Punta Frouxeira

Litoral de Valdoviño

No extremo máis occidental do proxecto do Xeoparque atópase a praia de Campelo, un bo lugar para ollar a falla de As Pontes-Pedroso, que estivo activa ata hai menos de 20 millóns de anos. Ao carón desta praia levántase o Monte de Campelo, fermosa atalaia natural formada por rochas graníticas, dende a que pode ollarse o val que une Valdoviño e Ferrol, denominado val litolóxico, é dicir unha depresión onde hai materiais máis brandos e onde, en consecuencia, a erosión actúa de xeito máis rapido. 

Seguindo por este litoral aparece o sistema dunar da Frouxeira, un dos máis completos e variados do noroeste peninsular. Xunto a el destaca a lagoa costeira da Frouxeira, formada durante o último aumento do nivel do mar, e reflexo dos cambios que sufriu esta costa como consecuencia da dinámica mariña. 

O que acabará sendo no futuro esta lagoa podemos observalo algo máis ao norte, en Pantín. Alí houbo tamén unha área asolagada que na actualidade se encontra cuberta de sedimentos e vexetación. Cabe mencionar que no extremo occidental da praia do Rodo -nome verdadeiro do areal- hai vestixios dunha intensa actividade volcánica submariña de carácter explosivo e violento cando esta parte da terra que hoxe é Galicia se atopaba no hemisferio Sur.

Concello: Valdoviño
Visitable: Si, a pé e en coche, con amplas zonas de aparcadoiro nos areais
Outros datos: A costa de Valdoviño pode bordearse camiñando practicamente na súa totalidade. Destacan os puntos de observación de aves existentes na ZEPA da Lagoa da Frouxeira e tamén o feito de que Pantín sexa un dos principais destinos europeos para a práctica do surf.

Comparte este contido

Facebook
Twitter
Email

Máis que ver

.

Unha viaxe a o interior da Terra

© Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol