Primeiro día da avaliación internacional da candidatura do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal para obter o distintivo da Unesco. Hoxe o percorrido centrouse na zona costeira, aínda que o percorrido foi precedido dunha xuntanza de contextualización dos valores do territorio -xeolóxicos, culturais, socioeconómicos, turísticos- e dunha explicación introdutoria das accións que se están levando a cabo desde a Asociación para a Xestión do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, formada polos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.
No primeiro encontro da auditoría, celebrado entre as 8:00 e as 11:15h na recentemente rehabilitada “Casa Avelino” de Cedeira, participou o presidente de quenda da entidade, José Miguel Alonso Pumar -quen acompañou aos avaliadores durante toda a xornada-, e tamén o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, ademais de persoal técnico do proxecto -María Mesías por parte do equipo de GoodLife e o xeólogo Fran Canosa-e Sonia Sánchez e Ricardo Arenas, da Facultade de Ciencias Xeolóxicas da Universidade Complutense. Como anfitrión da xuntanza da mañá e durante o percorrido da tarde actuou o rexedor cedeirés, Pablo Moreda.
Ao remate da reunión de traballo de primeira hora da mañá, e coa axenda moi axustada, a misión de avaliación achegouse até Valdoviño para coñecer os distintos graos de protección ambiental do territoiro nun encontro no miradoiro do Paraño coa Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo. Tamén asistiu o presidente da Asociación de Percebeiros de Meirás, Roberto Horjales, para falar da importancia económica do marisqueo na zona.
En Valdoviño tamén se visitou o Océano Surf Museo, o primeiro do Estado sobre esta disciplina deportiva. Os avaliadores, acompañados polo alcalde, Alberto González, intercambiaron impresións con Marcos Pita, propietario da escola de surf Pantín Surf Camp, con Vicente Irisarri -un dos pioneiros do surf en Galicia e no Estado- e co xerente da federación estatal, Lourenço Chaves. Na parada repasouse a historia desta actividade nos areais de Valdoviño e Pantín, ademais de comentar cos auditores o potencial da zona para ofrecer un modelo de turismo alternativo ao abeiro do posible xeoparque.
Xa pola tarde, a primeira parada foi no Museo Mares de Cedeira para descubrir alí a tradición e a actual importancia do mundo mariñeiro da man de José Rodríguez Arribe, José de Vigo, un dos impulsores deste museo de base asociativa cuxos fondos están compostos maioritariamente por doazóns da veciñanza da vila. Tal e como asegurou Rodríguez, o Mares de Cedeira -que está integrado na rede da Xunta de Galicia- é un museo “feito polo pobo e para o pobo”. Nel poden atoparse unha chea de aparellos e obxectos relacionados co mundo mariñeiro, ademais de contar cunha ampla colección de cunchas, corais, ósos de cetáceos e incluso unha caixa con area negra de Teixidelo “para que a xente poida vela e tocala e evitar que vaian alí collela”, comentoulle José de Vigo aos auditores.
A visita ao Mares de Cedeira abriu boca para a xeorruta marítima entre o peirao vello da vila e Cabo Ortegal coa empresa de turismo activo Rutas Cedeira, atendendo ás explicacións dos xeólogos a bordo sobre as particularidades dos cantís de Herbeira, dos do Limo -menos elevados pero máis verticais- e do propio cabo, punta do complexo xeolóxico do mesmo nome que se adentra no mar e que, ademais, é o maior afloramento de ecloxitas do planeta, un tipo de rochas que se atopan a máis de 70 quilómetros de profundidade e que aquí se poden ver en superficie.
A xornada rematou no Castelo da Concepción e no xacemento arqueolóxico do Castro de Sarridal reuníndose con persoas emprendedoras relacionadas co turismo: o artesán Jorge Bellón, José Manuel Breijo (Portal Norte), Daniel Pérez (Orixen). Tamén participaron Andrés Rodríguez en representación da asociación ambiental ARCE, o xerente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, Luís Alcalá, e os anfitrións: a concelleira de Cultura de Cedeira, Carmela Prieto, e o rexedor municipal, Pablo Moreda.
Mañá luns, segundo día da misión, os avaliadores da Unesco desprazaranse aos concellos do interior do proxecto: San Sadurniño, Moeche e Cerdido.
A difusión desta información encádrase no convenio de cofinanciamento do proxecto asinado entre a Deputación da Coruña e a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal.