MINAPIQUITO_CABECEIRA

Mar e interior no programa de xeorrutas destes días

Facebook
Twitter
Email

Estamos na semana grande das vacacións de xullo e nas datas en que se concentran tres das grandes citas lúdicas do verán do territorio aspirante a Xeoparque Unesco. E é que onte arrancou o Festival do Mundo Celta de Ortigueira -o máis longo da historia-, tamén está en marcha até o domingo o Pantín Classic Surf Pro en Valdoviño e o venres e sábado temos en Cariño as festas do Carme coa espectacular ruta marítima até os Aguillóns -sábado 11:30h- e a Danza de Arcos -13:30h-, que é un exemplo moi destacado do noso patrimonio inmaterial. Pero ademais de todo iso tamén temos xeorrutas de martes a domingo a razón de unha por día e combinando paisaxe -e formacións- do litoral con outras do interior. A elas engádeselles o inicio das xeorrutas marítimas entre Cedeira e Cariño ofrecidas pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira, unha o xoves ás 17:00h e outra o domingo ás 17:30h, saíndo ambas do peirao vello de Cedeira (reservas no 722 615 382).

Empezamos falando da programación de xeorrutas organizadas polos concellos integrantes do noso proxecto. En todas elas aínda hai prazas dispoñibles, pero cómpre non demorarse moito a reservar porque hai algunhas que están a piques de cubrir o cupo de asistentes, como por exemplo a das Areas Negras do xoves, a de Mina Piquito do sábado ou a do Granate que se desenvolverá o domingo.

As reservas hai que facelas obrigatoriamente en liña e cun custe por persoa de 9€, reintegrables ata 24 horas antes no caso de cancelación. Neste sentido tamén recordamos que as xeorrutas marítimas están organizadas por Rutas Cedeira en paralelo ao programa municipal, cun prezo por participante de 50€ e reserva telefónica -722 615 382- supeditada a que o estado do mar permita facer a viaxe con seguridade.

Martes 12 de xullo, 16:30 a 19:30h: Xeorruta dos Cantís (Concello de Cedeira). Máximo 20 prazas. Este martes á tarde temos un percorrido doado desde o miradoiro do Chao do Monte -preto de Santo André- para descubrirmos a Serra da Capelada, unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 m de altitude. No camiño observaranse distintos tipos de rochas que hai millóns de anos se atopaban a 70 km de profundidade, algo que podemos ver en varios lugares do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, exemplo único do denominado contexto xeolóxico do Oróxeno Varisco Ibérico. Máis info e reservas aquí.

Mércores 13 de xullo, 16:30 a 20:30h: Xeorruta dos Aguillóns (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas. Coñecerase de primeira man a maior concentración de ecloxitas de todo o planeta. As ecloxitas son esas rochas formadas en condicións de altas presións e temperaturas na parte máis próxima a nós do Manto terrestre e que, por este motivo, son difíciles de ver en superficie. Toda a zona que se visitará o mércores foi obxecto de numerosas investigacións científicas nas últimas décadas -sobre todo a parte máis ao norte, onde xorden os Aguillóns- porque a súa análise permite extraer datos sobre o que ocorreu e ocorre no interior do planeta.

Será unha auténtica “viaxe ao interior da Terra” sen deixar de ver a luz do día na que tamén haberá tempo para descubrir as formacións xeolóxicas que aparecen en San Xiao do Trebo, orixinadas neste caso pola fusión de outros materiais.

O percorrido consta de 3 paradas e o desprazamento entre elas realizarase en coches particulares. O percorrido ten unha dificultade media, debido á presenza de tramos con certa pendente, polo que é preciso levar un calzado cómodo e axeitado para ese tipo de terreos. Máis info e reservas aquí.

Xoves 14 de xullo, 10:00h a 14:00h: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). Máximo 15 prazas. Esta ruta xeolóxica permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta. Pero, sen dúbida, o emprazamento do areal de Teixidelo -aos pés dos cantís máis altos da Europa continental- fan da zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes.

Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla que leva o mesmo nome, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val que presenta todas as características dunha orixe glaciar.

Trátase dun percorrido de dificultade alta que require bo estado de forma e roupa e calzado adecuados. Tamén é altamente recomendable levar vara ou bastón, protección solar, auga e algo de comer (froita, barras enerxéticas, mellor algo lixeiro), algo que é altamente recomendable para todas as xeorrutas desta semana en que se agardan altas temperaturas. Máis info e reservas aquí.

Venres 15 de xullo, 16:30 a 20:30h: Xeorruta das Pías (Concello de San Sadurniño). Máximo 20 prazas. Abandonamos a zona costeira para emprender a primeira das xeorrutas interiores da semana, achegándonos para iso ao límite sur do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.

O punto de encontro é impoñente castelo de Naraío, situado sobre un rochedo xusto á beira do val estrutural do río Castro tendo de fronte os grandes desniveis do bloque granítico do Forgoselo.

Desde o castelo descenderase até a fervenza de Riolimpo, punto de confluencia entre a paisaxe de granito e materiais sedimentarios completamente distintos. O percorrido remata na zona de Racamonde -cómpre subir o coche- chea de exemplos de bolos, pedras cabaleiras, pías, acanaladuras e tafonis que non se atopan en ningún outro lugar do territorio aspirante a obter a distinción da UNESCO. Máis info e reservas aquí.

Sábado 16 de xullo, 16:30 a 18:30 e 18:40 a 20:40h: Xeorruta de Mina Piquito (Concello de Moeche). Máximo 10 persoas por quenda. Neste itinerario si nos meteremos literalmente no interior da Terra para facer a ruta máis curta de todo o programa e unha das máis rechamantes polo que iremos vendo a cada paso. Mina Piquito é un xacemento de cobre que se explotou até finais dos anos 60 e que hoxe constitúe un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular. Nas galerías aínda hai restos da actividade mineira -vías, trabes, etc.- pero o que máis destacan son as estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes de grande viveza que se foron formando desde que se clausurou a mina.

Por cuestións de seguridade, nesta xeorruta só poderán participar maiores de 11 anos. A entrada farase en dúas quendas, unha ás 16:30h e outra ás 18:40h. A reserva hai que facela escollendo un dos dous horarios. Máis info e reservas aquí.

Domingo 17 de xullo, 10:00 a 16:00h: Xeorruta do Granate (Concello de Cedeira). Máximo 15 prazas. Esta ruta discorre por un pequeno sendeiro de pescadores desde o Santuario de Santo André ata a enseada das Cortes, onde se observa unha ampla variedade de rochas moi rechamantes -entre elas algunhas con granates- tanto pola súa cor como pola súa textura, así como un salientable número de estruturas xeolóxicas que poñen de manifesto a intensa deformación que afectou a esta rexión hai 350 millóns de anos.

Esta ruta xeolóxica é para moitas das persoas que xa a fixeron unha das máis espectaculares de todas cantas se poden facer pola zona. Hai que ter en conta que é un percorrido de dificultade alta, debido á presenza de tramos con pedra solta e ao desnivel que acumula, polo que é preciso levar un calzado con bastante debuxo na suela e a poder ser que protexa os nocellos. O remate estimado da actividade será ás 16:00 h., polo que hai que levar comida e bebida. Máis info e reservas aquí.

Xoves 14, 17:00h e domingo 17 de xullo, 17:30h: Xeorruta marítima con Rutas Cedeira. Mínimo 8 e máximo 12 prazas. (50€/p) Ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, cobran unha nova dimensión.

As reservas -insistimos- deben efectuarse no teléfono 722 615 382. O prezo son 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar.

A difusión desta información encádrase no convenio de cofinanciamento do proxecto asinado entre a Deputación da Coruña e a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario