Mostrario de rochas que se poden atopar na zona do Ortegal, algunhas delas pouco habituais en superficie

Os concellos da comarca coñecerán a experiencia do Xeoparque da Costa Vasca

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

O proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal continúa movéndose para chegar a converterse máis cedo que tarde nunha realidade. E faino  de dúas maneiras: por medio da difusión da riqueza mineral e das peculiariedades dunha zona -a nosa- única no mundo desde o punto de vista xeolóxico e buscando o xeito de artellar a candidatura que se lle debe presentar á UNESCO, o organismo internacional que outorga esta distinción para as áreas que, ademais de ser únicas, poñen en valor este patrimonio dunha forma sustentable. Dous exemplos dos pasos que se están dando témolos precisamente estes días coa participación na  3ª Feira de Minerais que se desenvolve en Santiago e coa viaxe que farán o martes e o mércores a Euskadi representantes dos sete concellos implicados no proxecto para ver o funcionamento do Xeoparque da Costa Vasca, un dos últimos en ser aprobados.

A viaxe de traballo  do 6 e o 7 de marzo centrarase en ver a experiencia e o funcionamento deste parque xeolóxico situado nos municipios de Mutriku, Deba e Zumaia. A zona, que abrangue uns 13 quilómetros de costa, destaca polos afloramentos de flysch arredor dos cales se desenvolve un intenso labor divulgativo, de turismo científico e de lecer que, á súa vez, contribúe ao desenvolvemento da zona.

O Complexo do Cabo Ortegal conta, se cadra, con máis méritos. Abrangue 630 Km² de superficie dos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño (As Somozas desmarcouse desde o comezo), onde o xeólogo Francisco Canosa -apoiado pola Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal-  localizou  ata 52 lugares de interese xeolóxico e 5 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo. Ese é o principal valor dunha zona onde se encontran praias de area vermella, raras praias de area negra como a de Teixidelo, a única no planeta -que se saiba- de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciais, e rochas que habitualmente están a máis de 70 kilómetros de profundidade e que aquí poden observarse a simple vista.

Porén, os parques xeolóxicos tamén buscan ser un factor de desenvolvemento económico a través do turismo e doutras iniciativas que poidan beneficiarse deste recoñecemento internacional. No mundo existen 135 xeoparques e en Europa 62, dos que 11 están en España. No noroeste non hai ningún e o máis próximo é o da Costa Vasca que nos próximos días visitarán os e as representantes municipais dos sete concellos que si apostan polo xeoparque e que están dando pasos para que vaia adiante.

Unha mostra da riqueza mineral da zona exponse estes días en Santiago con apoio dos municipios implicados dentro da 3ª Feira de Minerais que se desenvolve nas rúas interiores de Área Central e á que asisten 30 expositores de España, Portugal, Xeorxia, Brasil e Polonia tanto con pedras e metais como con fósiles e xoiaría. A proposta do Xeoparque do Cabo Ortegal ten alí exemplos das distintas formacións e un paneis explicativos sobre as particulariedades do territorio e sobre a candidatura á UNESCO, ademais de contar coa presenza de Canosa para explicar a iniciativa.

Tan pronto como finalice o encontro de Área Central a exposición comezará a circular pola nosa comarca, dentro do plan de difusión do xeoparque. En paralelo as administracións locais traballan para buscar unha fórmula de xestión axeitada  -de aí a viaxe a Euskadi- e, sobre todo, o finanzamento para plasmar no territorio as rutas e o plan de desenvolvemento sostible. Neste sentido,  a Deputación da Coruña xa mostrou a súa disposición a financiar o proxecto, que tería cabida nun programa provincial plurianual dotado con 8 millóns de euros destinados tanto a esta como a outras actuacións no eido do turismo.

Xeolodía en maio
A Sociedade Xeolóxica de España organiza para os días 6 e 7 de maio o denominado Xeolodía, co que se pretende promover o coñecemento da xeoloxía e da profesión asociada a esta disciplina. Son excursións de campo por zonas de interese que se acompañan das explicacións de profesionais nesta disciplina, como é o caso de Francisco Canosa.

Tanto el como varias persoas voluntarias da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal encargaranse de organizar esta cita na nosa zona, que aquí se desenvolverá en tres veces -o 6, o 7 e tamén o 13 de maio- cunha ruta polos concellos de San Sadurniño, Neda e A Capela.

Serán viaxes gratuítas en autobús con dúas paradas en cada un destes municipios para observar do patrimonio xeolóxico, como é o caso da ruta das Pías que comprende o val do Castro á altura do Castelo de Naraío e o alto do Forgoselo.

As prazas son limitadas e o prazo de inscrición abrirá o próximo 6 de abril. Uns días antes informaremos sobre a maneira de apuntarse.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar