DSC01539

O proxecto do Cabo Ortegal volve examinarse para poder ser candidato a Xeoparque Mundial

Facebook
Twitter
Email

A Casa da Cultura de Valdoviño acolleu esta mañá a comparecencia virtual da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal perante o Comité Nacional Español de Xeoparques, o organismo encargado de propoñer que proxectos -dous como máximo- se converten nesta anualidade en candidatos oficiais para obter o distintivo internacional de Global Geopark. Foron exactamente 60 minutos que se investiron maiormente en explicar a exclusividade xeolóxica da zona e maila estratexia de desenvolvemento territorial asociada a ela. Porén, parte dese tempo tamén se empregou en atender distintas cuestións e suxestións formuladas polos representantes do Comité estatal quen, en termos xerais, destacaron o traballo feito até o momento e a calidade do proxecto presentado.

O relatorio de resume do proxecto comunicouno o presidente de quenda da asociación xestora e alcalde de Valdoviño, Alberto González, incidindo xa desde o empezo na “oportunidade” que suporía o selo Global Geopark para dinamizar un territorio marcado pola “crise económica e demográfica” que obriga a “reflexionar sobre as súas potencialidades”.

Desde o punto de vista xeolóxico, González destacou que a riqueza da zona pode ofrecer “un relato singular e diferenciador que complemente a rede estatal e europea de xeoparques”, posto que os elementos que se atopan na área do Cabo Ortegal -principalmente os afloramentos de ecloxitas e outros materiais relacionados coa Oroxenia Varisca- “non están presentes en ningún outro contexto xeolóxico” dos 21 en que está dividida a Península Ibérica. Unha riqueza que, segundo indicou o rexedor, “ten que servir para impulsar unha estratexia de desenvolvemento sostible co compromiso de permanecer no tempo”.

A exclusividade xeolóxica é un dos factores impresindibles para acceder ao distintivo da UNESCO, pero non o único. E é que, en relación con ela, deben terse en marcha accións de dinamización turística, socioeconómica, cultural, educativa e científica que impliquen a toda a sociedade. De aí que boa parte da intervención do presidente da asociación promotora se centrase en describir o traballo que se leva feito nos últimos anos e o que se pretende desenvolver a curto e medio prazo.

Neste sentido citáronse, entre outras actuacións, a procura de recursos económicos -nomeadamente os que achegará a Deputación da Coruña e os relacionados cos Plans de Sostenibilidade Turística en Destinos-, o mantemento dunha estrutura permanente de xestión, a definición da composición do Comité Científico asesor ou o reforzo do traballo de difusión -sobre todo nos centros de ensino- de cara a “asentar a marca Xeoparque do Cabo Ortegal” e convencer ao tecido social e económico de que “o proxecto somos todas e todos”.

Alberto González tamén destacou na súa intervención o compromiso do proxecto cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible reflectidos na Axenda 2020-2030, así como a determinación dos promotores para que o distintivo internacional contribúa a fixar poboación e á “transformación social do territorio de sete concellos que representamos a 28.000 veciñas e veciños”. Tralo remate da presentación, González reivindicou a cooperación intermunicipal que, ao seu xuízo, “debemos seguir mantendo” independentemente do resultado do exame desta mañá.

Valoración positiva da presentación
A comparecencia telemática  -na que posteriormente se presentaron os outros tres proxectos aspirantes a ocupar unha das dúas candidaturas españolas- estivo conducida por Leticia Pico de Coaña, Xefa do Departamento de Coordinación de Relacións Culturais e Científicas da AECID  e presidenta do Comité. A responsable estatal felicitou ao proxecto pola exposición e polo dossier presentado este ano, algo que refrendaron nas súas intervencións os representantes dos xeoparques españois e tamén Juana Vegas, do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, sinalando como “moi necesario” que o ámbito do Cabo Ortegal chegue a formar parte “a medio e longo prazo” da rede de xeoparques mundiais. “A viaxe ao interior da terra -lema do proxecto- é unha das mellores viaxes que se poden facer no noso país”, asegurou Vegas.

Alén dos parabéns, a rolda de intervencións posteriores á presentación tamén deu para recoller de novo o apoio expreso ao proxecto por parte da Directora Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Belén do Campo, e para anotar varias suxestións provenientes dos xeoparques xa establecidos, como por exemplo a de que o Cabo Ortegal faga máis traballo en rede dentro e fóra de España, que se potencie a vertente educativa e científica do proxecto e, máis que nada, que se asegure unha construción do futuro xeoparque “de abaixo arriba” coa máxima implicación social.

Ao remate do encontro virtual co Comité Nacional Español de Xeoparques, desde a asociación fíxose unha valoración “positiva” do seu resultado. “O de hoxe foi coma un exame, e creo que fomos capaces de trasladar a importancia do noso territorio e a necesidade de obter o selo de xeoparque como oportunidade para un desenvolvemento sostible e transversal do noso territorio”, comentou Alberto González.

O presidente da asociación xestora estivo acompañado na mesa polo coordinador técnico do proxecto, Ignacio Fernández, polo director científico, Francisco Canosa, e pola especialista en Turismo María Mesías, unha das redactoras do proxecto. Ademais tamén acudiron á cita os alcaldes e representantes dos sete municipios, da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e dos grupos de acción local que traballan na zona.

Despois da xornada de hoxe, a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO -dependente da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID)- aínda poderá requirir achegas ou aclaracións á documentación presentada hai unhas semanas. As precisións incorporaranse á redacción final, que ha de entregarse traducida ao Inglés. Ese documento e a presentación desta mañá serán as dúas referencias que terá a Comisión para avaliar as catro propostas presentadas e decidir se proseguen dúas, unha ou ningunha, como ocorreu en 2020.

A/s elixida/s remitiránselle ao Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques, o órgano que ten a última  palabra na asignación do distintivo, previa avaliación sobre o terreo -posiblemente a partir do verán de 2022- de todas as accións levadas a cabo polas candidaturas.

 

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario