Artur Agostinho de Abreu, responsable científico do Xeoparque de Aoruca (Portugal) impartiu o sábado en Ortigueira unha interesante charla sobre o que debe ser un xeoparque

Deputación e concellos recollen as achegas do tecido social para o futuro xeoparque

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Este domingo ao mediodía remataron tres intensas xornadas de traballo para continuar avanzando no proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. A Deputación da Coruña e os sete municipios implicados na iniciativa organizaron conferencias especializadas, mesas de traballo e visitas guiadas coa finalidade de ampliar o coñecemento sobre o grande valor xeolóxico da zona e formular propostas para convertelo en motor socioeconómico vencellado non só co turismo xeral e especializado, senón tamén coa cultura e o patrimonio. Trátase, polo tanto, dun proxecto “integral”, tal e como se repetiu varias veces nestes tres últimos días, que busca aproveitar este potencial de forma sustentable, coa máxima participación social e, ao cabo, obter o prezado distintivo que outorga a UNESCO.

Foi Asier Hilario -director técnico do Geoparkea da Costa Vasca e asesor desinteresado para o proxecto do Ortegal- quen deixou ben claro nas charlas do venres en Cariño que todo xeoparque debe sustentarse en tres piares básicos: o patrimonio xeolóxico, a natureza que se asenta sobre del e todas as manifestacións humanas que xurdiron nese territorio -cultura, tradición, os distintos xeitos de aproveitar a terra, etc.-, que lle deben boa parte do que son á maneira en que a paisaxe se foi modelando durante millóns de anos.

“Un xeoparque é un territorio habitado onde a xente é a protagonista”, incidiu Hilario para poñer de relevancia o papel da capa social no seu funcionamento. O experto engadiu tamén que un xeoparque “non é un parque temático” nin tampouco unha marca que xere por si mesma normativa de protección que restrinxa os usos do chan, como si ocorrería, por exemplo, con figuras como a Rede Natura ou un parque natural.

Os xeoparques son, polo tanto, figuras avaladas pola UNESCO que deben contar cun plan de traballo coordinado para utilizar as peculiariedades xeolóxicas como punto de partida sobre as que armar -e levar a cabo- un programa de desenvolvemento local en toda regra.

Pero… ¿que condicións ten o chamado “complexo xeolóxico do Cabo Ortegal”?, ¿por que é tan especial?, ¿que teñen as nosas pedras para que valla a pena dedicarlle tanto esforzo?. Estas preguntas respondeunas o xeólogo Francisco Canosa, quen leva anos estudando a zona e tamén facendo un intenso labor divulgativo sobre a súa riqueza xeolóxica.

Canosa explicou que na zona comprendida entre Ortigueira e a estrema do Forgoselo hai identificados 52 lugares de interese xeolóxico dos cales alomenos 5 teñen unha relevancia internacional por ser únicos. E é que, simplificando, no Ortegal poden observarse a simple vista rochas que habitualmente están a uns 70 quilómetros de profundidade, algo que axuda a entender unha parte importante do proceso de formación do noso planeta ao longo dos últimos 4.600 millóns de anos, resultado das grandes presións e temperaturas que hai dentro da Terra e do constante movemento e colisión das placas tectónicas.

Aquí están “os maiores e mellores” afloramentos mundiais de ecloxitas que son iso, rochas producidas por grandes presións e altas temperaturas; existen praias con areas negras de orixe non volcánica e outras de cor vermella pola súa riqueza en partículas de granate; tamén contamos con “espeleotemas”, que é a palabra técnica para definir acumulacións de certos minerais dentro de covas ou, coma no caso de Cerdido e Moeche, no interior de antigas minas de cobre; temos fallas que estiveron moi activas ata hai 20 millóns de anos “un tempo moi recente en termos xeolóxicos”, segundo Canosa e, en definitiva, en pouco máis de 600 Km² de territorio asistimos a un dos capítulos máis apaixoantes da historia do planeta.

Contar esa historia ou, mellor dito, esas pequenas historias é o que pretenden os xeoparques, figuras da UNESCO que apoian no valor xeolóxico o desenvolvemento das comunidades onde se atopan. De feito, unha das condicións para obter o distintivo é contar con elementos singulares -e o Ortegal tenos-, outro é a existencia dunha estratexia para dalos a coñecer coa implicación da poboación local,  tamén fan falla órganos de dirección e científicos e, o máis importante, hai que ser capaces de manter esa estratexia no tempo e cumprindo os obxectivos que se recollen nela en canto a organización, funcionamento, comunicación e participación social.

As persoas que se dedican á xeoloxía saben desde hai medio século que o complexo do Cabo Ortegal é un sitio especial, pero foi dun tempo a esta parte cando se fixo un esforzo por achegarlle ese coñecemento a un público máis amplo e non especializado. Agora o paso seguinte é propoñer unha candidatura sólida que alcance o recoñecemento da UNESCO. E iso esixe traballo máis aló de ter identificados os recursos.

Aprender doutras experiencias
A xornada organizada esta fin de semana pola área de Turismo da Deputación da Coruña cargou moito as tintas neste apartado, no de como avanzar na preparación da candidatura. Para iso convidou a tres responsables doutros tantos xeoparques: Asier Hilario, director científico do Geoparkea vasco; Artur Agostinho de Abreu e Sá, un dos promotores do Xeoparque de Arouca, en Portugal; e a Martín Alemparte, coordinador do Xeoparque das Montañas do Courel, un dos últimos en incorporarse a este selecto club internacional do que só forman parte 147 territorios en todo o mundo. E o de usar a palabra club ten o seu aquel, xa que os xeoparques non andan por libre, senón que, unha vez certificados, teñen que traballar de forma coordinada e en rede, incluír unha parte de programación científica e educativa, e superar estrictas avaliacións cada catro anos para verificar que as estratexias que mereceron o distintivo se están levando á práctica.

Aquí, no caso do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, estase no momento previo á elaboración do plan director e da estratexia. A Deputación participa na iniciativa cunha inxección económica de 500.000 euros para acometer as primeiras actuacións, entre elas a redacción do plan. Ademais, a I Xornada sobre o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal desta fin de semana -na que participaron representantes de medio cento de entidades, empresas e particulares- tamén forma parte deses preparativos da candidatura, concretamente do capítulo dedicado á dinamización social, algo que os poñentes cualificaron como fundamental para a obtención do selo internacional.

“Todo o territorio é imprescindible, non hai unha zona máis importante ca outra”, comentou Artur Agostinho de Abreu na súa intervención. O experto explicou a xestación do xeoparque portugués como unha iniciativa “inclusiva” onde foi prioritaria a participación local. “Os xeoparques están feitos por persoas para as persoas, nun xeoparque ten que haber xente”. Neste sentido,  o de Arouca está xestionado por unha asociación que abrangue un ámbito de 328 Km² de superficie (a metade que o Ortegal) onde se estima un impacto económico anual duns 15 millóns de euros, que benefician a empresas organizadoras de visitas guiadas e actividades ao aire libre, á hostalaría e á venda de artesanía e produtos da terra, entre outras. Sirva como exemplo que un pequeno museo aloxado nun antigo galpón agrícola recibe cada ano uns 30.000 visitantes á procura do fenómeno das famosas “pedras parideiras”. O museo encóntrase nunha aldea con só 7 habitantes que, ademais, son quen gardan as instalacións e mesmo atenden excursionistas.

Boa parte do finanzamento para toda a infraestrutura necesaria deste xeoparque próximo a Porto -instalacións, sinalización, acondicionamento de itinerarios, miradoiros, etc.- obtívose mediante programas Interreg da Unión Europea, posto que a UNESCO outorga o distintivo pero non fondos, que saen dos organismos promotores ou da súa capacidade para atraer investimentos doutras administracións, como ocorre no caso do proxecto do Ortegal coa Deputación da Coruña.

Algo parecido sucedeu co novísimo xeoparque das Montañas do Courel. Alí empezouse a traballar xa en 2001 na idea de poñer en valor as formacións xeolóxicas e o  pasado mineiro como atractivos turísticos, destinando para iso fondos europeos PRODER e LEADER xestionados primeiro polo GDR Río Lor e logo polo GDR Ribeira Sacra-Courel, que engloba a área de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel.

A aparición da figura internacional do Xeoparque auspiciada pola UNESCO valeulles aos promotores para encaixar no proxecto todas aquelas actuacións, que supuxeron un investimento acumulado duns 10 millóns de euros durante os quince últimos anos. Cartos europeos cos que se foron construíndo miradoiros, sinalizándose rutas, editando publicacións, acondicionando espazos como centros de interpretación etc..

Elementos todos eles que apuntalaron un proxecto “que xerou ilusión e que conta co máximo apoio social”, segundo mencionou Martín Alemparte. O coordinador da iniciativa lembrou, ademais, que preparar a candidatura tivo un custe aproximado de 35.000 euros e que a xestión se fai polo momento de forma compartida entre os tres municipios valéndose de persoal propio e do GDR -onde traballa o propio Alemparte-, aínda que agora será necesario crear unha estrutura permanente e máis ou menos autónoma.

Un dos espellos aos que se está mirando o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal en canto ao modelo de xestión é o Geoparkea da Costa Vasca. Recibe arredor de 150.000 persoas cada ano das que unhas 40.000 percorren as rutas deseñadas en compaña de guía especialista, ademais de programar actividades para arredor de 15.000 escolares.   O Geoparkea xestiónase a través da asociación GEOGARAPEN, na que están representadas varias institucións, aínda que o peso o levan os tres concellos promotores: Deba, Zumaia e Mutriku. Asier Hilario, o seu director científico, avoga por estruturas xestoras que sexan áxiles no seu funcionamento e que respondan a tres preguntas básicas “¿que temos, como o imos xestionar e quen imos participar nesta aventura?”. Segundo dixo Hilario “un xeoparque ten que xerar condicións para o desenvolvemento” e iso non significa necesariamente dotarse dunha grande estrutura organizativa. O Geoparkea aposta polas visitas guiadas como a súa oferta estrela, sostida por persoas debidamente formadas pero que non traballan no organismo xestor do xeoparque.

Un camiño de alomenos dous anos
A UNESCO non outorga a distinción de Xeoparque Global a partir dun programa escrito, senón que para presentar unha candidatura fai falla levar a cabo investimentos e actuacións que, posteriormente, son verificados pola organización dependente das Nacións Unidas. É máis, antes de chegar sequera á UNESCO é necesario que a candidatura pase polo filtro do Comité Español de Xeoparques, que só admite dúas propostas por ano e sempre que os proxectos reunan suficientes condicións de solvencia técnica. O técnico de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Ignacio Fernández, -poñente tamén na xornada-,  sinalou que cómpre “planificar ben” e deseñar un “modelo sustentable e baseado no territorio que nos permita aproveitar o que temos”, engadindo que “son os concellos quen deben liderar proxectos innovadores coma este”.

Os concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Valdoviño, Cedeira, Cariño e Ortigueira levan tempo tentando arrancar co proxecto. En febreiro de 2018, a Deputación da Coruña e os sete municipios suscribiron un convenio coa finalidade de coordinar tanto a preparación da candidatura como as actuacións previstas no territorio, que se financiarán cunha achega provincial de 500.000 euros.

A primeira que se prevía levar adiante era a licitación do Plan Director que sustentaría toda a estratexia, coas miras postas en poder presentarlla á UNESCO neste 2019. Porén, malia o traballo técnico desenvolvido pola área de Turismo da Deputación da Coruña, ese paso inicial encóntrase nestes momentos á espera de luz verde por parte da Intervención provincial. Unha cuestión da que xa se falou na xuntanza de municipios do mes pasado en Cerdido, onde Moeche asumiu a presidencia rotatoria do grupo de traballo.

A próxima asemblea dos axentes implicados no proxecto terá lugar en Moeche este xoves ás 10.00h.. Nela abordaranse modificacións na documentación para a presentación da candidatura, debaterase sobre o modelo de xestión e comentaranse as conclusións recollidas nas mesas de traballo celebradas o sábado á tarde en Ortigueira.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar