Ecloxita con incrustacións de granates

Rutas sobre antigos volcáns, rochas que parecen doutro planeta e pedras únicas convertidas en arte

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Os concellos implicados no proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal proseguen desenvolvendo o seu calendario de xeorrutas, que vai alternando propostas de fin de semana en fin de semana co obxectivo de ofrecer unha visión completa da riquísima, variada e exclusiva xeoloxía da zona. Desde este venres até o luns volvemos ter sete oportunidades de viaxar “ao interior da terra” descubrindo noutros tantos itinerarios o pasado volcánico de Loiba, as peculiariedades do litoral cedeirés e dos cantís máis altos da Europa continental ou as curiosidades que presenta o macizo do Limo, salferido de formacións. Ademais tamén poderemos combinar un percorrido histórico-xeolóxico que nos mostrará ata que punto o toelo -un tipo de serpentinita- foi importante como materia prima na arquitectura civil, militar e relixiosa durante séculos.

A oferta dos próximos días coordinada por Cariño, Cedeira, Moeche e Ortigueira ten prazas dispoñibles en todas as rutas agás nunha, a da Praia das areas negras (Teixidelo), que adoita completarse aos poucos minutos de que se active o formulario de inscrición.

Cómpre lembrar, ademais, que o sábado á tarde a empresa Rutas Cedeira volve facer unha saída marítima que abrangue o arco comprendido entre Cedeira e Cariño, dándo un punto de vista distinto e máis espectacular se cabe da fachada costeira do proxecto.

 

VENRES 6 DE AGOSTO

Xeorruta dos Volcáns
10:00 – 14:00
Praia do Picón (Loiba) Ortigueira
Gratuíta

Hai máis de 470 millóns de anos en todo o litoral de Loiba había numerosos volcáns, con erupcións moi explosivas e violentas. A día de hoxe aínda se poden apreciar nas rochas esas pegadas deixadas polos volcáns. Do mesmo xeito é posible observar cantos rodados que hai millóns de anos viaxaban en grandes icebergs, cando esta zona estaba próxima ao Polo Sur.

Esta xeorruta está organizada polo Concello de Ortigueira. A inscrición pode facerse no  981 974 103 ou a través do seguinte formulario en liña: https://goo.gl/FthJna

Xeorruta do Litoral
16:30 – 20:00
Cedeira
Gratuíta

Este paseo xeolóxico pola contorna do porto de Cedeira lévanos a coñecer lugares cun salientable patrimonio xeolóxico, así como a deformación das rochas e a xeomorfoloxía mariña e fluvial da zona. Pero tamén haberá tempo para visitar o xacemento arqueolóxico de Punta Sarridal, emprazado nunha zona dende onde se pode ollar toda a ría de Cedeira.

O itinerario ten aínda prazas dispoñibles -no momento de elaborar esta información- e as reservas gratuítas poden facerse a través deste formulario: https://goo.gl/ZS6ndG

 

SÁBADO 7 DE AGOSTO

Xeorruta das praias negras
10:00 – 16:00
Cedeira
Gratuíta
Esta ruta xeolóxica organizada polo Concello de Cedeira permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta. Pero, sen dúbida, o emprazamento desta praia de Teixidelo -aos pés dos cantís máis altos da Europa continental- fan desta zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes. Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar.

Prazas cubertas, aínda que é posible inscribirse na lista de agarda por se se producisen baixas. Hai que facelo en liña neste formulario https://goo.gl/6d3qJ0

Xeorruta marítima
17:00 – 19:00
Peirao vello de Cedeira (ao pé da Cruz Vermella)
50€

Ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, cobran unha nova dimensión. As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. Prezo: 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar.

 

DOMINGO 8 DE AGOSTO

Xeorruta do Toelo
10:00 – 14:00
Castelo de Moeche
6€, con pagamento anticipado

Con esta visita guiada poderá coñecerse de primeira man un dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia, as serpentinitas ou toelo. Estas rochas, cunha fermosa cor verde, foron obxecto de explotación dende o século XIX en numerosas canteiras do concello de Moeche. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta xeorruta, que inclúe a entrada no castelo medieval.

Inscricións en liña (no formulario indícase a maneira de facer o pagamento anticipado dos 6€ que custa a ruta, organizada polo Concello de Moeche): https://goo.gl/ooMj32

Xeorruta dos cantís
16:30 – 19:30
Cedeira
Gratuíta

Nesta ruta organizada polo Concello de Cedeira contemplaranse unhas impresionantes vistas panorámicas da Serra da Capelada, descubrindo así unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 m de altitude. Do mesmo xeito poderanse tocar rochas que hai millóns de anos se atopaban a 70 km de profundidade. Inscricións en liña: https://goo.gl/tctbby

A saída pode facerse desde a Oficina de Turismo ás 16.00h ou ben acudir directamente ao punto de encontro no Chao do Monte. A situación de ambos lugares pode consultarse neste mapa.

 

LUNS 9 DE AGOSTO

Xeorruta do Limo
10.00 – 14.00
Cariño
Gratuíta

Esta ruta polo macizo do Limo permitirá descubrir formacións rochosas moi singulares, que co paso do tempo adquiren formas sumamente curiosas e rechamantes. Isto unido a que o percorrido discorre polos cantís máis verticais da Serra da Capelada, farán desta visita xeolóxica unha oportunidade única para coñecer esta zona lindeira co corte costeiro de Herbeira, máis elevado pero menos pendente.

Para a ruta, organizada polo Concello de Cariño, hai 20 prazas. As reservas, neste formulario: https://goo.gl/SZCGXM

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar