DSC07926

O proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal pon en marcha o Foro de Participación Local

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Unha das claves dos xeoparques é a súa construción de abaixo arriba, é dicir, que todas as accións que se leven a cabo veñan precedidas da máxima participación do tecido social e económico. Búscase que todos os sectores  coñezan en que consiste esta figura da UNESCO, de que maneira pode contribuír ao desenvolvemento sostible do territorio e, sobre todo, que formen parte da toma de decisións.  No caso do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal xa se leva andado moito en canto a difusión dos obxectivos que perseguen en conxunto os sete concellos promotores. Porén, agora é momento de que os distintos colectivos dean un paso adiante implicándose na estratexia, achegando propostas e traballando en rede. O arranque desta nova fase planificouse desde a asociación xestora impulsando o Foro de Participación Local cun calendario de xuntanzas sectoriais que se celebrarán os días 31 de marzo, 5, 6 e 7 de abril en Cariño, Moeche, Valdoviño e Cedeira. As entidades que desexen participar en cadansúa mesa de traballo deben inscribirse antes a través deste formulario en liña.

O Foro de Participación Local ten tres cometidos. Dunha banda estaría o de seguir ampliando a información sobre os obxectivos dun xeoparque como distintivo internacional capaz de se converter en eixo dinamizador do territorio a partir dunha riqueza xeolóxica excepcional que tire do turismo, da economía, da posta en valor dos produtos do sector primario, dos servizos, da cultura, da investigación e do coñecemento.

Por outro lado, o Foro tamén pretende recoller ideas e propostas que fortalezan a estratexia de desenvolvemento sostible que debe levar á práctica calquera territorio aspirante a ser Global Geopark, incluso antes de obter o selo da UNESCO.

E, en terceiro lugar, o Foro de Participación Local tamén será punto de encontro para crear comunidade ou, dito doutro xeito, que as entidades e a poboación en xeral se sintan parte dun proxecto común que trascende os límites de cada municipio e no que, ademais, se impliquen de maneira activa e teñan voz á hora de tomar decisións.

Tal e como se apunta desde a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, o foro axudará a “artellar mecanismos para que as actuacións sexan froito dun desenvolvemento cooperativo e coordinado que involucre a toda a poboación”.

Con esta idea, a asociación de municipios programou catro encontros divididos por áreas temáticas que terán lugar en Cariño, Moeche, Valdoviño e Cedeira durante os próximos días:

Cariño (xoves 31 de marzo 17:30hAuditorio MunicipalMesa Económica: dirixida a asociacións profesionais e sectoriais e a colectivos de ámbito territorial.

Moeche (martes 5 de abril  17:30hCentro Cultural Francisco Piñeiro). Mesa Social: na que se reunirá o grupo de traballo de entidades veciñais

Valdoviño (mércores 6 de abril 17:30hCasa da Cultura). Mesa Medioambiental e Deportiva: para colectivos ou asociacións ambientais, clubes e agrupacións deportivas

Cedeira (xoves 7 de abril 17:30hSala Áncora da Praza Roxa). Mesa Cultural: orientada a asociacións culturais, gastronómicas, musicais, etc.

A maiores destes encontros, tralas vacacións da Semana Santa tamén terá lugar en Ortigueira a xuntanza con responsables dos centros de ensino dos sete municipios dentro da Mesa Escolar, por ser o ámbito educativo un dos piares do desenvolvemento  do proxecto.

Desde a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal lánzase o convite para que todos os colectivos do territorio se sumen ás mesas de traballo do Foro de Participación Local, co obxectivo de seguir ampliando a base social do proxecto.

Para asistir a cada unha delas é necesario anotarse antes a través deste formulario en liña, no que só cómpre indicar o nome da persoa representante que acudirá ao encontro, o nome da entidade, o teléfono e o correo de contacto. Tamén haberá que sinalar o tipo de colectivo de que se trate -veciñal, deportivo, ambiental, etc.-, de maneira que o propio formulario xa nos indicará a cal das catro reunións previstas deberemos asistir.

Tanto a celebración das mesas como a difusión da información son actuacións enmarcadas no convenio de colaboración asinado entre a Deputación da Coruña e a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, a través do cal o ente provincial cofinancia o proxecto.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Deixa un comentario