TrofeoXeoparque1

María del Mar Delgado e Ángel García vencen na categoría elite do Trofeo Xeoparque Cabo Ortegal de orientación en bicicleta

Facebook
Twitter
Email

Ángel García, do Club Brigantia, e María del Mar Delgado, do OP Betanzos, impuxéronse na categoría Elite do II Trofeo Xeoparque Cabo Ortegal de MTBO (Orientación en bicicleta de montaña), unha proba que se celebrou o pasado sábado, 24 de setembro, organizada polo club Gallaecia Raid e a Federación Galega de Orientación, coa colaboración dos concellos de Cariño e Cedeira e da Deputación da Coruña.

Preto de 200 persoas en total déronse cita no II Trofeo Xeoparque Cabo Ortegal de MTBO, que se iniciou o sábado pola mañá en Cedeira, cunha proba de distancia longa puntuable para a liga Galega.

Pola tarde, de 16 a 19 horas, celebrouse a proba de Cariño, tamén puntuable para a liga Galega e que ademais incluíu un Campionato Galego de Sprint. En categoría Elite masculino, o segundo posto do Trofeo Xeoparque Cabo Ortegal foi para Borja Varela Paz, do club Coco, e o terceiro para Rodrigo Iván Rodríguez López, do Club Compás de Lugo.

En Elite feminina a segunda posición conseguiuna Tania López Eyo, do Xesteiras, e a terceira Paula Naya Mancebo, do Gallaecia Raid. Todos os resultados poden consultarse nesta ligazón.

As persoas participantes tiveron que completar un extenso percorrido de orientación no menor tempo posible, superando as dificultades naturais que se foron atopando ao seu paso, utilizando exclusivamente as súas propias forzas, sen recibir axuda externa nin valerse de medios motorizados.

Este percorrido tiña que ser descoñecido de antemán, sendo o itinerario entre controis libre, polo que non estaba sinalizado o terreo, o que supuxo a necesidade de obter a información por fontes non habituais como o mapa.

A entrega de trofeos realizouse tras finalizar a proba de Cariño, na meta situada na Avenida da Paz, á beira da casa do concello. Correu a cargo do alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar e dos concelleiros de Deportes de Cariño e Cedeira, Jonathan Miranda e Jesús Romero, acompañados da representante da Federación Galega de Orientación, Natalia Pedre e do presidente e a vicepresidenta de Gallaecia Raid, Carlos Salvador e Claudia Oreiro.

A difusión desta información encádrase no convenio de cofinanciamento do proxecto asinado entre a Deputación da Coruña e a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario