RIA-DE-ORTIGUERIA-GEOSITEcabequever

Ría de Ortigueira

Esta é unha das dúas rías que se atopan dentro do proxecto do Xeoparque. É ademais a primeira do Mar Cantábrico, aínda que durante a baixamar ten unha forte incluencia fluvial. Nese momento é cando mellor se poden ver as canles intermareais, as barras areosas, as chairas de mareas ou o tómbolo da Illa de San Vicente.  Para iso recoméndase subir aos miradoiros da Miranda ou O Casón

As rochas da contorna da ría son especialmente singulares e, en consecuencia, tamén o é a composición da area das súas praias. Chaman a atención as areas de Morouzos, Basteira ou A Concha, por ser moi escuras e densas ao estar formadas por minerais pesados, moito máis frecuentes nos tipos de rocha da zona que noutros puntos.

Ao visitar a Illa de San Vicente, só en baixamar, obsérvase que as rochas que a forman son lousas verdes que en ocasións están fortemente pregadas. Son os vestixios de antigos sedimentos mariños actualmente emerxidos. Digna de ver é tamén a praia de Fornos -A Pedra, Cariño-, excepcional exemplo de praia con areas granatíferas que presenta unha coloración moi pouco habitual. O contraste de cores que tiran ao vermello é maior no inverno, no verán a praia contén unha maior proporción de area branca.

Concellos: Ortigueira e Cariño
Visitable: Si, en coche ou a pé seguindo pistas ou sendeiros sinalizados polos concellos
Outros datos: Recoméndase incluír en calquera das visitas a subida aos miradoiros. Ademais, por proximidade, esta opción é complementaria da visita ao Cabo Ortegal e aos cantís de Herbeira. Ten a consideración de Global Geosita coa denominación Geosite “Península de Masanteo-Illa de San Vicente e mélange de Somozas na praia de Espasante e San Antón”.

Comparte este contido

Facebook
Twitter
Email

Máis que ver

.

Unha viaxe a o interior da Terra

© Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol