Francisco Canosa e a Asociación de Amigos do Xeoparque do Cabo Ortegal levan dous anos organizando rutas para descubrir a riqueza mineral e xeolóxica da zona

San Sadurniño, Neda e A Capela acollen esta fin de semana o Geolodía 2017

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email
A Sociedade Xeolóxica de España organiza esta fin de semana o denominado Geolodía 2017, co que se pretende promover o coñecemento da xeoloxía e da profesión asociada a esta disciplina. Son excursións de campo que se desenvolven simultaneamente en todo o Estado por zonas especialmente interesantes en canto a rochas e formacións minerais. O xeólogo Francisco Canosa e varias persoas voluntarias da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal organizan esta cita na nosa zona, que aquí se repartirá en tres veces -o 6, o 7 e tamén o 13 de maio- cunha ruta polo territorio de San Sadurniño, Neda e A Capela. En total participarán no itinerario 165 persoas -55 cada día- inscritas a través dun formulario en liña que cubriu o cupo en cuestión de horas. A proposta conta coa colaboración dos tres concellos.

Os tres días vai facerse o mesmo percorrido, co obxectivo de admirar algúns dos puntos máis interesantes da contorna desde o punto de vista paisaxístico e xeolóxico. Visitaranse enclaves dos concellos de San Sadurniño, Neda e A Capela que, en certa medida, teñen como eixo principal a área do Forgoselo “onde o granito e a auga son protagonistas”, tal e como explica Francisco Canosa.

O itinerario comezará pola mañá e durará até o serán. Tempo no que as persoas participantes se achegarán á central do Eume e á zona de Teixido na Capela, á Fervenza do Belelle e as Penas Louseiras -en Neda- e á zona do Castelo de Naraío e do alto de Racamonde, en San Sadurniño, onde se fará a ruta das Pías, encadrada nas propostas divulgativas deseñadas por Canosa para o proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal.

É unha actividade gratuíta que se fará viaxando en bus para cambiar de lugar e despois a pé para visitar cada sitio, percorrendo sendeiros e camiños de dificultade baixa. Estímase que ao longo do día non se camiñen máis de tres quilómetros en total, o que fai do Geolodía 2017 unha proposta lúdica e divulgativa axeitada para calquera idade.

O autobús sairá os tres días de diante do Concello da Capela ás 9.00h., fará parada diante do de Neda ás 9.30h. e chegará ao de San Sadurniño ás 10.00h. para inciar desde alí o percorrido xeolóxico propiamente dito. Para a volta o autocar repetirá ruta, parando ás 18.00h. na Capela, ás 18.30 en Neda e ás 19 en San Sadurniño. Ás 14.00h. farase unha pausa para xantar na área recreativa de Río Cuberto, preto de Formariz, onde non hai bar nin restaurante, polo que as persoas inscritas deberán levar a súa comida e bebida.

Para apuntarse nas tres rutas abriuse un formulario en liña que completou o cupo de solicitudes en poucas horas. Porén, a aplicación tamén permitía inscribirse nunha lista de agarda por se se producían baixas de última hora. Nesta última hai apuntadas case medio cento de persoas.

As actividades co gallo do Geolodía 2017 están organizadas pola Asociación de Amigos do Parque xeolóxico do Cabo Ortegal e financiadas polas administracións locais de San Sadurniño, Neda e A Capela, xunto coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Tamén colaboran a Sociedade Xeolóxica de España, a Asociación Española para a ensinanza das ciencias da Terra e o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar