Xuntanza dos sete municipios celebrada o pasado mes de febreiro

Exposición pública da memoria da candidatura do Proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal

Facebook
Twitter
Email

Os sete concellos integrados no proxecto de xeoparque continúan traballando para poder achegar o antes posible a súa proposta de candidatura perante o comité estatal de avaliación. Hai escasos días constituiuse a asociación xestora do proxecto e agora, seguindo os prazos, toca expoñer ao público a memoria da candidatura. O Boletín Oficial da Provincia publicou este venres 17 de abril o anuncio no que se comunica a apertura dese prazo de consultas durante un período de 20 días. Un tempo no que, ademais de consultarse o seu contido, tamén se poderán achegar observacións e opinións que han de dirixirse por escrito ao Concello de Moeche. Nas actuais circunstancias recoméndase achegar esas comunicacións por correo electrónico -correo@moeche.gal- ou a través da súa sede electrónica.

Na memoria da candidatura está practicamente todo o referido ao proxecto. Trátase dun documento que examina dunha maneira moi exhaustiva a realidade xeolóxica, natural, sociocultural e económica dos sete municipios. Unha análise que considera os 630 Km2 como un ámbito único, o do futuro xeoparque, e que pon de relevancia seu potencial de desenvolvemento en base a esta figura da UNESCO.

O texto establece dous obxectivos prioritarios. Dunha banda estaría o deseño dun parque xeolóxico -definición distinta de xeoparque- no que se poñan en valor “todos os recursos existentes, por medio dunha xestión froito da planificación e da cooperación entre os municipios promotores, outras administracións superiores e axentes sociais do territorio”.

O segundo grande obxectivo recollido na memoria atende ás actuacións “planificadas” relacionadas coa candidatura a Xeoparque mundial da UNESCO, nomeadamente o afianzamento da estrutura xestora do proxecto, alcanzar a implicación da poboación e o tecido empresarial no desenvolvemento da iniciativa, a preparación da candidatura ben argumentada e coincidente cos valores UNESCO, a creación dun relato “que potencie os nosos elementos diferenciais” e, por último, o reforzo da “cooperación e as alianzas” con outros xeoparques.

Para alcanzar estes dous obxectivos estratéxicos márcanse alomenos oito eixos de traballo, que pasan pola conservación dos recursos, a investigación e a divulgación; a gobernanza e xestión do proxecto; a educación ambiental; a estruturación e impulso do xeoturismo; o territorio e as infraestruturas; o desenvolvemento local e a sustentabilidade; a comunicación e visibilidade do proxecto e, como derradeiro eixo, todo o relacionado coa preparación dunha candidatura “sólida, completa e ben argumentada”.

O último apartado da memoria atende ás posibles vías de financiamento tanto para o deseño do proxecto e a xestión como para os primeiros investimentos e o mantemento dos servizos “que darán funcionalidade ao proxecto e permitirán avanzar no desenvolvemento sustentable do territorio”. Alén de apuntar como posibilidade o cofinanciamento municipal tamén se describe un apartado de “acceso a fontes de financiamento externo”, como por exemplo a Deputación da Coruña -quen xa achegou fondos para o traballo desenvolvido até o momento-, a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, a Xunta de Galicia e outros organismos dependentes, o Estado, a Unión Europea e mesmo a iniciativa privada de empresas e fundacións.

En calquera caso, toda a memoria da candidatura -65 páxinas- pode descargarse desde esta ligazón. Calquera persoa, entidade ou empresa que queira formular observacións ao texto dispón de 20 días para facelo, contados trala publicación do anuncio de exposición pública no BOP do 17 de abril.

Memoria da candidatura do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal (.pdf)
Anuncio de exposición publicado no BOP (ligazón externa)

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario