alonso

O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal participa en Teruel nas VI Xornadas abertas do Foro Español de Xeoparques

Facebook
Twitter
Email

As localidades de Alcorisa, Gargallo e Molinos, en Teruel, acollen ata mañá as VI Xornadas abertas do Foro Español de Xeoparques. Trátase dun encontro para dar a coñecer esta figura da UNESCO, pero tamén para intercambiar boas prácticas e coñecemento sobre estratexias de difusión do patrimonio xeolóxico e de desenvolvemento local. O proxecto do Cabo Ortegal participa nas distintas ponencias e, ademais, este mediodía volveu presentar os seus valores nunha mesa compartida con dous dos aspirantes a converterse en candidatos oficiais este ano: Costa Quebrada e Huellas de La Rioja. En representación da Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal asisten ás xornadas do Foro estatal a experta en turismo María Mesías e o próximo presidente de quenda da asociación e alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, quen expuxo as liñas mestras do proxecto.

As VI Xornadas abertas do Foro Español de Xeoparques están organizadas nesta edición -a primeira presencial desde 2019- polo xeoparque aragonés do Maestrazgo. O contido deste martes estivo centrado na conservación do patrimonio, a sostenibilidade -desde o punto de vista do turismo, as infraestruturas, a educación e a paisaxe-, a participación pública e social nos xeoparques, a posta en valor de produtos da terra e, por último, a presentación de tres dos catro proxectos que aspiran neste 2021 a ser unha das dúas posibles candidaturas que proporá España para a avaliación da UNESCO.

O proxecto do Cabo Ortegal acode á cita co obxectivo de continuar coñecendo experiencias e casos de éxito trasladables á nosa zona, pero tamén coa finalidade de seguir reforzando o traballo en rede cos territorios que xa posúen o selo internacional.

Neste sentido, o rexedor de Cariño, Miguel Alonso Pumar, recordou o valor científico do complexo do Cabo Ortegal e repasou as liñas estratéxicas que xa están aplicando os sete municipios implicados no proxecto para promover tanto o seu coñecemento como un desenvolvemento sostible vinculado co patrimonio xeolóxico, paisaxístico e cultural.

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario