Tapa da Taberna Bardancas (Foto: Beatriz Císcat)

O territorio Cabo Ortegal promociónase a través dos seus produtos e a súa cociña

Facebook
Twitter
Email

Unha crema de algas e queixo de Moeche con esponxa de remolacha ao perfume de azahar, e un pisto da Reserva con miga de bonito en conserva do Cabo Ortegal, foron as receitas que degustou o público participante no showcooking ofrecido pola Deputación da Coruña en ‘Expovacaciones’ o venres pola mañá. A Feria de experiencias e tendencias turísticas que rematou esta fin de semana en Bilbao serviu de escaparate para promocionar Cabo Ortegal e a Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo por medio da súa oferta gastronómica. O produto da nosa zona tivo unha especial relevancia no evento, pero tamén durante o I Campionato de Tapas de Galicia celebrado a semana pasada en Pontevedra, onde a Taberna Bardancas de Cariño levou o terceiro premio cunha proposta moi saborosa e innovadora elaborada tamén con produto local.

A través dun programa de degustacións comentadas e de showcookings, o público puido coñecer as singularidades tanto dos produtos culinarios como das empresas artesás que os transforman e o bo facer dos cociñeiros e cociñeiras que elaboraron as receitas en directo. Neste sentido, o responsable da área provincial de Turismo e vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira apuntou que “estamos apreciando un interese especial polo destino turístico do noso territorio e, evidentemente, tamén estamos constantando que os selos Unesco siguen tendo moito tirón ante posibles visitantes”.

Xosé Regueira explica que a estratexia de promoción “ligada ao territorio” permite poñer en valor outros recursos importantes como son a paisaxe, a cultura, o benestar en destino “e a alta calidade dos produtos que promocionamos”. Outro factor importante que tamén salienta o vicepresidente é “a cualidade de destino non masificado do noso territorio”. A este respecto, lembra que nun estudo recente da Fundación Telefónica se constatou que 3 de cada 5 turistas terían disposición para pagar un prezo máis elevado por un destino non masificado.

No showcooking do venres, a cargo de Lolo Mosteiro e Paula Martínez, ofreceuse unha degustación de algas de Consevas Mar de Ardora de Ortigueira e promocionáronse as Maruxas de Nata de San Sadurniño. No último día da feira, o domingo, o stand da Deputación da Coruña acolleu un showcooking, de novo a cargo de Lolo Mosterio e Paula Martínez, que cociñou guisotto de alga de Mar Ardora con alioli, xema de ovo curada e salgada das Mariñas. As degustacións comentadas incluiron queixo ecolóxico de Lácteos Moeche, e conservas vexetais Amieiro de Cariño.

Na xornada o venres, foron o cociñeiro Óscar Galandum e a cociñeira Ganna Alinachikova, da ‘Taberna Bardancas’ de Cariño, quen se encargaron de elaborar receitas de milfolla de chutney de anchoa La Pureza e queixo O Casal afumado, e berberechos á cariñesa Galandum Style.  As degustacións comentadas centráronse en conservas de peixe La Pureza de Cariño, de requeixo de Brigantia e O Casal de San Sadurniño, e de queixo ecolóxico Lácteos de Moeche.

Ganna Alinachikova e Óscar Galandum presentándolle o seu petisco ao xurado do campionato de tapas (Foto: Beatriz Císcat)

Dáse a circunstancia, ademais, de que Galandum e Alinachikova tamén se alzaron co terceiro premio no I Campionato de Tapas de Galicia celebrado a semana pasada en Pontevedra. Ambos responsables da cociña do Bardancas presentaron a tapa “Ukrariño”, inspirada na xuntanza da cociña tradicional ucraína e galega. Para a súa elaboración utilizaron principalmente produto local.

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario