302438490_635095211287901_2810751150207199139_n

Retómanse as xeorrutas trala auditoría da Unesco

Facebook
Twitter
Email

A avaliación por parte da Unesco do noso proxecto obrigou aos concellos a modificar, aínda que fose minimamente, o calendario de xeorrutas da fin de semana pasada e reconfiguralo acomodando algunhas delas nas datas seguintes. Estamos na recta final do verán e, nesta fin de semana e a que vén desenvolveranse a maior parte dos itinerarios que estaban programados e tamén os que tiveron que mudar o día. Para participar neles é necesario reservar a través da nosa web por un prezo de 9€ por xeorruta, con posibilidade de cancelar sen gargo até a véspera.

Sábado 3 de agosto, 10:00 a 14:00h: Xeorruta dos Penidos (Concello de Ortigueira) As ecloxitas son un tipo de rochas orixinadas a máis de 100 quilómetros de profundidade que aquí, na no Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, poden verse en superficie. A zona norte da Capelada leva décadas sendo obxecto de investigacións por este motivo. 

Porén, na banda sur, na zona de Couce do Penido -relativamente preto do límite con Cerdido e Cedeira-, tamén se observan numerosos exemplos destes materiais, razón pola que o IGME a catalogou recentemente como Geosite, ou o que é o mesmo, como lugar de interese xeolóxico cunha relevancia internacional. 

A visita non chegará tan abaixo no mapa, senón que discorrerá máis ao norte, preto do rego do Casón, que nos ofrece o espectáculo xeolóxico da fervenza e do Pozo do Inferno, xunto cos vestixos do castelo que dominaba desde o alto a ribeira oeste da ría de Ortigueira. Máis info e reservas aquí.

Sábado 3 de agosto, 16:30 a 20:30h: Xeorruta dos Aguillóns (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas. Pola tarde coñeceras, precisamente, a maior concentración de ecloxitas de todo o planeta, que foi obxecto de numerosas investigacións científicas nas últimas décadas -sobre todo a parte máis ao norte, onde emerxen os Aguillóns- porque a súa análise permite extraer datos sobre o que ocorreu e ocorre no interior do planeta.

Será unha auténtica “viaxe ao interior da Terra” sen deixar de ver a luz do día na que tamén haberá tempo para descubrir as formacións xeolóxicas que aparecen en San Xiao do Trebo, orixinadas neste caso pola fusión de outros materiais.

O percorrido consta de 3 paradas e o desprazamento entre elas realizarase en coches particulares. Ten unha dificultade media, debido á presenza de tramos con certa pendente, polo que é preciso levar un calzado cómodo e axeitado para ese tipo de terreos. Máis info e reservas aquí.

Domingo 4 de agosto, 10:00h a 14:00h: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). PRAZAS COMPLETAS. Esta ruta xeolóxica é unha das estrelas do proxecto pola súa exclusividade -os areais de Teixidelo están considerados os únicos de area negra non volcánica do mundo- e pola posibilidade de admirar os cantís máis elevados da Europa continental desde a súa parte máis baixa, o que nos ofrece unha perspectiva espectacular da paisaxe. A ruta ten cubertas as prazas para este día e tamén para o seguinte, o día 14 de agosto. 

Recomendamos visitar a central de reservas para tentar coller praza nas seguintes datas programadas e insistimos en que tanto esta xeorruta como a do Granate son itinerarios de certa dificultade e con tramos perigosos que cómpre facer na compaña de persoas que coñezan ben o terreo e sempre con boas condicións atmosféricas.

Domingo 4 de agosto, 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Limo (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas. Esta ruta polo macizo do Limo permitirá descubrir formacións rochosas moi singulares que co paso do tempo foron adquirindo formas sumamente curiosas e rechamantes.

Isto, unido a que o percorrido discorre polos cantís máis verticais da Serra da Capelada, farán desta visita xeolóxica unha oportunidade única para coñecer a zona lindeira co corte costeiro de Herbeira, máis elevado pero menos pendente. Máis info e reservas aquí.

A difusión desta información encádrase no convenio de cofinanciamento do proxecto asinado entre a Deputación da Coruña e a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario