IMG_2665

O salón de plenos de San Sadurniño acollerá este mércores a presentación do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

O Complexo xeolóxico do Cabo Ortegal abrangue un territorio de 582 km2, esparexido polos concellos de Ortigueira, As Somozas, Cariño, Cerdido, Moeche, Cedeira, Valdoviño e San Sadurniño. Esta formación xeolóxica caracterízase por ter rochas ultrabásicas, que son moi raras mesmo a nivel mundial, como é o caso do toelo ou pedra de Moeche, e que son obxecto de estudo por xeólogos e outros investigadores desde hai décadas. Para poñer en valor este recurso do noso territorio dándoo a coñecer e promovendo o seu aproveitamento turístico e económico, un grupo de investigación e profesional está impulsando a constitución dun Xeoparque no Complexo do Cabo Ortegal. A iniciativa preséntase este mércores a partir das 19.30h. no salón de plenos.

Os xeoparques son unha figura creada pola UNESCO que serve para dar recoñecemento mundial a un territorio que acubilla uns recursos xeolóxicos de especial singulariedade. En todo o mundo hai xa 111 xeoparques dos que 10 en España e 4 en Portugal.

De cara a explicar en que consiste un xeoparque e especificamente cal é o proxecto da candidatura do Xeoparque do Cabo Ortegal, as entidades promotoras están a realizar unhas charlas polos concellos implicados nas que se pon de manifesto a importancia xeolóxica da zona e tamén de que maneira se pode vencellar co seu aproveitamento turístico e co desenvolvemento sostible da comarca.

Cómpre ter en conta que as espectaculares formacións rochosas que hai na costa e no interior forman parte dunha base territorial na que agroma vexetación única, unha fauna diversa e unha importante actividade económica asociada á gandeiría, a agricultura e os servizos. Aspectos todos eles que, segundo reflicte o blog da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal, “van máis alá da mera conservación e divulgación da riqueza xeolóxica dun territorio” xa que, segundo asegura esta web, “tan importante como isto será promover o desenvolvemento sostible da comarca”.

E para alcanzar este obxectivo proponse “traballar en dúas direccións”. Dunha banda mediante un plan turístico que poña en valor a xeoloxía como atractivo para visitantes de todas as idades e, por outro lado, impulsando un plan de desenvolvemento local onde o turismo “sexa o escaparate que permita dar a coñecer moitos dos produtos da zona”.

Para dar a coñecer esta iniciativa, na que están implicadas entidades e profesionais, programáronse varias charlas polos concellos do ámbito que abranguería o xeoparque. Mesmo xa se fixeron algunhas actuacións, como as 7 xeorutas descritas por Francisco Canosa na guía xeolóxica publicada hai tan só uns días polo Concello de Cedeira.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar