Riqueza xeolóxica
Máis aló do Ortegal
O Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal pertence á zona xeolóxica de Galicia Tras-Os-Montes, un dos sectores xeolóxicos en que se divide o Macizo Ibérico. Comprende o eixo norte-suroeste desde a punta dos Aguillóns até San Sadurniño e no eixo oeste-leste desde a praia de Pantín até Espasante. A relevancia científica deste espazo é coñecida desde hai case cincuenta anos, debido á presenza de rochas que hai millóns de anos estiveron no Manto superior da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade.
Porén, o proxecto do xeoparque amplía a posta en valor a outros lugares de interese situados fóra da delimitación do complexo. É o caso, por exemplo, das mineralizacións de arsénico de Meirás, as fallas de Valdoviño e As Pontes-Pedroso, o bloque granítico do Forgoselo, límite inferior da área delimitada polo territorio dos sete concellos, ou mesmo o vulcanismo do litoral de Loiba. Dependendo do seu interese científico, estes sitios poden alcanzar a cualificación de Lugares de Interese Xeolóxico ou, se son moi exclusivos, a de Global Geosite. Ter un destes geosites abonda para obter a declaración de xeoparque. Na nosa zona xa temos 6 e posiblemente cheguemos dentro de pouco a un total de 9.
Para saber máis
Pero… ¿que condicións ten a área do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal?, ¿por que é tan especial?, ¿que teñen as nosas rochas para que valla a pena dedicarlle tanto esforzo promovendo un xeoparque?.
Vaiamos por partes. Imaxinemos que a Terra é coma un ovo cocido onde a casca sería a codia ou litosfera -ata uns 70 quilómetros de profundidade nos continentes e 7 no fondo oceánico- , a clara sería o manto -dos 70 aos 2.890 quilómetros de fondo- e a xema sería o núcleo, o centro con parte líquida e sólida do planeta, duns 3.481 quilómetros de radio e temperaturas extremadamente altas.
O noso planeta non é unha bóla ríxida, senón que cada unha das súas capas ten diferentes comportamentos por mor da presión e dos materiais que están en contacto. Ademais, esa casca non é uniforme, senón que está fragmentada en placas que se moven impulsadas pola inmensa enerxía que xera o magma derretido do interior do planeta. Baten entre elas, friccionan, unhas métense por debaixo das outras… e a Terra, aínda que non o notemos -salvo polos terremotos e os volcáns-, é un lugar que está cambiando constantemente por causa da denominada “tectónica de placas” que leva millóns de anos mudando a aparencia do planeta.

A singularidade xeolóxica do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal vén precisamente dese movemento transformador, paseniño e imparable da Terra. Un movemento que nos deixou na superficie rochas que habitualmente están a máis de 70 quilómetros de profundidade. Todo un agasallo para os investigadores e investigadoras, que en poucos sitios do mundo poden ver a simple vista o que ocorreu e ocorre dentro do planeta.
Iso débeselle á formación da maior cordilleira montañosa que existiu na historia do noso planeta, hai aproximadamente 350 millóns de anos. Un conxunto de montañas máis elevadas incluso que o actual Himalaia producido polo choque entre dous continentes, Laurussia e Gondwana, que estaban inicialmente separados polo océano Rheico e que acabarían unidos ao supercontinente Panxea. Esa colisión e o seu resultado é coñecido no mundo da ciencia xeolóxica como “Oroxenia Varisca” que, entre outras, tivo como consecuencia a elevación de materiais do manto superior.
Unha viaxe ao interior da Terra
Do océano que había no medio de Laurasia e Gondwana -ou do seu fondo- xurdiron a maior parte das rochas que a día de hoxe conforman o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal: peridotitas, serpentinitas -o toelo-, metavulcanitas e metasedimentos. A xeoloxía da zona foi moi estudada en diferentes investigacións desde mediados do século XX e todas coinciden na súa excepcionalidade científica.
Aquí tamén hai anfibolitas, granulitas e gneises. Tamén están os maiores e mellores afloramentos mundiais de ecloxitas que son iso, rochas producidas por grandes presións -máis de 10.000 atmosferas- e temperaturas superiores aos 800 ºC. Tamén existen praias con areas negras de orixe non volcánica -a de Teixidelo, única no mundo- e outras de cor vermella pola súa riqueza en partículas de granate.
Contamos ademais con “espeleotemas”, que é a palabra técnica para definir acumulacións de certos minerais dentro de covas ou, coma no caso de Cerdido e Moeche, as estalactitas e estalagmitas de cor azul e verde que se atopan no interior de antigas minas de cobre.


Na nosa zona tamén temos fallas que estiveron moi activas ata hai 20 millóns de anos e en definitiva, en 799 Km² de superficie terrestre e marítima asistimos a un dos capítulos máis apaixonantes da historia do planeta.
Contar esa historia ou, mellor dito, eses capítulos da historia da Terra é o que pretenden os xeoparques da UNESCO, que deben ser por esa mesma razón distintos entre si en canto ao coñecemento que poñen a disposición do público. No caso do proxecto do Cabo Ortegal a diferenciación encóntrase precisamente na aparición en superficie das rochas do manto, de aí que se elixise o lema “Unha viaxe ao interior da Terra” como fío argumental do proxecto.
LIX e Geosites
A xeoloxía do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal constitúe unha verdadeira viaxe ao interior do noso planeta, coa que se poden descubrir e coñecer as rochas que hai nas partes máis internas da Terra, algo moi excepcional e que en poucos lugares é posible ollar.
Nos anos 80 o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) fixo un inventario de lugares de interese xeolóxico (LIX), coa idea de coñecer e dar a coñecer aquelas zonas cun salientable patrimonio xeolóxico. Daquela catalogáronse dous lugares que despois se ampliarían en tres máis dentro dun proxecto internacional de definición de Geosites, é dicir, espazos con interese xeolóxico a nivel mundial que o IGME elixiu como ilustrativos da Oroxenia Varisca Ibérica, un dos 21 contextos xeolóxicos do Estado con relevancia internacional.
Recentemente solicitóuselle ao IGME que no proxecto Global Geosites fosen incluídos outros 4 lugares dos cales foi aceptado un, de modo que o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal conta con 6 sitios xeolóxicos destacados internacionalmente algo certamente extraordinario nun espazo xeográfico tan reducido (lembremos que para optar a ser xeoparque chegaría cun único Geosite) e, ademais, cabe a posibilidade de que alcance os 9 Geosites nun futuro próximo.
Con motivo da preparación do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal fixéronse varios inventarios de puntos destacados e o último deles pon de manifesto a presenza de ata 108 lugares de interese xeolóxico distribuídos ao longo de todo o territorio. O seu interese pode ser científico, didáctico ou turístico, de acordo a unha serie de parámetros de valoración.
Curiosidades xeolóxicas do Cabo Ortegal
- A maior parte da serra da Capelada era unha antiga illa volcánica, semellante ao actual arquipélago do Xapón.
- A serra do Forgoselo foi unha gran burbulla de magma que se arrefriou hai 290 millóns de anos a máis de 15 quilómetros de profundidade.
- Os vales fluviais, as rías e os sistemas dunares son, cronoloxicamente, os elementos da paisaxe máis recentes que poderemos ollar neste territorio.
- As rochas da contorna da ría de Cedeira, boa parte de Moeche, sur de Ortigueira e o litoral entre Ladrido e Espasante formaban parte do fondo mariño hai máis de 400 millóns de anos. Nesta última localidade chegan a preservarse lavas volcánicas submariñas.
- O cobre que se explotou nas diferentes minas de Cerdido e Moeche orixinouse como resultado dunha intensa actividade termal no fondo mariño, onde existían chemineas volcánicas polas que saían gases e minerais a alta temperatura que arrefriaban coa auga.
- No litoral de Valdoviño atopamos dúas salientables cicatrices no terreo, as fallas de As Pontes-Pedroso e de Valdoviño, esta última de máis de 150 quilómetros de lonxitude e que corta Galicia en dous.
- Entre Cerdido e Cariño existe unha aliñación de cristas montañosas que chega ata Os Aguillóns, isto débese á presenza dunhas rochas sumamente singulares e de gran dureza, as ecloxitas, que constitúen o maior afloramento coñecido na Terra.
- No encontro da Serra da Capelada co océano Atlántico atopamos os terceiros cantís máis altos de Europa e os primeiros da Europa continental, que comezaron a formarse ao mesmo tempo que os Alpes e o Himalaia.
- A Pedra de Moeche ou Toelo, é unha rocha rara na superficie terrestre, posto que se atopa normalmente a máis de 70 quilómetros de profundidade. Con todo foi un material de gran sona nas comarcas de Ferrolterra e Ortegal e moi empregado en ornamentación.
- No litoral de Loiba existiu unha importante actividade volcánica de carácter explosivo e violento. Pero tamén quedou a pegada dos icebergs en forma de pequenos cantos rodados incrustados nas rochas.

