IMG_9432

Francisco Canosa falará en Ponferrada e Moeche sobre a riqueza xeolóxica do Cabo Ortegal

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

O xeólogo Francisco Canosa impartirá o venres e mailo sábado dúas charlas sobre o patrimonio xeolóxico da área do Cabo Ortegal. O reseñable da previsión é que a primeira se celebrará en Ponferrada no marco da programación paralela á mostra “Cristales del Bierzo”, mentres que ao día seguinte o divulgador manterá un encontro coa veciñanza do fondo de Moeche para continuar a difusión sobre o proxecto de xeoparque que impulsa tanto este municipio como os de Cariño, Cedeira, Cerdido, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.

A sesión do venres comezará ás 19.30h. no auditorio da Casa da Cultura de Ponferrada, a onde Canosa acudirá convidado polo colectivo GeoBierzo. A entidade mantén aberta a exposición “Cristais do Bierzo” para dar a coñecer a mineraloxía do occidente leonés e, ao mesmo tempo, programou varias charlas de persoas expertas para tratar distintos temas relacionados coa xeoloxía. Francisco Canosa falará sobre as peculiariedades do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal e principalmente sobre as características que fan desta zona un lugar único para o coñecemento dun dos capítulos da historia do noso planeta.

O xeólogo de Valdoviño tamén comentará co público o proxecto que se está levando a cabo de cara a presentar a candidatura do territorio a Xeoparque Mundial da UNESCO, algo que os sete municipios promotores agardan facer neste 2020.

Canosa abordará esta cuestión máis amplamente o sábado á tarde na charla organizada pola Asociación Val de Moeche, dentro da campaña divulgativa que se desenvolve para promover o coñecemento e a implicación da poboación local no proxecto.

A sesión volverá repasar a relevancia científica da zona pero tamén os beneficios da súa vinculación co turismo e co desenvolvemento sustentable, ademais doutras repercusións  que tería para o territorio se a obtención do certificado da UNESCO. Ao encontro, que comezará ás 16.30h. no local da asociación situado en San Xurxo, tamén asistirá o técnico municipal de turismo Ramón Carballeira.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar