Foto de arquivo do litoral de Loiba, un dos recursos destacados do proxecto

O proxecto encara o seu primeiro exame para ser xeoparque

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

A Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal presentou oficialmente este luns a súa candidatura perante a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, o órgano que se encarga de avaliar todas as propostas recibidas cada ano e de decidir cales continúan camiño para optar ao selo Global Geopark outorgado polas Nacións Unidas. Neste 2020 tan atípico o Cabo Ortegal non está só, senón que ten canda si dous aspirantes cántabros: o proxecto dos Vales de Cantabria e o de Costa Quebrada. O comité reunirase o próximo 29 de setembro, día no que as tres candidaturas deberán facer unha exposición cos motivos que as fan merecentes do distintivo internacional. 

O procedemento para ser Xeoparque Mundial da UNESCO segue pasos e tempos moi estrictos que a COVID-19 ralentizou en parte. A carta de declaración de interese presentouse o pasado mes de maio -o límite habitual é antes do remate de abril- e nela recollíase iso, a intención da nosa zona en propoñer unha candidatura que xa naquel momento contaba co aval da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, dos sete municipios impulsores e doutras entidades.

A carta foi un primeiro paso, como unha tarxeta de presentación perante o Comité Nacional Español de Xeoparques Mundiais UNESCO -no que participan os outros xeoparques do Estado, varios ministerios e tamén o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España-, encargado ademais de elaborar un primeiro informe sobre a aptitude do proxecto.

Superado ese primeiro filtro, agora o que se fai é postular oficialmente o territorio enviando os documentos técnicos e a información completa sobre o proxecto. O dossier  recolle todos os datos sobre os recursos e a estratexia de desenvolvemento territorial que se quere poñer en práctica co xeoparque, condensada en 51 páxinas redactadas polo xeólogo Francisco Canosa,  a arqueóloga Vanesa Trevín, a bióloga Efigenia Penabad e o técnico de Desenvolvemento local e xeógrafo Ignacio Fernández.

A documentación rexistrada o luns con destino á Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, dependente da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), descríbeo absolutamente todo, incidindo na riqueza xeolóxica dun territorio de 630 Km2 no que van identificados máis dun cento de recursos de interese científico, educativo e turístico, varios deles únicos e de relevancia internacional.

A Comisión analizará en detalle toda a información facilitada. Pero non será a única, xa que este ano hai outras dúas candidaturas situadas en territorio cántabro. O detalle ten moita importancia, posto que en cada estado só se poden preseleccionar dúas candidaturas ao ano como máximo, aínda que a convocatoria tamén pode elixir só unha ou incluso quedar deserta se a Comisión considera que as aspirantes non cumpren cos requisitos mínimos para pasar á seguinte fase, na que xa será o Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques quen teña a última palabra na asignación do distintivo despois de facer unha rigorosa avaliación sobre o terreo ao longo de 2021.

Ademais de presentar o dossier e outros documentos normalizados -incluída unha ampla folla de autoavaliación dos recursos e potencialidades da zona-, o día 29 de setembro deberase defender a candidatura en Madrid perante a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, algo que, dadas as actuais circunstancias, posiblemente se faga mediante videoconferencia. Nela o proxecto do Cabo Ortegal fará valer o seu plan de desenvolvemento socioeconómico vinculado coa educación e o turismo pero, sobre todo, o feito de que o propio complexo xeolóxico é o maior e mellor mostrario de ecloxitas do mundo, un tipo de rochas que habitualmente se encontran a máis de 70 quilómetros de profundidade e que aquí se poden ver a simple vista.

Trátase dunha particularidade  recoñecida desde hai varias décadas pola ciencia, ademais de ser unha baza fundamental para obter o selo de Global Geopark que, entre outras condicións, esixe que as formacións xeolóxicas teñan un carácter único ou excepcional, como é neste caso.

O proxecto concorre aos Plans de Sostenibilidade Turística en Destinos
A Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal  tamén solicitou acollerse á convocatoria de axudas de Turismo de Galicia para o desenvolvemento de programas de sostenibilidade turística en destinos, co obxectivo de promover accións que lle dean resposta á crise sanitaria na liña de recuperar, manter e atraer demanda turística.

A convocatoria ten un orzamento de 3 millóns de euros destinados a dous tipos de plans: un para entidades locais que xestionen destinos de sol e praia e cidade turísticas maiores de 20.000 habitantes, e outro -ao que se presenta o Cabo Ortegal- para plans de sostenibilidade turística en destinos rurais ou de interior, sempre que se trate de municipios individuais menores de 20.000 habitantes, comarcas que non superen os 70.000, comarcas coincidentes on espazos naturais protexidos ou zonas costeiras rurais afectadas polo declive demográfico. Tamén se admiten propostas de redes de territorios rurais cun nexo de unión polo recurso ou polo produto turístico que compartan, neste caso o proxecto do xeoparque.

Os plans de sostenibilidade turística en destinos rurais ou de interior poderán desenvolverse durante un máximo de 3 anos cun orzamento global para todo o período de ata 3 millóns de euros, cofinanciados entre un 40 e 45% pola Secretaría de Estado de Turismo, outro 40-45% por parte da Axencia Turismo de Galicia e nun 10-20% por parte da entidade beneficiaria das axudas, que deberá levar a cabo as accións en colaboración co sector privado.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

2 comentarios en “O proxecto encara o seu primeiro exame para ser xeoparque”

Comentar