IMG_0005

O pleno provincial ratificará hoxe o convenio cos municipios do proxecto do Xeoparque do Ortegal

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

A Deputación da Coruña daralle o visto e prace no pleno deste venres ao convenio cos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño para desenvolver o proxecto do Xeoparque do complexo do Cabo Ortegal. Concellos e Deputación  levan traballando máis de dous anos nesta iniciativa co obxectivo de levar adiante un programa de posta en valor dos recursos xeolóxicos do territorio no que se sustente a candidatura da comarca para obter este distintivo outorgado pola Unesco. O desenvolvemento do proxecto contará cun orzamento de 500.000 euros e a duración inicial do convenio que se aprobará hoxe no pleno provincial quedou fixada en catro anos.

O Complexo do Cabo Ortegal abrangue 630 Km² de superficie dos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, onde se localizan ata 52 lugares de interese xeolóxico e 5 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo.

Estes valores son os que se poñen en valor a través dos parques xeolóxicos, cos que se pretende que o atractivo de rochas e formacións minerais sexa un aliado do desenvolvemento do territorio como un elemento máis que tire polo turismo, tanto xeral como especializado.  No mundo existen 135 xeoparques e en Europa 62, dos que 11 están en España. No noroeste non hai ningún de momento, aínda que nesa carreira polo selo andan tamén a Serra do Xurés e o Monte Pindo. O  xeoparque non restrinxe os usos do chan, como ocorre cos parques naturais, senón que se trata dun distintivo da UNESCO que avala o patrimonio xeolóxico dunha zona concreta para que del poida sacar proveito de forma sustentable todo o territorio.

A parte de catalogación dos valores xeolóxicos está lista, gracias ao traballo realizado nos últimos anos polo estudoso Francisco Canosa a a Asociación de Amigos do Xeoparque do Cabo Ortegal. O seguinte paso é sacar adiante un Plan Director de cara a iniciar o antes posible a tramitación efectiva da candidatura perante o organismo internacional.  A UNESCO non outorga a distinción a partir dun programa escrito, senón que para presentar unha candidatura fai falla levar a cabo investimentos e actuacións que, posteriormente, son verificados pola organización dependente das Nacións Unidas. É máis, antes de chegar sequera á UNESCO é necesario que a candidatura pase polo filtro do Comité Español de Xeoparques, que só admite dúas propostas por ano e sempre que os proxectos reunan suficientes condicións de solvencia técnica.

Os municipios implicados na iniciativa para o complexo do Cabo Ortegal mantiveron varias xuntanzas nos últimos dous anos para impulsar o xeoparque e, principalmente, para buscar tanto finanzamento externo como unha fórmula de cooperación da que tamén fosen parte Xunta e Deputación. A chamada só tivo resposta de momento na porta provincial. A través da área de  Plans, Turismo e Patrimonio histórico -xestionada por Xosé Regueira- inxectaranse no proxecto 500.000 euros para levar a cabo as actuacións que sustenten a candidatura. O convenio que se aprobará no pleno provincial de hoxe marcará, ademais, as pautas da colaboración cos concellos e a creación dunha comunidade intermunicipal que permita a xestión conxunta do proxecto. Xosé Regueira destacou que “o esforzo e as sinerxias destes concellos contribuirán dunha forma decidida a conservación e a difusión do patrimonio da zona”, un obxectivo, engadiu “que encaixa perfectamente coas liñas de traballo que vertebran a estratexia da Deputación en relación coa riqueza patrimonial”.

A comunidade que constituirán a Deputación e mailos municipios de San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Valdoviño, Cedeira, Ortigueira e Cariño será “un espazo virtual” que non contará con personalidade xurídica propia, aínda que si disporá de medios técnicos achegados por cada organismo e estará dirixida por un consello do que formarán parte dous representantes de cada administración. A vixencia do acordo é por un período inicial de 4 anos prorrogables e a presidencia será rotatoria anualmente.

Do mesmo xeito, cada un dos concellos deberá confeccionar unha memoria e un programa actuacións, que deberá conter os estudos económicos, técnicos e administrativos para a elaboración do Plan Director onde se describirán as funcións e actividades que se desenvolverán no proxecto.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar