fus2

Os concellos esperan que o centro de transformación de Moeche poida empezar a funcionar no verán

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

O Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou Moeche esta mañá para coñecer as obras recentemente finalizadas do centro de transformación alimentaria de San Ramón, que se integrará no espazos provinciais de coworking relacionados co medio rural. Formoso estivo acompañado pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, e tamén polos rexedores dos outros tres municipios que participan na iniciativa: Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño. No percorrido polas instalacións víronse as distintas dependencias que se dedicarán á produción de conservas hortícolas, o envasado de zumes e á extracción e procesado de mel, ademais dos equipamentos que se utilizarán tanto nestas actividades como na impartición de cursos. O centro nace co obxectivo de dárlle saída e cun maior valor engadido aos excedentes agrícolas das pequenas explotacións da comarca, pero tamén con vocación de espazo onde se creen sinerxias entre produtores e produtoras que, ademais, traballen en rede con outros centros similares. Ademais, A Fusquenlla tamén responde ás estratexias de desenvolvemento territorial que se queren promover desde o Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Beatriz Bascoy destacou o valor do proxecto como iniciativa xurdida da cooperación intermunicipal con apoio da Deputación e da AGADER, así como o papel dinamizador do sector primario que vai representar un centro “que non vai ser só para Moeche, senón para o conxunto dos catro concellos e, se hai demanda, tamén para o resto da comarca”.

A alcaldesa explicou que a veciñanza destes municipios poderá acudir ás instalacións para transformar os seus produtos e mostrouse esperanzada en que a súa actividade poida iniciarse “a partir do verán”, aínda que para iso antes fará falla regular o modelo de xestión. Para Bascoy a posta en marcha do proxecto significa “crer no rural” e nas súas posibilidades de desenvolvemento vencelladas á produción de calidade e a súa comercialización en circuítos de proximidade.

Na mesma liña tamén se pronunciou o Presidente da Deputación, aludindo a que o Centro de Apoio ao Desenvolvemento Rural “A Fusquenlla” servirá para “dárlle unha  oportunidade a todos aqueles emprendedores e emprendedoras que queiran vivir ou reincorporarse ao mundo rural”.

O novo equipamento será o oitavo centro de coworking promovido polo ente provincial e, neste sentido, facilitará traballar  “dunha maneira diferente, cunha visión de colaboración e de aproveitamento de sinerxias entre emprendedores que teñen unha visión distinta do sector agropecuario”. Valentín González agradeceu o esforzo conxunto “que non é habitual” dos catro municipios implicados, incidindo na necesidade de alternativas deste tipo  “nunha comarca que precisa diversificación económica”.

Os tres alcaldes cadraron en reivindicar a colaboración entre municipios “que se suma á que xa mantemos impulsando o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal”, dixo o rexedor de San Sadurniño, Secundino García, engadindo deseguido que o novo centro debe servir “para convencernos de que o sector primario ten moito potencial e pode ser un nicho de traballo para moita xente”. O alcalde de Cerdido, Benigno Galego, coincidiu nesta visión e expresou a súa confianza en que “sigan xurdindo máis ideas e proxectos” da cooperación dos catro concellos. Por último, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, agradeceu “o convite que tivemos no seu día por parte de Moeche para fortalecer o proxecto” a pesar de que o sector primario non teña no seu municipio o mesmo peso económico que nos outros tres.

Máis de 240.000 euros de investimento e catro anos de traballo
Nas obras e no equipamento da infraestrutura investíronse máis de 240.000 euros cofinanciados polos fondos europeos do LEADER -a través do GDR Seitura 22-, cunha achega provincial de 88.000 euros e outros 12.000 para o deseño técnico sufragados pola Consellaría do Medio Rural, ademais dunha pequena contribución dos catro municipios.

A orixe do proxecto está nunha idea da área de Desenvolvemento local de San Sadurniño, que levaba anos pensando en como  facilitarlles aos produtores e produtoras da zona un lugar no que puidesen preparar todo tipo de elaborados a partir do que dá a terra.

Porén, a iniciativa batía cun inconveniente: San Sadurniño non dispuña de ningún espazo axeitado sequera para levalo ao papel nun proxecto técnico. Aí foi onde entrou en xogo Moeche ofrecendo como emprazamento a antiga nave dos queixos. Posteriormente, e de cara a que toda a actuación adquirise corpo de ámbito comarcal -tamén para posicionarse mellor na obtención de fondos europeos e provinciais- propúxose a entrada de Valdoviño e Cerdido, que quedou confirmada nun acordo asinado  polos catro municipios en novembro de 2018.

Van aló case tres anos e esta mañá o concelleiro de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Manolo Varela non ocultaba a súa fachenda por ver a obra lista para empezar a traballar “despois de tanta burocracia administrativa, a chegada da COVID e un cúmulo de cousas que retrasaron o proxecto”.

Agora vén a parte máis importante: poñelo a funcionar e dinamizalo. Para iso estanse estudando experiencias doutros equipamentos similares, como por exemplo o existente no concello coruñés de Brión “co que temos unha relación que nos está facilitando o traballo”, comenta Varela.  O concelleiro sinala que, a diferenza deste, o de Moeche disporá tamén dunha liña dedicada ao mel, razón pola que se valora que a a liña de conservas hortofructícolas e zumes se xestione de maneira distinta á liña de envasado de mel, aínda que ambas se coordinen entre si e co resto de centros da rede provincial de coworking.

En calquera caso, o seguinte paso que lles toca dár aos concellos é o de definir o modelo de xestión, que quedará plasmado “nunha ordenanza ou nun regulamento de funcionamento interno” que recolla todos os aspectos do día a día.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar