Captura de pantalla 2021-05-26 a las 21.17.30

O Proxecto asiste á primeira xornada virtual do programa “Hablemos de Geoparques”

Facebook
Twitter
Email

Até o próximo 6 de xuño desenvolverase a Semana de Xeoparques Europeos 2021 que multiplica as actividades de difusion e coñecemento nos 81 territorios de 26 países do continente que contan co selo Global Geopark da UNESCO. É un “festival de Xeoparques”, tal e como indica a web da rede europea, que se traduce en ducias de charlas, xeorrutas, exposicións, obradoiros en colexios e encontros científicos con dous obxectivos básicos: seguir fortalecendo a rede e poñer de manifesto, unha vez máis, que a herdanza xeolóxica é motor de desenvolvemento sostible para as comunidades que apostan por poñela en valor. Cadrando co arranque deste programa -ao que tamén se suman os 15 xeoparques do Estado- o Foro Español de Xeoparques iniciou as xornadas “Hablemos de Geoparques”, que propón 6 encontros virtuais en outras tantas datas de aquí ao mes de novembro. O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal asistiu onte á primeira das citas, titulada “Lo que siempre quisiste saber de los Geoparques”, para aprender doutras experiencias e tomar boa nota do traballo que tocará facer para apuntalar a candidatura no caso de superarmos a preselección que se lle enviará á UNESCO.

Neste primeiro encontro virtual, celebrado onte entre as 18 e pasadas as 20.00h., participaron máis dun cento de persoas, nuns casos pertencentes a xeoparques xa establecidos, noutros -coma o noso- representando a territorios aspirantes a obter o distintivo e, a maioría, persoas interesadas na xeoloxía por profesión ou afección que asistiron a unha clase maxistral sobre todo o que hai que saber sobre estas figuras da UNESCO.

De contextualizar o que é -e o que non é- un xeoparque encargouse o xeólogo José Ángel Sánchez, do xeoparque burgalés de Las Loras UGG, incidindo en que se trata de territorios cun alto valor xeolóxico pola especificidade dos materiais e formacións que se atopan neles e, máis que nada, por ser capaces de contarnos algún dos capítulos da historia do planeta, coñecidos en termos técnicos como “contextos xeolóxicos”.

Porén, un xeoparque non é só patrimonio xeolóxico, senón tamén natural, cultural, arquitectónico, etnográfico e fonte para o coñecemento e a investigación. Facetas que se relacionan e entrelazan por medio da participación social e que, ademais, dán como resultado modelos de desenvolvemento sostible para as comunidades do seu ámbito.

En España hai nestes momentos 15 xeoparques UNESCO que non naceron por xeración espontánea. De feito, foron xurdindo case de ano en ano desde hai dúas décadas sen que fose algo planeado, tal e como indicou Asier Hilario, máximo responsable científico do Geoparkea da Costa Vasca. As claves da expansión da rede en España obedecen, segundo Hilario, a que en todo o Estado existe unha “xeoloxía visible, variada e moi estudada” que se soubo vincular en cada territorio, entre outros factores, co turismo.

Hoxe hai xeoparques en 9 comunidades e 16 provincias, con superficies que abranguen desde os escasos 90 Km2 do propio Geoparkea até os máis de 4.700 do xeoparque de Granada, que son territorios maiormente rurais “nos que viven persoas” coñecedoras e identificadas cos proxectos que se levan a cabo en cada zona.

Para Asier Hilario os últimos 20 anos dos xeoparques españois “son a historia dunha boa idea” que afronta novos retos que superar de cara o futuro. O primeiro, segundo o experto, é lograr un maior coñecemento desta figura e dos territorios que contan co distintivo, apuntando incluso que se debería dotar ao Comité Español de Xeoparques dun marco normativo propio acompañado de recursos para poder impulsar este programa a nivel nacional. Outro sería o de conseguir posicionarse como destinos de xeoturismo, aproveitando a oportunidade que abre o cambio de tendencia nas preferencias viaxeiras, propiciado pola pandemia, cara a lugares afastados e pouco masificados. O terceiro reto que expuxo Hilario foi o de que os xeoparques deben acadar tamén unha posición máis sólida no ámbito científico e educativo, así como unha maior vinculación ao desenvolvemento local e ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU.

De feito, a Asociación Española para o Ensino das Ciencias da Terra acaba de publicar un manifesto reclamando que a lei educativa na que traballa o Goberno do Estado -a coñecida como LOMLOE- recolla unha presenza “axeitada e equilibrada” da xeoloxía como “ciencia indispensable e básica” en todos os niveis do ensino.

Xeoparques: construídos desde abaixo e traballando en rede
Nesta primeira xornada do ciclo “Hablemos de Geoparques” organizada polo Foro estatal facilitáronse moitas das claves para que calquera iniciativa aspirante a ser xeoparque teña éxito no seu obxectivo. Juana Vegas, do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España -IGME- explicou cales son os pasos que se deben ir dando durante polo menos dous anos, antes de chegar á avaliación e o posterior veredicto favorable por parte da UNESCO.

Este ano o Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal volveu presentar a súa manifestación de interese e toda a documentación necesaria para aspirar por segunda vez a converterse nun dos dous proxectos preseleccionados para ser candidato a xeoparque. Porén, mesmo antes de postularse como aspirantes, é moi conveniente que os territorios estean xa funcionando como xeoparques malia non selo aínda. E iso esixe ter “un patrimonio xeolóxico único e verificado cientificamente” -obrigatorio contar con un Geosite de relevancia internacional  (a zona do Cabo Ortegal ten 6 neste momento)-, desenvolver traballos de posta en valor e conservación do seu patrimonio xeolóxico e, tanto ou máis importante que o anterior, levar á práctica accións que favorezan o coñecemento e a implicación por parte da poboación, así como un programa de desenvolvemento sostible do territorio.

Estas condicións cumpriunas unha por unha o Xeoparque Montañas do Courel, o único que hai polo momento en Galicia. Martín Alemparte, xerente do GDR Ribeira Sacra-Courel, explicou que o seu proxecto botou a andar en 2001 sen saber sequera que o que estaban promovendo no Courel naquel momento -a posta en valor da xeoloxía- coincidía coa filosofía dun xeoparque.

Oito anos despois, en 2009, iniciouse un proxecto que propoñía a xeodiversidade como xacemento de emprego, ademais de impulsar desde aquela as xornadas ao redor desta temática, empezar a relacionarse con proxectos similares, intensificar o traballo divulgativo entre os escolares e coordinar cos tres municipios -Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil- a construción de miradoiros (hai 23), a panelización de elementos (dispoñen de 62 lugares de interese xeolóxico), o deseño de rutas (189 km na actualidade) e a creación de centros de interpretación (hoxe teñen 5).

En 2016, tras unha visita de Artur Agostinho de Abreu e Sá -profesor e un dos promotores de Arouca Geopark (Portugal)-, emprenderon o camiño para se converter en xeoparque, acumulando máis dunha década de traballo e experiencia que a UNESCO non fixo máis que certificar.

Algo que destacou e repetiu Alemparte varias veces durante a súa intervención foi a importancia de que calquera proxecto se constrúa de abaixo arriba, é dicir, baseado na implicación social do territorio. E para iso cómpre reforzar o traballo nos centros educativos e promover outro tipo de accións que aseguren o coñecemento e a participación na iniciativa tanto de colectivos como de particulares, co obxectivo de crear “territorio xeoparque” no que todas e todas sexan “actores vivos”. Neste sentido, o xerente do GDR Ribeira Sacra deixou no aire a recomendación de que non se confíe todo o traballo a consultoras externas.

Beatriz Bascoy, alcaldesa de Moeche, preguntou cal era o segredo para lograr esa implicación, sobre todo por parte do tecido empresarial. A cuestión respostouna José María Barrera, director de Villuercas Ibores Jara UNESCO Global Geopark (Estremadura), quen aconsellou como boa opción organizar visitas a calquera xeoparque para ver como funciona e de que maneira repercute no desenvolvemento local.

Durante a súa intervención na xornada -anterior á quenda de preguntas-, Barrera recordou que o Foro Español de Xeoparques, como órgano de carácter técnico, está para ofrecer axuda aos territorios aspirantes,  solventándolles dúbidas, compartindo a experiencia acumulada polos seus membros e, en definitiva, mostrándolles o camiño “para vivir como xeoparque”.

E nesa “vida de xeoparque” é fundamental o traballo en rede con outros xeoparques UNESCO. Incluso é un dos traballos que máis se debe coidar para non perder o distintivo, para o que cómpre superar avaliacións internacionais cada catro anos.

Na relación intercámbiase coñecemento e programas interesantes que logo se poden trasladar a cada territorio, tal e como explicou José Luís Palacio, un dos responsables do xeoparque mexicano da Mixteca Alta, integrado na Rede Geolac (Rede de Xeoparques Mundiais da UNESCO para América Latina e o Caribe). “Sempre se aprende compartindo e adaptando boas prácticas”, dixo Palacio comentando que no seu caso “fusilaron” (sic.) as xeomaletas educativas creadas no xeoparque de Villuercas -pequenos maletíns de madeira cheos de rochas representativas do xeoparque- ou a idea que viron en Grecia de vender mel en pequenos tarros de barro e que na Mixteca Alta, terra con grande tradición oleira, se reconverteu para a venda de herbas aromáticas e medicinais, contribuíndo deste modo á economía da zona.

Máis citas ata novembro
A participación do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal na xornada “Todo lo que quisiste saber de los Geoparques”  foi ben proveitosa por todo o que se falou nela -que tentamos resumir ata este punto-. Non será a última oportunidade de seguir aprendendo, posto que o Foro Español de Geoparques ten postas as datas para outros cinco encontros virtuais ata o mes de novembro a razón de un por mes (agás en agosto).

29 de xuño- Xeoparques: Territorios de Ciencia

20 de xullo – Respira Xeoparques: Xeoturismo preto da casa

22 de setembro – Aprender é divertido nun Xeoparque

19 de outubro – Xeoparques e o seu Patrimonio Xeolóxico

16 de novembro – Os Xeoparques: ferramentas de construción masiva

As sesións -a través de Zoom- duran arredor de dúas horas e son abertas a calquera persoa. Uns días antes de cada unha actívase un formulario de Google para facer a inscrición, polo que cómpre prestarlle atención á web do foro.

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario