xeoruta

Máis de 80 rutas para descubrirmos a excepcionalidade xeolóxica do noso proxecto

Facebook
Twitter
Email

O Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa volve poñerse á fronte dos itinerarios estivais que nos permitirán descubrir toda a riqueza xeolóxica que garda o noso territorio. Entre xullo e setembro desenvolveranse máis de 80 xeorrutas que ofrecen unha visión moi detallada das especificidades de toda a área do ámbito do proxecto. As primeiras desenvolveranse esta fin de semana por Cedeira, San Sadurniño e Moeche. Pero hai máis, moitísmas máis, algunhas delas desde o mar.

Así, no caso de Cedeira,  este venres 2 de xullo de 10 a 16.00h poderemos achegarnos ao fenómeno da praia de area negra de Teixidelo, única no mundo de orixe non volcánica, mentres que o domingo 4 pola tarde -16.30 a 20.30h- o itinerario levaranos pola zona dos cantís entre Santo André e a Punta do Cadro admirando unha paisaxe de rochas xurdidas de ata máis de 70 Km. de profundidade que en certos puntos aparecen asociadas a minerais coma o cromo ou o platino. As inscricións para a xeorruta do venres poden facerse aquí, e as do domingo pola tarde nestoutro formulario.

O sábado 3 de xullo, as xeorrutas trasládanse a Naraío -no concello de San Sadurniño- para ver entre as 10 e as 14.00h a formación das pías e dos bolos graníticos. Haberá dúas paradas, unha ao pé do castelo medieval e outra na parte máis elevada do Forgoselo, que marca o límite sur do ámbito do proxecto de Xeoparque. As inscricións poden facerse neste formulario.

O domingo 4 de xullo pola mañá, entre as 10.00 e as 14.00h, dous grupos de ata 10 persoas cada un poderán entrar nas galerías de Mina Piquito, en Moeche. Trátase dun xacemento de cobre que se explotou até finais dos anos 60 e que hoxe constitúe un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular. Esta ruta ten un custe de 10 euros e nela, por cuestións de seguridade, só poderán participar maiores de 11 anos. No formulario de inscrición indícase o número de conta no que se deberá facer o ingreso e o correo ao que cumprirá enviar o xustificante.

Alén destas seis primeiras xeorrutas do verán, ata o mes de setembro o territorio acollerá máis de 70 itinerarios de coñecemento xeolóxico, cultural e ambiental promovidos polos sete concellos implicados no Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. As referidas ao territorio de Cariño, que percorrerán a zona do macizo do Limo e o propio cabo que lle dá nome ao complexo xeolóxico -seguindo a xeorruta dos Aguillóns– comezarán o 19 de xullo e irán alternándose de luns en luns até o 30 de agosto.

Para participar nestas rutas -na súa maioría de dificultade baixa- cómpre prestarlle atención ao calendario publicado en Google Calendar con todas as datas, onde figuran as ligazóns aos formularios de reserva que adoitan activarse 15  días antes. Cómpre andar con lixeireza, posto que as prazas son limitadas e adoitan esgotarse ás poucas horas de abrir as inscricións.

Outras excursións serán as do Granate, o Litoral e os Cantís (Cedeira), as do Toelo en Moeche -ademais doutras dúas sobre a explotación mineira do cobre compartidas con Cerdido-, as das Lavas e os Volcáns en Ortigueira e tamén a dos Penidos, que percorrerá no mesmo municipio os afloramentos de ecloxitas que acaban de ser recoñecidos polo IGME como novo GEOSITE de relavancia internacional.

Rutas Cedeira móstranos a xeoloxía desde o mar
Tamén están previstas xeorrutas en Valdoviño, que se incorporarán proximamente ao calendario, e cómpre mencionar que a empresa de actividade ao aire libre Rutas Cedeira ten programadas para xullo cinco saídas marítimas de divulgación xeolóxica do litoral desde Cedeira até o Cabo Ortegal, pasando fronte á Punta Candieira, a enseada das Cortes, Santo André, os cantís de Herbeira, punta do Limo e os Aguillóns. As datas son as seguintes:

  • Venres 2 – 17.00h
  • Venres 9 – 11.00h
  • Sábado 10 – 17.00h
  • Domingo 18 -17.00h
  • Sábado 24 – 17.00h

Estas excursións en barco teñen un prezo de 50€ e para reservar haberá que contactar coa propia empresa no 722 615 382 ou pasar polas súas instalacións situadas ao carón do posto da Cruz Vermella, no peirao vello de Cedeira. A empresa tamén programará xeorrutas para os meses de agosto e setembro, co que a oferta para este verán dentro do ámbito do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal superará os 80 itinerarios xeolóxicos por terra e por mar.

 


Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario