Litoral de Teixidelo

O proxecto inicia temporada estival con catro xeorrutas

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Arranca o mes de xullo e con el un novo calendario de rutas xeolóxicas polo ámbito do proxecto de xeoparque, que nos permitirán ver de preto distintos episodios da formación do noso planeta. Desde este venres ata o domingo hai planificados catro percorridos nos que desde hai uns días poden facerse reservas. Son a Xeorruta da Praia das Areas Negras o venres pola mañá, a Xeorruta dos Cantís o sábado á tarde, a Xeorruta dos Cabos (novidade este verán) o domingo pola mañá e, pechando a fin de semana, a Xeorruta do Toelo, que se desenvolverá o domingo pola tarde. De momento hai prazas dispoñibles en todas elas, que deben solicitarse en liña. Importante: na aplicación de reservas é necesario seleccionar o mes de xullo para ver as datas e poder rexistrar e confirmar a petición. O prezo de cada itinerario -incluído seguro- son 9€, con posibilidade de cancelar e recuperar o importe ata 24 horas antes de cada ruta.

Venres 1 de xullo, 10:00h a 14:00h: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). 15 prazas. A temporada de verán estréase coa ruta habitualmente máis exitosa de todo o calendario, a pesar de ser tamén a máis dificultosa e a que require unha mellor forma física. O esforzo paga a pena, e moito, xa que o descenso a Teixidelo permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta.

Ademais, o seu emprazamentoaos pés dos cantís máis altos da Europa continental- fan desta zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes. Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar. Máis info e reservas aquí.

Sábado 2 de xullo, 16:30 a 19:30h: Xeorruta dos Cantís (Concello de Cedeira). 20 prazas. O sábado á tarde temos un percorrido doado desde o miradoiro do Chao do Monte -preto de Santo André- para descubrirmos a Serra da Capelada, unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 m de altitude. No camiño observaranse distintos tipos de rochas que hai millóns de anos se atopaban a 70 km de profundidade, algo que podemos ver en varios lugares do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, exemplo único do denominado contexto xeolóxico do Oróxeno Varisco Ibérico. Máis info e reservas aquí.

Domingo 3 de xullo, 10:00 a 13:00h: Xeorruta dos Cabos (Concello de Valdoviño). 20 prazas. Esta é, xunto coa do Arsénico, unha das rutas novas do programa de verán do proxecto de xeoparque. Saíndo do miradoiro do Paraño farase un percorrido de baixa dificultade polo litoral no que veremos, entre outros fenómenos, o remate da Falla de Valdoviño que se estende ata Monforte de Lemos, ou rochas que hai millóns de anos formaban parte do leito dun antigo océano e que habitualmente non aparecen na superficie da Terra.

No paseo guiado polo xeólogo Francisco Canosa tamén descubriremos os restos dun vulcanismo explosivo testemuñado nos penedos da praia de Pantín. Canosa tamén explicará como se formou a lagoa e o sistema dunar da Frouxeira, un dos máis importantes do noroeste peninsular. Máis info e reservas aquí.

Domingo 3 de xullo, 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Toelo (Concello de Moeche). 20 prazas. Facendo este percorrido poderá coñecerse de primeira man un dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia, a serpentina ou toelo. Estas rocha, cunha fermosa cor verde -de aí o nome de serpentina-, foi obxecto de explotación dende o século XIX en canteiras do concello de Moeche e San Sadurniño. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta xeorruta, que inclúe a entrada no castelo medieval. Máis info e reservas aquí.

A difusión desta información encádrase no convenio de cofinanciamento do proxecto asinado entre a Deputación da Coruña e a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Deixa un comentario