LAGOA_FORGOSELO-(1)

Serra do Forgoselo

No extremo sur do proxecto do Xeoparque atópase esta serra que alberga rochas graníticas, moi habituais en Galicia pero escasas neste territorio. O máis característico, a súa paisaxe chea de bolos -rochas de grande tamaño e feitura máis ou menos esférica-, que son sen dúbida o seu selo de identidade. 

Durante a erosión dos granitos tamén se orixinan outras formas, como poden ser as pías, acanaladuras ou tafoni. Pero un dos elementos máis chamativos son as penas abaladoiras e as penas cabaleiras, frecuentes na contorna do pico Racamonde, que desafían o equilibrio pousadas unhas sobre das outras de maneira aparentemente inestable

O borde norte do Forgoselo está delimitado polo val do río Castro, un cauce que aproveitou a presenza dunha fractura para encaixonarse con maior facilidade entre as duras rochas graníticas. O do Castro é o que se coñece como val estrutural. Na zona de Riolimpo poden verse distintas fases da formación dos bolos e tamén das pías.

Tanto neste borde norte do Forgoselo como na zona das Penas Louseiras -ao oeste- é frecuente atopar cristais de andalucita, un mineral indicativo da intensa calor que produciron as rochas graníticas sobre os materiais que había na súa contorna.

Concello: San Sadurniño
Visitable: Si, percorrendo en coche ou a pé a zona do parque eólico
Outros datos: Os fenómenos graníticos -pedras cabaleiras e abaladoiras, bolos, tafoni- obsérvanse en todo o cordal do macizo, onde tamén se atopan lagoas e turbeiras naturais. Desde o punto de vista turístico, a zona compleméntase coa do val do Xubia e o do Castro, caracterizado por unha falla xeolóxica moi pronunciada.

Comparte este contido

Facebook
Twitter
Email

Máis que ver

.

Unha viaxe a o interior da Terra

© Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol