O presidente de quenda da asociación de municipios, Alberto González, contextualizou o Plan de Sostenibilidade Turística en Destino en relación co proxecto co que a área do Cabo Ortegal aspira a converterse en Xeoparque Mundial da UNESCO por medio da súa excepcionalidade xeolóxica “recoñecida internacionalmente” e dun programa de desenvolvemento integral no que “levamos anos traballando”. González precisou que a obtención do distintivo Global Geopark suporía un recoñecemento “da mesma categoría que un Patrimonio da Humanidade”.
Porén, alén dos valores xeolóxicos, o rexedor de Valdoviño tamén describiu a realidade territorial e social dunha área que abrangue 7 concellos, 631 quilómetros cadrados e 27.683 habitantes, e que precisa neste momento dun cambio de dinámicas cara a actividades máis sostibles, innovadoras e de maior valor engadido. Segundo asegurou tralo acto, o PSTD “é unha grande oportunidade de dispor dos recursos necesarios para desenvolver o noso proxecto. Temos o territorio, a paisaxe, temos a xeoloxía, pero isto ten que estar conectado cun produto turístico e de desenvolvemento económico”.
González insistiu en que o obxectivo é converter este territorio nun destino recoñecido a nivel internacional grazas á posta en valor dos excepcionais recursos xeolóxicos, naturais, culturais, produtivos e sociais cos que conta, ao tempo que aproveitou para salientar a riqueza do sector primario da comarca -tanto o mariñeiro como o agrogandeiro- así como a importancia de Santo André de Teixido como elemento singular e vertebrador, lugar de peregrinación, e segundo santuario en Galicia con maior importancia en visitas, despois de Compostela.
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da Área de Turismo, Xosé Regueira, destacou que o proxecto presentado polo seu departamento aos Plans de Sostenibilidade Turística en Destino está cuantificado 3,8 millóns de euros e contempla 40 accións estruturadas en 4 eixos programáticos de traballo: transición verde e sostible, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. Tal e como explicou Regueira, estas 40 accións están conectadas a través dunha estratexia global de desenvolvemento turístico e territorial enmarcada na candidatura a Xeoparque Mundial da UNESCO, cuxo obxectivo é o de impulsar un modelo de desenvolvemento sostible que dinamice, desestacionalice e desconcentre a oferta e demanda turística do destino.
O responsable provincial de Turismo asegurou que “agora temos que ter a intelixencia suficiente para ser capaces de captar o turista da nova era, o do novo paradigma, que é un turista consciente, que busca a autenticidade dos territorios que visita, e que busca un patrimonio natural e cultural diferenciado e ben coidado”.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, comentou ao remate do acto que o Plan de Sostenibilidade Turística en Destino para os sete municipios presentado pola Deputación “encaixou co espírito dos Next Generation e coa promoción do litoral que queremos facer nesta primeira fase dos fondos europeos” xa que, segundo asegurou, “representa todo o que se vai buscar a partir de agora: turismo de natureza, posta en valor de recursos naturais, espazos non tan explotados turisticamente e que polo tanto teñen moita proxección. Estamos encantados de que este proxecto chegue nun momento en que se pode financiar”.
O contido do plan
O PSTD do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal vai enfocado ao deseño e posta en marcha dun produto turístico especializado por medio de catro grandes ámbitos de traballo: a mellora do coñecemento, conservación e posta en valor dos recursos singulares
do territorio, promovendo un aproveitamento turístico sostible e responsable; a adecuada xestión, execución e avaliación das actuacións do Plan coa máxima participación social; a dinamización, incremento e mellora da oferta turística do territorio, adecuada ás características dos xeoparques e do seu público obxectivo; e, por último, a posta en práctica de accións que atraian e coiden dos visitantes para acadar un efecto multiplicador e desestacionalizador.
Estes catro ámbitos tradúcense nas 40 accións concretas que se desenvolverían no período 2022-2024 e que, en resume, pretenden preparar o territorio en canto a infraestruturas e servizos para atender aos mercados principais aos que se enfoca esta proposta turística: xeoturismo e turismo de natureza e ecoturismo como segmentos principais, engadindo actividades turismo activo e deportivo no medio natural (sendeirismo, BTT, surf, mergullo, navegación, parapente, eventos deportivos…) e as vinculadas cos produtos locais (turismo gastronómico, artesanía), sen esquecer o turismo cultural e a promoción do patrimonio material e inmaterial (festivais, feiras, mercados…)
A execución do Plan de Sostenibilidade Turística en Destino está orzamentada en 3,8 millóns de euros no documento presentado á Xunta e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para a súa avaliación. Tanto a Deputación da Coruña como a asociación de municipios agardan que en breve se resolvan as contías definitivas que percibirá cada un dos nove plans de sostenibilidade -entre eles o do Proxecto do Cabo Ortegal- que, en principio, se beneficiarán en Galicia desta convocatoria extraordinaria dos Next Generation.