O Auditorio Municipal de Valdoviño acollerá o luns 27, a partir das 17:00 horas, unha mesa redonda sobre o proxecto de creación do xeoparque do Cabo Ortegal. A mesa redonda dividirase en dúas partes, unha primeira na que os diferentes poñentes farán unha breve exposición de aspectos importantes do proxecto e unha segunda parte aberta á participación do público para aclarar as dúbidas que poidan xurdir.
Francisco Canosa, xeólogo e alma mater do proxecto, explicará que significa a figura de Xeoparque e, posteriormente, fará unha introdución á xeoloxía do Complexo de Cabo Ortegal para amosar a importancia científica deste territorio.
Rafael López falará das especies botánicas máis valiosas desta bisbarra e do seu estado de conservación. Nun breve paseo pola botánica rara ou moi escasa asociada ao Complexo de cabo Ortegal xustificará a catalogación de “importancia excepcional para o mantemento da biodiversidade” que lle concedeu o Ministerio de Medio Ambiente á Costa Ártabra.
Belén Pérez falará doutro dos piares dos xeoparques, o desenvolvemento integral sustentábel. Analizará o potencial da marca “Xeoparque” como motor económico dun territorio e mostrará exemplos de iniciativas dentro do marco do desenvolvemento rural.
Poñentes:
Francisco Canosa Martínez, doutor en Xeoloxía e autor do proxecto.
Rafael López Loureiro, profesor e naturalista.
Belén Pérez Pérez, presidenta da Asociación “Amigos do Parque Xeolóxico de Cabo Ortegal” e membro de AEPECT.