IMG_2537

O bo tempo acompaña na fin de semana do Geolodía

Facebook
Twitter
Email

110 persoas participaron esta fin de semana no Geolodía 2017 que se desenvolveu o sábado e mailo domingo polos territorios de San Sadurniño, Neda e A Capela organizado por estes tres concellos e a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal. O itinerario foi o mesmo as dúas xornadas: ruta polo val do Castro e o Forgoselo, as penas Louseiras e o contorno do Belelle e final nos canóns do Eume. O obxectivo, tamén idéntico os dous días: dar a coñecer a riqueza xeolóxica da zona cadrando cunha programación que se desenvolveu simultaneamente en todo o Estado ao longo da fin de semana. O sábado que vén -fóra xa do Geolodía 2017- volverase repetir unha actividade para a que xa non quedan prazas desde hai semanas. 

No caso de San Sadurniño, o percorrido coincide coa denominada “Ruta das pías” deseñada polo xeólogo Francisco Canosa, na que se describen elementos asociados á falla que percorre o eixo As Pontes – Pedroso ata rematar na praia de Campelo, en Valdoviño, e tamén ao bloque do Forgoselo. E é que o Castro marca a división entre dúas paisaxes moi distintas desde o punto de vista das súas orixes e da súa composición. Así, ao norte do río teriamos chan sedimentario e ao sur, os granitos emerxendo do chan e formando a grande meseta do Forgoselo.

Canosa explicou as diferenzas entrambos e tamén os pequenos fenómenos que se deron nestas paisaxes, como os ocos na pedra denominados “pías”, os “bolos” -grandes rochas fragmentadas de penedos maiores- ou as “pedras cabaleiras” que manteñen o equilibrio non se sabe como montadas unhas nas outras.

O itinerario comezou no Castelo de Naraío para facer unha pequena contextualización temporar sobre os distintos momentos xeolóxicos da Terra. Logo visitouse a central eléctrica para ver de preto a confluencia da parte norte e sur da falla -que neste punto mostra unha forte creba- e, xa preto do mediodía, a expedición subiu ao alto de Racamonde para apreciar outras formacións xeolóxicas que, mirando ao norte, forman parte na súa maioría do Complexo do Cabo Ortegal.

Canosa falou da zona dando curiosidades tan interesantes e sorprendentes como que o Mar Cantábrico non existe desde o punto de vista xeolóxico e xeográfico, senón que é unha denominación aplicada historicamente por España que internacionalmente ninguén usa, senón que se fala do Golfo de Biscaia. Tamén dixo que, de terse que definir unha división entre o Atlántico e o Cantábrico, esta debería estar, precisamente, no Cabo Ortegal, e non en Estaca de Bares. Outro dato abraiante é que, tal e como comentou o xeólogo, o val de Pedroso “está cheo de carbón” xa que alí se deron as mesmas condicións que xeraron os lignitos das Pontes, é dicir, altas presións e temperatura sobre restos orgánicos dunha época en que toda a comarca se encontraba nun clima tropical.

En calquera caso, o obxectivo do Geolodía foi o de achegarlle á xente a importancia da xeoloxía como ciencia e como profesión que noutros países, como por exemplo nos Estados Unidos, “conta cunha grande reputación e é moi respectada”.  Segundo Canosa, o fin último das rutas foi o de que a xente “teña unha idea dos materiais que pisa, da súa orixe, do que ocorreu no pasado” vendo a paisaxe e pequenos detalles que pasan desapercibidos habitualmente.

Francisco Canosa destaca o interese cada vez maior que está habendo pola xeoloxía. De feito, as 165 prazas ofrecidas para os tres días de rutas -a última será este sábado, 13 de maio- esgotáronse case de inmediato. Segundo o xeólogo, este interese pode deberse en parte á difusión do proxecto do Parque Xeolóxico do Complexo do Cabo Ortegal, do que Canosa e a asociación son principais valedores e aos que agora se lles uniron case todos os Concellos desa área xeolóxica.

Proxecto de xeoparque
Sobre esta cuestión, a da creación do xeoparque, Francisco Canosa destaca que nestes momentos se está preparando unha memoria de cara a obter finanzamento provincial co que darlle forma ao proxecto e  “a finais do ano que vén” poder dispoñer da candidatura que se lle debe presentar á UNESCO.

O xeoparque é unha figura  que, sen implicar restricións para os usos do chan, ten como obxectivo recoñecer e identificar zonas únicas no mundo polas súas peculiariedades orográficas e minerais. Condicións que, segundo parece, reúne o denominado Complexo do Cabo Ortegal.

Canosa localizou nos oito concellos asentados sobre este complexo ata 52 lugares de interese xeolóxico e 5 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo. De feito, ese é o principal valor dunha zona que abrangue máis de 700 kilómetros cadrados de superficie e onde se encontran praias de area vermella, raras praias de area negra como a de Teixidelo, a única no planeta -que se saiba- de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciais, e rochas que habitualmente están a máis de 70 kilómetros de profundidade e que aquí poden observarse a simple vista.

Porén, os parques xeolóxicos tamén buscan ser un factor de desenvolvemento económico a través do turismo e doutras iniciativas que poidan beneficiarse deste recoñecemento internacional. No mundo existen 135 xeoparques e en Europa 62, dos que 11 están en España. No noroeste non hai ningún, pero a zona do Ortegal reúne todas as condicións para selo. Por iso o xeólogo Francisco Canosa, a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal e varios municipios desta área levan desde 2015 facendo unha intensa campaña divulgativa tanto do patrimonio xeolóxico como da candidatura a través de encontros e rutas.

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario