Os responsables dos concellos integrantes da Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal celebraron onte en Valdoviño unha reunión de traballo para consensuar as liñas de actuación que se incluirán na candidatura do Proxecto de Xeoparque de Ortegal para a convocatoria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, impulsada pola área de Turismo da Deputación da Coruña. O departamento provincial tramitará a petición formalmente a próxima semana perante a Axencia de Turismo de Galicia, tal e como establece a convocatoria estatal publicada pola secretaría de Estado de Turismo.
A Deputación da Coruña traballa xa desde o pasado mes de marzo na elaboración deste Plan, para o que, de ser aceptado por parte da propia Xunta de Galicia e da Secretaría de Estado de Turismo, achegaría 300.000 € en tres anualidades comezando pola deste 2021. Este financiamento -que xa conta coa reserva económica correspondente ao presente exercicio-, xunto coa solicitado á Comunidade Autónoma e á Administración Xeral do Estado, suporía a inxección de recuros de aquí a 2023 para un proxecto global de 3 millóns de euros orientado á dinamización turística dun territorio fortemente castigado pola perda de actividade industrial nos últimos anos e que, ademais, deixa como outras repercusións unha alta dependencia do sector servizos e primario, unha acusada tendencia ao despoboamento e unha taxa moi elevada de envellecemento.
Nestas circunstancias, o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal pretende ser motor dun modelo de desenvolvemento responsable e comprometido cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, baseado na conservación, sensibilización e posta en valor do patrimonio singular do territorio -xeolóxico, natural, cultural, gastronómico, etc.- e totalmente aliñado coas preferencias do turismo da “nova era”, o máis acaído para a recuperación do sector despois da pandemia.
O Plan presentado estrutúrase nunha grande variedade de actuacións que abarcan distintos aspectos de toda a cadea de valor do turismo, conectadas á súa vez a través dunha estratexia global de desenvolvemento turístico e territorial encadrada na candidatura a Xeoparque Mundial da UNESCO.
En relación co proxecto que aspira a obter o distintivo Global Geopark, neste momento tamén se está traballando na elaboración do dossier completo de Candidatura, que se formalizará a finais deste mesmo mes, despois de que onte mesmo a Comisión Nacional da UNESCO comunicara que o 30 de abril remitiu a manifestación previa de interese tramitada polo Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal ao Secretariado do Programa de Ciencias de la Tierra y Geoparques de la UNESCO, completando así o primeiro paso do proceso.
Esta comunicación da Comisión Nacional vai acompañada dun informe elaborado polo IGME no que se valora toda a documentación presentada xunto coa Manifestación previa de interese en promover a candidatura neste 2021. O informe recalca a relevancia científica internacional deste territorio e, ao mesmo tempo, tamén destaca todos os aspectos citados na solicitude relativos ao traballo realizado nestes anos ao redor do proxecto.