interpretación ao aire libre que permite divisar case a totalidade do ámbito do proxecto de xeoparque, ademais estar integrado na zona granítica do Forgoselo e a súa litoloxía totalmente diferente á do resto do territorio aspirante ao distintivo Unesco.

Nese punto os auditores comentaron como posibilidade de mellora interpretativa cousas tan sinxelas como baixar a altura do panel principal que hai ao pé da escaleira ou incorporar información máis detallada sobre os fenómenos que se observan no Forgoselo, como por exemplo os tafoni (os buracos que se ven nas penas producidos pola acción erosiva e química da chuvia durante milenios), os bolos, as pedras cabaleiras e as turbeiras, que son os principais elementos de identidade desa parte da banda sur do proxecto.

Desde alí a expedición, guiada por Fran Canosa, Secundino García e José Miguel Alonso Pumar -na compaña dos xeólogos da Complutense Ricardo Arenas e Sonia Sánchez-, baixou ao castelo de Naraío para mostrarlles aos avaliadores a fortaleza e presentarlles o traballo da Asociación Veciñal O Castelo de Narahío, unha das que leva máis anos dándolle difusión ao proxecto, no que proximamente se integrará como “Entidade Amiga”.

César Galdo -secretario de O Castelo de Narahío- comentou algo da historia do lugar que lle dá nome á entidade, sinalando que a cesión da edificación por parte da Casa de Alba -o que abriría logo a posibilidade de facer intervencións de conservación-, fora resultado da demanda social con apoio do Concello. A asociación tamén lles trasladou aos auditores que, para ela, un dos grandes beneficios de chegar a ser xeoparque sería o de pertencer a un ámbito territorial máis amplo e con intereses comúns que fomente a relación entre colectivos e o desenvolvemento de proxectos conxuntos.

Logo dunha pequena visita á área de descanso de Igrexafeita -lugar no que a Goso e a Woodley-Stewart lles chamou a atención o hórreo que hai alí instalado, recomendando incluso recoller nos paneis información sobre el-, a misión avaliadora trasladouse á Casa do Concello para manter un encontro con colectivos e empresas relacionadas dun xeito ou doutro co desenvolvemento local e sociocultural.

Foi o caso do proxecto Chanfaina Lab encabezado polo académico Manolo González, das artesás das Tres Lolas da Cascarilla -que fan bonecas con plana do millo-, da Asociación Agroecolóxica A Cortiña -presidida por Xosé María García-, da firma de galletas ecolóxicas Maruxas de Nata -á xuntanza veu a súa responsable, Sandra Suárez- e da Asociación da Froita Autóctona do Eume, da que é membro o concelleiro de Desenvolvemento local Manolo Varela, quen aproveitou para explicar o contido da horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos e do Arboreto da Cortiña, que reproduce todos os tipos de bosque galegos, ademais de ser espazo de lecer que acolle feiras e outros eventos.

Na contorna da casa consistorial, xusto antes de marchar de San Sadurniño, os avaliadores tamén puideron aprezar os usos da serpentina (o toelo) como rocha ornamental moi empregada nas construcións máis antigas en linteis, escaleiras, cruceiros e mesmo como baños para salgar e conservar os produtos da matanza.

Moeche e Cerdido

O equipo avaliador da Unesco iniciou o seu percorrido por Moeche en Mina Piquito II. Acompañados pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, por Fran Canosa e polos profesores de xeoloxía da UCM, César Goso e máis Chris Woodley Stewart accederon ás galerías da antiga explotación de material rico en cobre, que se mantivo aberta até case os anos 70 do século pasado. No interior atendéronlle ás explicacións de Canosa sobre as vetas con presenza deste elemento, orixinadas hai millóns de anos polos materiais emanados a máis de 300 graos centígrados por fumarolas volcánicas submarinas.

Porén, ademais das explicacións técnicas do xeólogo, os avaliadores tamén puideron coñecer o traballo na mina cando estaba aberta, gracias á memoria do noso veciño Gerardo Dopico -Gerardo da Ribeira-, de 76 anos, que tamén participou na ruta e que entrou traballar na explotación sendo un cativo de 15 anos, primeiro no lavado do mineral e logo na propia Mina Piquito II -tamén coñecida como Mina Santa Marta-, antes de emigrar a Francia.

Tras máis de medio século abandonada, hoxe a mina é un espectacular espeleotema de estalactitas e estalagmitas azuis e marróns, ademais de mostrar acumulacións de xeso e xofre que semellan doutro planeta. Por este motivo, Mina Piquito está proposta para entrar no catálogo de novos Geosites -lugares dunha grande relevancia xeolóxica- do IGME e é un dos principais referentes xeolóxicos do proxecto de xeoparque.

Esta visita foi a última parada da mañá do luns e, logo da paréntese para xantar en Delfino, a misión retomou a avaliación achegándose ao Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla. Alí agardaban Iria Pena, da Gandaría Ecolóxica Lavandeira, Virtudes Méndez, da queixaría Lácteos Moeche e Isita Fernández Durán, do GDR Seitura 22, entidade xestora de fondos europeos de desenvolvemento rural que financiou a merca de equipamento, mentres que a Deputación da Coruña cubriu os custes do 80% das obras.

Os guías foron neste caso Beatriz Bascoy, o concelleiro de San Sadurniño Manolo Varela e a veterinaria Pilar García, formadora do centro, quen explicaron tanto o deseño das instalacións como o tipo de produto elaborado nos dous primeiros cursos que se organizaron, principalmente zumes e conservas de froita e horta, en espera de que entre en funcionamento a liña dedicada ao mel. A Fusquenlla é un proxecto integrado na rede provincial de espazos colaborativos e está promovida polos concellos de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño, os catro integrantes tamén do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. Antes de marchar ofreceuse unha degustación a base de queixo ecolóxico de Lácteos Moeche, zume de mazá e distintas compotas en conserva.

Desde A Fusquenlla, situada no recinto feiral de San Ramón, a misión de avaliación baixou ao val de Moeche para visitar o castelo, que proximamente acollerá un centro de interpretación do proxecto de xeoparque. Alí, tras achegarse á escultura adicada á canteira Soledad Campos (feita en toelo ou pedra de Moeche) e despois dunha breve introdución á historia da fortaleza por parte do técnico de Turismo, Ramón Carballeira, visitaron a exposición de obxectos en madeira do ebanista local José Fernández e, deseguido, houbo un  encontro con entidades veciñais e culturais do municipio. De feito, neste momento xa son seis os colectivos locais que forman parte do proxecto como “Entidades Amigas”, mentres que outros dous formalizarán proximamente a súa adhesión.

Na xuntanza participaron Xaquín Ros (AVV Val de Moeche), Eva Quetti (AVV Labacengos), Vanessa López (AVV Balocos), Alexandre Campos (AC Irmandiños). Tamén asistiu Mari Luz Umia, de Alalá Turismo, que é unha empresa local centrada nas experiencias culturais que ademais tamén ten previsto entrar dentro de pouco na actividade dos aloxamentos turísticos.

Woodley-Stewart e Goso preguntáronlles, entre outras cousas, como consideraban que a figura dun xeoparque podería axudar ao territorio. Unha cuestión para a que houbo resposta unánime, no sentido de que esta figura da Unesco daría a coñecer a zona de cara ao turismo internacional, abriría oportunidades para colaborar entre entidades e fomentaría un desenvolvemento sostible en todo o ámbito dos sete concellos promotores. Como recordo do seu paso por Moeche, os auditores internacionais levaron camisetas e carteis do Festival Irmandiño, ademais de queixos e produtos da Fusquenlla.

O remate desta intensa xornada produciuse en Cerdido para comentar o pasado mineiro do cobre compartido con Moeche. Alí visitouse a cheminea das Cabanas, que data de finais do século XIX como vestixio do sistema extractivo por calcinación empregado até que se impuxo o sistema de flotación con produtos químicos -entre eles o cianuro-, moito máis rendible e tamén perigoso e contaminante, tal e como quedou demostrado na vertedura que se produciu ao río Xubia nos anos 60 pola rotura dunha das balsas de Mina Piquito, o que supuxo a pequena escala un desastre ecolóxico similar ao ocorrido na mina sevillana de Aznalcóllar en 1998.

En Cerdido, na compaña do rexedor municipal Benigno Galego, Chris Woodley-Stewart e César Goso remataron a rolda achegándose aos campos de arandos de Horticina, onde os atendeu o seu responsable, Miguel Mato.

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario