Que é un xeoparque

Xeoparques no mundo

Nestes momentos hai declarados un total de 177 xeoparques repartidos por 46 países. 90 deles están en Europa (catro transnacionais). En España existen 15 territorios co distintivo da UNESCO. Os máis recentes  -aprobados en 2020- son o Xeoparque de Granada e o Xeoparque do Maestrazgo. En Galicia temos o Xeoparque das Montañas do Courel, o primeiro que obtivo a cualificación no noso país e o único, por agora, do extremo noroccidental do Estado. 

Para saber máis

Un xeoparque é un territorio que posúe un patrimonio xeolóxico de relevancia internacional e cun alto valor para o coñecemento da historia da Terra. Esa é unha das súas características, pero hai máis. E é que os xeoparques son tamén figuras de xestión que buscan conservar, divulgar e poñer en valor a riqueza xeolóxica como base para un desenvolvemento sustentable das áreas onde se asentan.

A denominación correcta dun xeoparque é Xeoparque Mundial da UNESCO, posto que é este organismo das Nacións Unidas quen outorga o distintivo sempre que se solicite previamente e se cumpran varios requisitos:

  • Que sexa un territorio unificado xeograficamente, con referentes xeolóxicos únicos e con certo atractivo visual e de contido para visitantes
  • Que exista unha entidade con capacidade de xestión encargada de levar a cabo unha estratexia integral relacionada coa conservación dos recursos, a investigación, a educación, o turismo e o desenvolvemento económico e social
  • Que esa estratexia estea en marcha incluso antes da solicitude, con actuacións de posta en valor da xeoloxía e medidas que garantan a máxima participación social, xa que os xeoparques deben estar construídos de abaixo arriba
  • Que existan recursos económicos suficientes para o sostemento do plan de acción, que despois pode levarse a cabo directamente ou ben coa colaboración de empresas e entidades do territorio

Cómpre destacar que un xeoparque non é unha figura legal que supoña restricións sobre os usos do chan, aínda que optar ao selo da UNESCO si esixe certos compromisos de conservación dos recursos.

En resume, o xeoparque ha de ter un patrimonio xeolóxico destacado e ese patrimonio debe xestionarse vinculándoo coa cultura, a natureza, o tecido socioeconómico e a sustentabilidade, co obxectivo de cohesionar o territorio, reforzar a identidade dos seus habitantes coa riqueza da área onde viven e contribuír desde o ámbito local ao coñecemento global do noso planeta.

A UNESCO só permite o uso do seu logo nos sitios que obtivesen a certificación de xeoparque

Ser xeoparque

O camiño para a obtención do título de Xeoparque Mundial da UNESCO é longo. En primeiro lugar os territorios xa deben estar funcionando como xeoparques antes incluso de chegar a selo. É dicir, deben ter unha certa experiencia acumulada aplicando as liñas mestras definidas pola UNESCO, sobre todo no referido ao coñecemento dos recursos xeolóxicos e á concienciación sobre o seu valor.

Logo hai que contar cun ente xestor e con plan estratéxico e, a partir de aí, xa se poden empezar a dar pasos para promover unha candidatura. Un proceso que durará alomenos dous anos e que arranca co envío ao Comité de Xeoparques de cada estado  dunha manifestación previa mostrando o interese en obter o distintivo, algo que ten que facerse antes do 1 de abril de cada ano.

Deseguido, e antes do 1 de xuño, ten que iniciarse a exposición pública da proposta de creación do xeoparque e remitir a documentación completa do proxecto. Do 1 de xuño ao 31 de xullo dese primeiro ano de trámite, o comité analizará a proposta e emitirá o seu informe -favorable ou non- que lle será trasladado á Comisión de Cooperación coa UNESCO do país onde se encontre o territorio candidato. Nese tempo poden requirirse subsanacións da documentación ou do argumentario que, en todo caso, han estar incorporadas ao expediente antes de que acabe setembro.

Entre o 1 de outubro e o 30 de novembro saberase se a delegación de cooperación coa UNESCO apoia ou non o proxecto. En cada estado só se seleccionan dúas candidaturas ao ano como máximo. Se o veredicto é favorable, a propia Comisión de Cooperación coa UNESCO enviaralle a correspondente carta ao Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques, o organismo que ten a última palabra na asignación do selo.

No segundo ano de tramitación, o PICTX avaliará máis detalladamente a candidatura e enviará a partir do 1 de maio unha misión de inspección sobre o terreo que mira tanto a aplicación práctica da estratexia definida no proxecto como o grao de implicación do territorio no seu desenvolvemento.

A inspección da UNESCO é tan esixente e exhaustiva que mesmo chega a facer entrevistas aleatorias para anotar ata que punto a xente da zona sabe de que vai a iniciativa. De cumprirse os prazos previstos, o resultado da avaliación debaterase no Consello de Xeoparques Mundiais  no mes de setembro. Unha vez superado este penúltimo filtro, a proposta deberá ser ratificada pola Dirección Xeral da UNESCO e elevada a definitiva polo Consello Executivo deste organismo dependente da ONU.

As vantaxes

A obtención deste distintivo da UNESCO ten como principal vantaxe a ampliación do coñecemento do lugar onde vivimos entendéndoo como resultado de millóns de anos de cambios constantes. E é que o substrato xeolóxico é a base de todo: sobre del medrou a vida e tamén evolucionou a humanidade adaptándose ás peculiariedades de cada zona. A paisaxe herdada dos cambios terrestres é fundamental para comprendermos a nosa propia realidade social, cultural e económica.

Todo ese coñecemento asociado á xeoloxía ponse en valor coa figura dos xeoparques, principalmente a través dun turismo desestacionalizado que lle descobre ao visitante lugares con características únicas, pero tamén natureza, patrimonio, gastronomía e tradición. O xeoparque é en si mesmo unha marca turística amparada pola UNESCO que pode e debe xerar oportunidades económicas e de emprego.

Preto de nós temos exemplos sobre como repercute un xeoparque no seu territorio. O Geoparkea da Costa Vasca, que abrangue os municipios de Mutriku, Deba e Zumaia, recibe cada ano unhas 150.000 visitas das que 40.000 son con guías de distintas empresas que teñen no xeoparque unha das súas principais fontes de ingresos. Máis preto de aquí, no Xeoparque de Arouca, en Portugal, cunha poboación duns 22.000 habitantes e a metade de superficie que a zona do Ortegal, estímase un impacto económico anual duns 15 millóns de euros.

Outros beneficios de ser xeoparque son o reforzo da identidade territorial, a posibilidade de acceder a máis liñas de axuda europeas -programas Interreg, por exemplo-, pertencer a unha rede mundial de intercambio de coñecementos e experiencia, a creación de oportunidades de negocio e para a fixación de poboación, etc.

Compromisos

Ser xeoparque UNESCO ten a mesma relevancia internacional que unha declaración de Patrimonio da Humanidade. Ese é o motivo de que só alcancen esa cualificación territorios que destacan pola súa xeoloxía única e pola maneira en que a poñen en valor procurando cumprir, ademais, os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU.
Porén, o selo de Xeoparque Mundial da UNESCO non é un título permanente, senón que hai que traballar constantemente para mantelo. De feito, cada catro anos hai que pasar unha especie de reválida con inspeccións internacionais que comproban sobre o terreo que se están cumprindo os obxectivos de desenvolvemento, de conservación, educativos, científicos, de dinamización territorial, de comunicación, etc., e que se están obtendo resultados. En caso contrario esíxese a adopción de medidas correctoras ou o impulso de novas liñas de traballo que permitan cumprir a estratexia. Isto é importante, xa que é moito máis doado perder a cualificación que conseguila.
Cada xeoparque ten un discurso propio e diferenciado dos demais, como parte dun grande crebacabezas que en conxunto nos permite entender como se configurou a Terra durante millóns de anos e de que maneira evolucionaron en cada zona a paisaxe, as sociedades e as culturas.
Nese sentido, os xeoparques están obrigados a manteren entre si unha relación constante a través de foros especializados e eventos nos que se intercambian experiencias e boas prácticas, coa finalidade de reforzar a rede mundial e, máis que nada, o coñecemento dos capítulos da historia terrestre que se escriben en cada parte do mundo. A relación mantense en tres niveis: no Foro Español de Xeoparques, na Rede Europea de Xeoparques e na Rede Global de Xeoparques.

Unha viaxe ao interior da Terra

© Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol