DSC07968_Original ratio_1920x1281_H_60

O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, designado como candidato a Global Geopark da UNESCO

Facebook
Twitter
Email

Tras seis anos de intenso traballo e á segunda tentativa, o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal acaba de recibir a comunicación do Comité Español de Cooperación coa UNESCO conforme será un dos dous candidatos estatais para obter  o distintivo Global Geopark. A noticia fíxose pública a primeira hora desta mañá e capitalizou o encontro de traballo no que participaron, nun ambiente de clara satisfacción, representantes das administracións implicadas na iniciativa -os sete concellos, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia- coa finalidade de avaliar os avances máis recentes do proxecto. Porén, a xuntanza tamén serviu para tomar conciencia do intenso traballo que cumprirá facer a partir de agora co obxectivo de consolidar a iniciativa e superar con nota o exame de campo ao que será sometida a candidatura a partir de maio do ano que vén por parte do Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques.

A designación do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal como unha das dúas candidaturas españolas -a outra é a de Costa Quebrada, en Cantabria- farase oficial á volta duns días, no momento en que o Comité Nacional de Cooperación coa UNESCO remita a súa carta de apoio ao Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques, xunto co expediente completo do proxecto.

Na decisión pesaron os novos criterios de selección aplicados na presente anualidade, que cargan as tintas sobre a excepcionalidade xeolóxica do Cabo Ortegal, onde existen ata 6 Geosites -lugares de interese xeolóxico internacional- representativos do contexto da Oroxenia Varisca Ibérica e únicos no mundo para descubrir en superficie un dos capítulos máis apaixoantes da historia do planeta. Neste sentido, o proxecto local obtivo a cualificación máxima: 13 puntos.

A partir deste momento arranca un proceso que resultará na visita dos avaliadores internacionais -previsiblemente a partir de maio- que analizarán sobre o terreo o cumprimento dos obxectivos que perseguen os xeoparques en canto á posta en valor do patrimonio xeolóxico, a difusión científica e educativa da súa relevancia, a promoción dun turismo sostible e, quizais o de maior importancia, a aplicación dunha estratexia de desenvolvemento socioeconómico apoiada en todos os aspectos anteriores.

O alcalde de Valdoviño e presidente de quenda da asociación promotora, Alberto González, cualificou a noticia feita pública hoxe como “un fito importante para o territorio”  e resumiu que na xuntanza deste mediodía se expresara o compromiso de “seguir avanzando no traballo conxunto” en dous sentidos: dunha banda “estreitando relacións entre Administracións” e, doutra, poñendo en marcha de inmediato as tres mesas de traballo  -o comité científico, a mesa interinstitucional e a de participación social-, para que o proxecto  estea funcionando como xeoparque xa antes da avaliación -algo que esixe a propia UNESCO- e para conseguir que o territorio “valore, coñeza e comprenda cal é o valor dun xeoparque”.

González insistiu en que a figura Global Geopark á que aspiran os sete municipios “ten unha relevancia ao mesmo nivel que un Patrimonio da Humanidade” que, no caso de que se obteña o distintivo, requirirá “seguir facendo territorio desde todos os puntos de vista, ocio, turismo, vida…” tendo en conta que cada catro anos hai que pasar unha reválida da UNESCO e que é máis difícil conservar o distintivo que conseguilo a primeira vez.

Por esta razón, segundo se informou ao remate da xuntanza,  nos próximos meses os esforzos da Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal centraranse  na execución dos investimentos e accións programadas e, especialmente, no traballo para conseguir a identificación social co proxecto.

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, reiterou o compromiso provincial cun proxecto que, segundo dixo, nos sitúa “ás portas de entrar na elite mundial dos sitios xeolóxicos, que é moi importante non só desde o punto de vista científico, senón tamén á hora de manter unha estratexia de sustentabilidade, de despegue económico, de afianzamento da poboación no rural e de oportunidades de emprego para as persoas que viven aquí”.

Regueira recordou durante o encontro que, alén dos 240.000 euros de achega provincial para o proxecto -recollidos recentemente nun convenio coa asociación xestora-  a zona tamén recibirá fondos Next Generation para o desenvolvemento dun Plan de Sostenibilidade Turística en Destino, que axude a estruturar e modernizar os recursos e os servizos para atraer un turismo de calidade na procura de destinos de natureza.

Pola súa banda, a directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Belén do Campo, destacou a calidade “dun proxecto gañador e que ten futuro” para o que reiterou publicamente o apoio autonómico. A directora xeral precisou -como representante galega no Comité de Cooperación coa UNESCO- que das catro propostas aspirantes, a do Cabo Ortegal “é a que ten máis puntos, que a poñen en cabeza con respecto a outras candidaturas”, debido en boa medida á súa exclusividade xeolóxica.

Do Campo destacou o feito de que Galicia poida contar dentro de pouco con dous xeoparques, un costeiro e outro no interior (Montañas do Courel) “que se complementan perfectamente”, ao tempo que recordou a importancia de que a cidadanía sexa coñecedora e partícipe do proxecto e que todos os actores implicados na candidatura vaian da man. “Agora mesmo estamos de celebración, pero hoxe tamén é o día de poñernos deberes de cara ás visitas dos avaliadores, telo todo preparado, sen ningunha debilidade, para que a candidatura teña o que se mereza e poidamos dicir que temos un segundo Xeoparque Mundial en Galicia”, recalcou Belén do Campo.

Agárdase que os avaliadores da UNESCO veñan polo territorio a principios ou mediados do verán. A inspección é tan esixente e exhaustiva que mesmo chega a facer entrevistas aleatorias para anotar ata que punto a veciñanza da zona está ao tanto do proxecto e de cales son os seus obxectivos, ademais de analizar o grao de cumprimento do ítems comúns a todos os xeoparques.

De cumprirse os prazos previstos, o resultado da avaliación de campo debaterase no Consello de Xeoparques Mundiais  no mes de setembro de 2022. Unha vez superado este penúltimo filtro, a proposta deberá ser ratificada pola Dirección Xeral da UNESCO e elevada a definitiva polo Consello Executivo deste organismo dependente da ONU, algo que seguramente non se produciría antes da primavera de 2023.

Ao remate da xuntanza mantida esta mañá en Valdoviño, todos os participantes mostraron a súa satisfacción por ter alcanzado a designación como candidatura estatal e reiteraron o agradecemento “a todas as persoas” -particulares, colectivos, persoal técnico e político- que fixeron posible situar o proxecto na carreira final por ser Xeoparque Mundial da UNESCO.

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario