A xuntanza celebrouse na sede da Deputación

Constitúese o Consello de Dirección do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

A alcaldesa de Moeche e mailos alcaldes de Cariño, Cedeira, Cerdido, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño aprobaron esta mañá canda ó deputado e responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, a constitución do Consello de Dirección do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, unha iniciativa supramunicipal que aposta pola potenciación do patrimonio xeolóxico deste territorio como factor de desenvolvemento. A xuntanza tivo lugar na sede da Deputación e, ademais de servir para crear a comunidade intermunicipal do proxecto,  tamén supuxo a designación de Benigno Galego como primeiro presidente do ente. Un cargo de carácter rotatorio que comeza polo municipio de menos habitantes.

Durante o primeiro ano de presidencia, o concello de Cerdido acollerá cunha periodicidade de tres meses as reunións programadas polos responsables das entidades que integran o proxecto. O deputado de Turismo, Xosé Regueira, subliñou que “hoxe tomamos as primeiras e a máis importantes decisións sobre este proxecto”, engadindo que as contratacións do plan director, da asistencia téncia e da imaxe corporativa “estean xa listas en setembro e así poder comezar a traballar sobre o territorio canto antes”.

Deste xeito, durante a reunión de hoxe, tomouse coñecemento do prego de prescricións para a contratación do Plan Director do Xeoparque e aprobouse a contratación dun servizo de asistencia técnica, que se encargará de coordinar as tarefas vencelladas ao expediente e á certificación da candidatura do Xeoparque que se pretende presentarlle á Unesco.

Xunto con estes acordos, a comunidade intermunicipal deulle o seu visto bo á creación e inscrición da imaxe corporativa do proxecto “Xeoparque Cabo Ortegal”. Para executar estas tres actuacións –Plan director, asistencia técnica e imaxe corporativa- o Consello de Dirección do Xeoparque Cabo de Ortegal decidiu asignar unha partida de 100.000 euros, un montante que representa a quinta parte do orzamento total do que dispón o proxecto, cifrado en 500.000 euros.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar