Xeorutas-de-Cedeira-Moeche

Os concellos de Cedeira, Moeche e Ortigueira intensifican as rutas xeolóxicas para os meses de verán

Facebook
Twitter
Email

Cedeira, Moeche e Ortigueira intensifican o programa de rutas xeolóxicas guiadas durante o verán para que veciños e viaxeiros poidan gozar da riqueza xeo­lóxica que existe nestes tres territorios. Representantes dos concellos de Cedeira e Moeche -Or­tigueira non puido acudir por razóns de axenda- presentaron hoxe as propostas coas que queren dar resposta ao interese que este tipo de saídas está a despertar entre a xente. De feito, Cedeira encheu as trinta prazas a pasada fin de semana e a demanda tamén se mantén cara as seguintes convocatorias.

Tanto a concelleira de Cultura e Turismo de Cedeira, María Xosé Rodríguez Pérez, como a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy Maceiras, destacaron o éxito que están a ter as xeorutas, unha iniciativa xa consolidada no ámbito comarcal e coa que se quere empurrar a creación do parque Xeolóxico do Cabo Ortegal. Sobre esta cuestión, consideraron moi necesario contar co apoio económico da Deputación da Coruña para poder poñer en marcha un proxecto moi impor­tante polo que representa “cara a posta en valor do noso patrimonio”. A devandita axuda, cuxa cuantía ascende a 500.000 euros, daría lugar á elaboración do plan rector do xeoparque, segun­do explicaron despois de agradacer moi explicitamente a axuda e colaboración que a iniciativa está a recibir por parte dos responsables provinciais Goretti Sanmartín e Xosé Regueira.

No caso de Cedeira, o Concello programou, xunto co xeólogo Francisco Canosa, un total de catro rutas. Así, ademais das que se realizaron no primeiro ano do programa (Praias Negras, Cantís e a do Cromo) este ano incorpórase a denominada do Granate, unha ruta de cinco quiló­metros que discurre por un pequeno sendeiro de pescadores dende San Andrés ata a ensenada das Cortes. Ao longo do camiño, o viaxeiro toma contacto cun salientable número de estruturas xeolóxicas e descobre unha das zonas máis descoñecidas do litoral cedeirense. A ruta das Praias Negras permite ao visitante coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do planeta, mentras que na denominada dos Cantís pódense contemplar unhas impresionantes vistas panorámicas da Serra da Capelada. Coa xeoruta do Cromo percórrense os cantís máis elevados da Europa continental así como a falla que corta toda a serra da Capelada.

A participación é de balde, o prazo de inscrición comezará 15 días antes de cada xeoruta e poderá realizarse ou ben a través dos formularios do blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com.es e da web do Concello (www.cedeira.gal) ou de maneira presencial na oficina de turismo, situada na avenida Castelao. As saídas son os venres, sábado e domingo.

O programa das xeorutas de Moeche -que dará comezo o día 23 do presente mes- inclúe a ruta do toelo -prevista para os días 25 de xullo e 19 de agosto- e a da Mina de Piquito, que se levará a cabo os días 23 e 28 de xullo; 5, 15 e 25 de agosto e os días 2 e 9 de setembro. As inscrición farase a través do blog antes citado ou na Casa do Concello. A participación na ruta do toelo implica o desembolso de 6 euros.

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario