DSC00766-web1080x1920H60

O proxecto recibe 120 cartas de apoio para a candidatura

Facebook
Twitter
Email

Faltan poucos días para que a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO dea a coñecer o resultado da avaliación das tres propostas que este ano se postularon como aspirantes a obter o selo de xeoparque mundial. Son dúas cántabras -Costa Quebrada e Valles de Cantabria- e a galega do Cabo Ortegal, que nos últimos días remitiu nova documentación para ampliar aspectos solicitados pola comisión, sobre todo no referido a referencias fotográficas sobre o patrimonio xeolóxico e a precisión das distintas accións que se queren levar a cabo para o desenvolvemento integral e sostible do territorio. Ademais, mañá mesmo tamén se lle enviarán un total de 120 cartas de apoio á candidatura asinadas por entidades de dentro e fóra do territorio, partidos políticos, universidades, asociacións sectoriais e mesmo empresas, co obxectivo de reflectir o amplo apoio social co que conta a iniciativa.

Entre os suscritores institucionais encóntranse as tres universidades galegas, a Universidade de Salamanca, a Deputación da Coruña, Turismo de Galicia -a Xunta xa expresara o seu apoio a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural-, así como entidades de distintos ámbitos que ou ben están asentadas no territorio do proxecto ou ben desenvolven actividades que dalgún xeito teñen incidencia na zona, como é o caso -entre outras moitas- da Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol, a Asociación Seitura 22, o Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal, a Sociedade Galega de Historia Natural, a AC Columba, a Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra, a Asociación Terras do Ortegal ou a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal, a primeira que empezou a falar hai case dez anos dunha idea que agora está xa na súa recta final.

Aos apoios tamén se sumaron os tres partidos con representación no Parlamento galego e toda unha constelación de colectivos veciñais, deportivos e culturais que  expresaron por escrito o seu compromiso co proxecto, un dos factores que máis se valora á hora de elixir as dúas candidaturas aspirantes que, como máximo, pode propoñer anualmente cada país.

Neste 2020 postuláronse tres proxectos, que o pasado 29 de setembro tiveron que defender os seus principais valores perante a Comisión estatal de cooperación coa UNESCO, a quen previamente se lle enviara un completo dossier cos elementos xeolóxicos únicos ou destacados que se queren poñer en valor, xunto co plan de desenvolvemento educativo, turístico e socioeconómico do territorio vinculado con eles.

Trala presentación, a propia comisión solicitou que se ampliase información de cara a contar con máis datos fundamentais para o proceso de valoración. O organismo dependente da AECID pediu neste sentido maior documentación gráfica sobre o patrimonio xeolóxico citado no proxecto e tamén unha descrición máis pormenorizada sobre como se van executar os distintos eixos de actuación relacionados co desenvolvemento sostible da zona.

Esa ampliación informativa xa lle foi remitida e mañá mesmo cóntase con facer o propio coas cartas de apoio. Será o último envío de documentación antes de que a comisión comunique a súa decisión, que posiblemente se faga pública o próximo 24 de novembro. Ese día saberase cal ou cales das tres propostas avaliadas proseguen o seu camiño na procura do selo Global Geoparks. E só hai tres posibilidades: unha, dúas ou ningunha, se a comisión considera que ningún dos proxectos cumpre cos requisitos para pasar á seguinte fase.

No ente xestor do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal agardan con tranquilidade a data en que se coñecerá o veredicto da comisión. O Director científico, Francisco Canosa, comentaba esta mañá que a nosa zona parte coa vantaxe de ter “un patrimonio xeolóxico único, que non se pode atopar en ningunha outra zona da península e que tampouco está  representado en ningún outro xeoparque xa existente”, razón pola que a área comprendida nos sete municipios promotores “é unha das pezas que faltan para compoñer ese grande crebacabezas das idades do planeta que son os xeoparques”.

Se se supera o filtro estatal, a/as candidaturas elixidas enviaranse á sede da UNESCO en París, e máis concretamente ao Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques, o órgano que ten a última  palabra na asignación do distintivo, previa avaliación sobre o terreo -posiblemente a partir do verán de 2021- de todas as accións levadas a cabo polas candidaturas.

 

 

 

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario