WhatsApp Image 2021-05-19 at 14.24.12

Deputación, concellos e Xunta mostran en FITUR o seu compromiso co proxecto do xeoparque

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

O Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal presentouse hai escasos minutos en FITUR como un dos destinos turísticos estrela da provincia da Coruña e como un territorio cargado de argumentos para obter o distintivo Global Geopark da UNESCO. O pavillón institucional de Galicia acolleu pouco despois das 14.00h. as intervencións do vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e do presidente de quenda da asociación xestora, Alberto González, quen reivindicaron a riqueza xeolóxica, paisaxística e cultural do territorio, ademais da súa condición de destino seguro que aposta pola sostenibilidade como clave de cara ao futuro. Á presentación asistiron canda o alcalde de Valdoviño os rexedores e representantes dos outros seis municipios implicados no proxecto -Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira e San Sadurniño- e tamén o xeólogo Fran Canosa, encargado de facer unha pequena introdución sobre o alto valor científico dunha zona que este ano conta con poder presentar a súa candidatura a xeoparque mundial.

O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, agradeceu o compromiso dos concellos e a Xunta e defendeu os valores dun novo produto turístico que supón un recurso de desenvolvemento económico sostible asentado sobre o tesouro xeolóxico milenario. Na súa intervención no acto central da Deputación da Coruña en Fitur, Xosé Regueira, destacou a urxencia de consolidar o camiño da recuperación do sector turístico e mostrou o seu convencemento de que Fitur contribuirá a posicionar os recursos do territorio da provincia da Coruña que ofrece destinos que responden ás actuais demandas do turismo como calidade, seguridade e non masificación. Neste sentido, a presentación do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal supón levar á Feira Internacional de Turismo de Madrid, “un territorio turístico consolidado, cunha oferta variada, de altísima calidade e extraordinariamente auténtica, tanto no monumental como no cotiá, no paisaxe e na xente”.

“O recoñecemento UNESCO non só é fundamental para o desenvolvemento da estratexia turística na que Concellos, Deputación, Xunta de Galiza e sociedade estamos colaborando, senón tamén para presentar o que xa é unha realidade”, explicou Xosé Regueira na súa intervención en que destacou a importancia xeolóxica de Cabo Ortegal en que “millóns de anos de antigüidade avalan a súa singularidade”
Para Xosé Regueira a aposta colaboradora con outras administracións, concellos, entes de xestión e Xunta, achega “un novo produto á importante e diversa oferta coa que contamos no noso País, un produto de calidade, seguro, sostíbel e que ambiciona converterse nun novo produto UNESCO na nosa provincia”.

Sostenibilidade, innovación e futuro sobre o pasado
O presidente da Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal e alcalde de Valdoviño, Alberto González, en representación dos sete concellos que participan da iniciativa, destacou os extraordinarios valores paisaxísticos e xeolóxicos do territorio. “Propón a veciños e visitantes realizar unha viaxe ao interior da Terra, achegándonos a elementos xeolóxicos que tan só poderíamos atopar penetrando no globo terráqueo, a 70 quilómetros de profundidade. Contamos con praias de areas negras de orixe non volcánico únicas no mundo, como a de Teixidelo, con fallas moi activas ata hai 20 millóns de anos, ou con minas de cobre que gardan estalactitas e estalagmitas únicas de cor verde e azul, por citar algún dos innumerables elementos singulares que atesoura o territorio nos seus preto de 630 quilómetros cadrados”, afirmou o tamén alcalde de Valdoviño, concello que forma parte do proxecto xunto con Cedeira, Cerdido, Cariño, Ortigueira, San Sadurniño e Moeche.

Destacou que Fitur supón unha oportunidade para dar a coñecer o proxecto e un chanzo de cara ao recoñecemento da UNESCO. “Queremos dar a coñecer máis aló dos círculos científicos o noso extraordinario patrimonio xeolóxico, natural, paisaxístico, e cultural material e inmaterial, converténdoo nun referente divulgativo e turístico para os habitantes dos sete municipios implicados, pero tamén para o resto do mundo, especialistas na materia ou amantes de vivir experiencias.”, apuntou Alberto González para quen a difusión dos valores do proxecto e a propia declaración favorecerán “non só un desenvolvemento económico baseado na sostenibilidade e a innovación, senón que tamén reforzará a nosa posición como un territorio atractivo para desenvolver un proxecto vital”.

Apoio da Xunta
A Directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, mostrou en Fitur o apoio á candidatura de Ortegal e destacou que contar coa declaración de Xeoparque Mundical da UNESCO suporía “non só garantir a conservación deste territorio, que conta cun patrimonio xeolóxico único, se non tamén nos permitiría contar cunha panca dinamizadora do conxunto do territorio”, sinalou na súa intervención no acto de presentación de Fitur. “Sería unha grandísima noticia para Galicia. Así o valoramos desde a Xunta de Galicia cando enviamos o noso apoio á proposta da Deputación da Coruña en abril do ano pasado e así seguiremos facéndoo”, apuntou a directora de Turismo da Xunta.

Un territorio singular con materiais únicos
No acto que se desenvolveu en Fitur, e no que estaban representantes dos concellos do proxecto, o xeólogo Fran Canosa ocupouse de destacar desde o punto de vista científico a singularidade do Cabo Ortegal e os fenómenos xeolóxicos que fan único o territorio. “Estamos diante dun territorio singular, con materiais moi pouco habituais na superficie da terra, que formaron parte dun antigo océano ou mesmo de zonas moi profundas do planeta, atopamos rochas que, nalgún caso se corresponderían a máis de cen quilómetros de profundidade, moi difícil velas desta maneira”, explica Fran Canosa para quen esa presenza xeolóxica explica o lema que o proxecto utiliza de “viaxe ao interior da terra”.

Mais o territorio de Ortegal ofrece tamén afloramentos de rochas que son os maiores coñecidos no planeta como “ecloxitas que aparecen a carón do Cabo, e, produto da súa erosión, xenerouse unha praia única no mundo que é Teixidelo, constituída de area negra que non é de orixe volcánica”, sinala o xeólogo. Engade Canosa tamén como valor a destacada presenza de serpentinitas -coñecidas como toelo- en moitos elementos arquitectónicos da zona e o destacado pasado de minería de cobre que, coa oxidación provocada polo paso do tempo, está formando un dos maiores espeleotemas do norte da península, con espectaculares estalactitas e estalagmitas de cor azul.

Reunión de traballo co Xeoparque Montañas do Courel
Tamén no día de hoxe, pero en Galicia, a asistencia técnica para a presentación da candidatura mantivo unha reunión de traballo con Martín Alemparte, xerente do GDR Ribeira Sacra – O Courel, e xestor do único xeoparque que existe en Galicia, Montañas do Courel. Nesta reunión abordáronse temas de interese para a preparación da candidatura do Cabo Ortegal.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar