A participación e o coñecemento social son parte fundamental do proxecto

O proxecto do xeoparque preséntase en sociedade

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

O proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal é iso polo momento, un proxecto que debe irse configurando e asentándose no territorio para obter os méritos necesarios cos que pasar o exame final da UNESCO, o organismo dependente da ONU que ten a última palabra á hora de outorgar este distintivo co que se destaca internacionalmente a riqueza xeolóxica dunha zona determinada. Esa riqueza existe e está identificada en distintos puntos da área formada polos municipios de San Sadurniño, Moeche, Valdoviño, Cerdido, Cedeira, Cariño e Ortigueira. É dicir, hai elementos xeolóxicos de sobra para sustentar a figura e agora o que toca é enfialos nun plan unificado que, ademais de poñer en valor as peculiariedades da paisaxe, tamén implique a promoción socioeconómica de toda a zona vinculándoa cun turismo especializado. Algo que debe facerse empezando polo coñecemento da propia figura dun xeoparque. Neste sentido, tanto a Deputación da Coruña como os sete concellos agrupados no proxecto organizan para esta fin de semana unhas xornadas abertas nas que se explicará que se quere facer, como facelo e, sobre todo, que oportunidades de desenvolvemento ofrece contar cunha distinción deste tipo. As xornadas arrancan o venres e finalizarán o domingo. Son gratuítas, pero fai falla inscrición previa a través deste formulario.

A proposta divulgativa está organizada baixo o nome de I Xornada do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, e forma parte das actuacións sociais que deben apuntalar o propio proxecto antes de presentar a candidatura perante o Comité Nacional de Xeoparques. Unha vez que o plan obtén o visto e prace estatal debe remitírselle á UNESCO, quen enviará persoal técnico para avaliar a candidatura, que xa debe estar funcionando como xeoparque. Para entendernos: non chega con escribir un plan director e logo mandarllo á ONU,  senón que, ademais diso, todo o escrito debe estar levándose á práctica no momento en que a ONU veña inspeccionar como se está traballando.

O xeólogo Asier Hilario -responsable técnico do Xeoparque da Costa Vasca- explicábanolo o ano pasado, cando veu asesorar aos concellos e á Deputación sobre a posta en marcha da candidatura:  “Cando un xeoparque recibe os avaliadores ten que demostrar que xa está funcionando como xeoparque. Teñen que ver claramente que é algo que xa está en marcha.”

Unha figura que tira polo desenvolvemento sostible
Basicamente, o que fai a figura do xeoparque é poñer en valor o patrimonio xeolóxico dunha área determinada -que de por si debe ter características especiais merecentes do distintivo-, xuntándoo con outros factores. Hilario explicábao de forma gráfica: “hai que ter un discurso, saber que imos contar. Temos a letra A dos elementos abióticos -o patrimonio xeolóxico-, sobre os que se asenta a letra B dos elementos bióticos -a fauna, a flora e a poboación- e, por último, temos a letra C da cultura asociada a todos os anteriores”. Esas tres letras son as tres grandes liñas que marcan a estratexia de calquera iniciativa que aspire a converterse en xeoparque que, en calquera caso, tamén debe ir acompañado “dun plan de interpretación” que axude a entendelo por parte das persoas visitantes e, ao tempo, a que a poboación da zona se identifique e faga seu o proxecto.

Nesta última cuestión, a da poboación identificada co proxecto, é onde se encadran as xornadas gratuitas que arrancan este venres en Cariño cunha programación que ao día seguinte se traslada a Ortigueira e que finalizará o domingo cunha visita guiada polo territorio.

Búscase que o tecido social coñeza de primeira man a riqueza e variedade xeolóxica da área ortegana, pero tamén as implicacións e beneficios socioeconómicos de levar adiante unha iniciativa que, a diferenza dos parques naturais ou das “redes naturas”, non implica restricións sobre o uso do chan, anque si certo compromiso institucional e social sobre a conservación e dinamización de todo o patrimonio litolóxico que sustenta o xeoparque.

O propio Asier Hilario ofrecerá a primeira conferencia dunha serie repartida entre venres e sábado na que tamén intervirán o xeólogo Fran Canosa, Ignacio Fernández -xeógrafo e Axente de Desenvolvemento Local do Concello de San Sadurniño-,  o experto portugués Artur Agosinho de Abreu e Sá e o galego Martín Alemparte, un dos artífices da recente declaración como xeoparque das Montañas do Courel.

Na tarde do sábado tamén está previsto levar a cabo varias mesas de traballo a imaxe e semellanza das que se teñen feito para poñer en marcha programas PRODER e LEADER, centradas para este caso en modelos de xestión, educación, ciencia e conservación e en xeoturismo e desenvolvemento local. O domingo resérvase para unha visita guiada polo territorio que partirá ás 11 da mañá de diante da Casa do Concello de San Sadurniño.

Para participar nas xornadas fai falla inscrición previa a través dun formulario en liña. Desde a área de Desenvolvemento Local convídase a todas as entidades e persoas interesadas a que acudan á xornada, que dá a posibilidade de asistir a calquera das charlas ou a todas. O programa é o seguinte:

VENRES, 31 DE MAIO – Auditorio da casa da cultura de Cariño
16.00 – 16.30h. Inauguración e inscrición nas xornadas
16.30 – 17.30h. “Geoparques. Los destinos más innovadores del turismo sostenible. La historia jamás contada”. Asier Hilario.
17.30 – 18.45h. “Patrimonio natural e cultural do proxecto de xeoparque do Cabo Ortegal”. Fran Canosa.
18.45 – 20.00h. “Posta en valor dos recursos territoriais”. Ignacio Fernández.

SÁBADO, 1 DE XUÑO – Teatro da Beneficencia de Ortigueira
10.30 – 12.00h. “Geoparques mundiales de la UNESCO: Origen, evolución y perspectivas de futuro. El caso del geoparque de Arouca (Portugal)”. Artur Agostinho de Abreu e Sá.
12.00 – 12.30h. “Geoparkea. Un modelo de desarrollo basado en la ciencia y el geoturismo”. Asier Hilario
12.30 – 13.00h. “Que se agocha tralo xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel: a súa xénese e xestión”. Martín Alemparte.

15.30h. Mesas de traballo.

DOMINGO, 2 DE XUÑO
11.00h. Visita guiada polo territorio.
– Saída ás 11:00 diante da Casa do Concello de San Sadurniño. Bus gratis.
– Chegada ao mesmo punto sobre ás 14:00 horas.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar