Que ver

Un proxecto, ducias de posibilidades

Entre os cometidos do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal está o de deseñar un completo catálogo de recursos xeolóxicos e rutas que atendan a distintos públicos: escolares, persoas especialistas na materia e visitantes con distintos niveis de coñecemento. Públicos aos que se lles debe proporcionar unha oferta diferente baseada nun coñecemento da historia da Terra combinado con outros aspectos, como por exemplo a gastronomía, a cultura, o patrimonio ou incluso os eventos culturais e deportivos.

Os concellos e outras entidades públicas e privadas que apoian o proxecto levan tempo traballando na posta en valor do territorio con webs e información que abrangue tanto os principais puntos de interese como os servizos de todo tipo asociados a eles.

Un proxecto de xeoparque estrutúrase sobre tres elementos principais relacionados entre si e co mesmo peso específico: unha base abiótica -as rochas e formacións que o fan único-, unha capa biótica -a vida asentada sobre a base abiótica- e, en terceiro lugar, a faceta relacionada con todas as manifestacións da cultura: patrimonio arquitectónico civil e relixioso, tradicións, gastronomía, historia, expresións culturais, etc.

No Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal agora estase desenvolvendo o primeiro apartado dese “abc”, o do coñecemento da riqueza xeolóxica como sustento das outras dúas, que levan décadas sendo investigadas, protexidas e promocionadas como atractivo turístico.

Rede de espazos protexidos (Fonte: IET-Xunta de Galicia)

Toda a zona costeira, desde Valdoviño até Ortigueira, ten algún grao de protección de ámbito europeo, con declaracións de Zonas de Especial Conservación, Zonas de Especial Valor Natural ou Zonas de Especial Protección para as Aves. Ademais, na metade sur do ámbito do proxecto tamén se encontra o espazo ZEC-ZEVN Xubia Castro e entre Ortigueira e Cerdido atopamos o eixo ZEC-ZEVN Ortigueira-Mera. Espazos naturais caracterizados por flora e fauna asociada principalmente ás paisaxes costeiras, aos movementos intermareais ou aos bosques atlánticos, con algúns exemplos de endemismos animais e vexetais.

Humidal de Ortigueira coa Illa de San Vicente ao fondo

Un territorio de experiencias únicas

Neste contexto evolucionou a poboación do territorio adaptándose ao medio e aproveitándoo coa tecnoloxía dispoñible en cada momento. En toda a zona do proxecto contamos con vestixios de actividade humana desde hai máis de 6.000 anos, tal e como testemuñan os enterramentos da idade do bronce sementados desde o Forgoselo até o límite costeiro do norte, seguidos de importantes referentes das culturas da Idade do Ferro e castrexas.

Porén, tamén hai probas da romanización e, sobre todo, unha importante colección de elementos patrimoniais que empeza a xuntarse na Idade Media -castelos, mosteiros, igrexas, cruceiros, tumbas antropomorfas, etc.- aos que se lle unen, precisamente, exemplos da evolución no aproveitamento dos recursos vinculados á terra e ao mar: muíños de auga e vento, hórreos, portos, casas de labranza, etc.

E, nun substrato superior, toda unha cultura inmaterial asociada ás tradicións e o coñecemento popular entre o que destaca o santuario de Santo André de Teixido como final dun camiño espiritual milenario asimilado logo polo cristianismo que hoxe é o segundo en importancia de Galicia en canto a visitantes, só superado polas distintas rutas xacobeas.

A cultura de toda a área exprésase tamén a través dunha gastronomía propia relacionada con produtos próximos da máxima calidade -peixes, mariscos, carnes, horta, lácteos, mel…- que ofrecen neste ámbito as mellores experiencias slow food, con todo o que implica este concepto en canto a sabores e a compromiso cunha produción alimentaria sustentable.

Xuntando un patrimonio natural e histórico único cunha gastronomía excepcional -apoiada nunha ampla rede hostaleira e de puntos de venda- temos xa dúas das claves que explican por que esta zona se converteu nos últimos anos nun dos grandes destinos turísticos do norte da Península.

Pero hai máis, posto que á oferta de rutas e servizos para descubrir o territorio xúntaselle tamén un grande abano de eventos que entroncan directamente coa tradición ou que son iniciativas novas: o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, o Festival Irmandiño e as feiras do 11 e o 23 de Moeche, as procesións marítimas das vilas mariñeiras -Cariño, Cedeira e Ortigueira-, a recuperación do Samaín en Cedeira e das mallas tradicionais en Cerdido, a cita co surf internacional no Pantín Classic de Valdoviño, a Feira Rural de San Sadurniño…

Castelo de Moeche
Castelo de Moeche
Festival de Ortigueira

E tamén xeoloxía...

Todas estas capas -patrimonio natural e histórico, gastronomía, cultura, etc.- combínanse nunha oferta turística promovida desde cada municipio e desde organismos supramunicipais, como a Mancomunidade de Concellos da Comarca Ferrol, responsable do Xeodestino Ferrolterra Rías Altas que permite configurar estadías segundo preferencias.

Agora a todas esas accións promocionais do territorio vénselle sumar unha nova capa, a do xeoturismo, concibida como o descubrimento da zona partindo de onde partiu todo, dunha xeoloxía única que configurou paisaxes e formas de vida.

Por iso, desde o proxecto concibiuse unha posible ordenación desa oferta agrupando por zonas os elementos principais. O resultado son dez fichas individuais coa descrición dos principais recursos xeolóxicos, que se poden combinar co resto de propostas patrimoniais e culturais, achegándose a cada destino por libre -salvo naquelas de especial dificultade- ou dentro de visitas guiadas. Ademais, pola proximidade entre si dalgúns dos fitos mesmo é posible planificar un ou dous destinos para cada día. 

Canteiras de Toelo

Toelo, pedra de Moeche ou serpentina son as distintas maneiras que ten a poboación...
Ver máis

Ría de Cedeira

A de Cedeira é unha das dúas rías que hai neste territorio. A pesar...
Ver máis

Río Mera-Fraga dos Casás

Na contorna da coñecida Fraga dos Casás se atopan varios afloramentos de rochas negras...
Ver máis

Minas de cobre

Dende finais do século XIX sábese da presenza de cobre nos montes de Moeche...
Ver máis

Ría de Ortigueira

Esta é unha das dúas rías que se atopan dentro do proxecto do Xeoparque....
Ver máis

Val do río Xubia

O río Xubia, que deu orixe á ría de Ferrol, presenta un val fluvial...
Ver máis

Serra do Forgoselo

No extremo sur do proxecto do Xeoparque atópase esta serra que alberga rochas graníticas,...
Ver máis

Litoral de Valdoviño

No extremo máis occidental do proxecto do Xeoparque atópase a praia de Campelo, un...
Ver máis

Cantís da serra da Capelada

Esta é a zona máis estudada e tamén coñecida do territorio do proxecto, tanto...
Ver máis

Costa de Loiba

Este sector, onde se atopa o famoso banco, caracterízase por amosar un bo número...
Ver máis

Unha viaxe ao interior da Terra

© Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol