fervenza do cason

Sete oportunidades de descubrir a exclusividade xeolóxica do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal durante esta fin de semana

Facebook
Twitter
Email

O ámbito do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal prosegue coa súa oferta de xeorrutas durante este verán. Para esta fin de semana, de venres a luns, hai seis organizadas por Cedeira, Ortigueira, Moeche e Cariño, ademais do percorrido marítimo que oferta a empresa Rutas Cedeira.

As propostas permitirannos descubrir desde terra e desde o mar como se formaron os cantís máis altos da Europa continental, ver rochas e outros minerais -algúns de alto valor- que habitualmente se encontran no Manto terrestre e que na nosa zona se poden observar a simple vista, achegarnos á única praia do mundo de area negra non volcánica e mesmo ver de que maneira se extraía e se convertía en arte o toelo, un tipo de rocha case exclusivo da nosa zona.

Parte das rutas teñen as prazas xa esgotadas ou a piques de completarse. As inscricións hai que facelas a través dos formularios en liña que poden atoparse no calendario da web ou en rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com.

VENRES 16 DE XULLO

Xeorruta dos Penidos
10:00 – 14:00
San Adrián, Ortigueira
Gratuíta

Nesta parte da serra da Capelada atopamos o maior afloramento de ecloxitas de todo o noso planeta, unhas rochas de récord que se orixinaron a máis de 100 quilómetros de profundidade en condicións de presión extrema e altas temperaturas. Pero tamén se visitará o espectacular Pozo do Inferno e o macizo dos Penidos, un miradoiro natural con fermosas vistas panorámicas sobre a ría de Ortigueira.

Esta xeorruta está organizada polo concello de Ortigueira. A inscrición pode facerse no  981 974 103 ou a través do seguinte formulario en liña: https://bit.ly/2ZAEaIa

Xeorruta do cromo
16:30 – 20:30
Cedeira
Gratuíta
Nesta ruta percorreranse os cantís máis elevados da Europa continental, unha vista privilexiada para contemplar o litoral entre Teixido e a Punta do Cadro. Unha zona que xeoloxicamente destaca pola presenza de rochas moi pouco habituais na superficie do noso planeta. Asociadas a elas foron descubertas acumulacións de minerais de cromo e platino. Pero esta visita guiada permite ollar tamén a presenza dunha salientable falla que corta toda a Serra da Capelada.

Prazas cubertas. Poderán solicitarse desde unha semana antes para a seguinte -o 25 de xullo- a través deste formulario: https://goo.gl/xmgeSb

SÁBADO 17 DE XULLO

Xeorruta do Toelo
10:00 – 14:00
San Xurxo, Moeche
6€, con pagamento anticipado

Con esta visita guiada poderá coñecerse de primeira man un dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia, as serpentinitas ou toelo. Estas rochas, cunha fermosa cor verde, foron obxecto de explotación dende o século XIX en numerosas canteiras do concello de Moeche. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta xeorruta, que inclúe a entrada no castelo medieval.

Inscricións en liña (no formulario indícase a maneira de facer o pagamento anticipado dos 6€ que custa a ruta): https://goo.gl/ooMj32

Xeorruta dos cantís
16:30 – 19:30
Cedeira
Gratuíta

Nesta ruta contemplaranse unhas impresionantes vistas panorámicas da Serra da Capelada, descubrindo así unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 m de altitude. Do mesmo xeito poderanse tocar rochas que hai millóns de anos se atopaban a 70 km de profundidade. Inscricións en liña: https://goo.gl/tctbby

DOMINGO 18 DE XULLO

Xeorruta das praias negras
10:00 – 16:00
Cedeira
Gratuíta
Esta ruta xeolóxica permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta. Pero, sen dúbida, o emprazamento desta praia de Teixidelo -aos pés dos cantís máis altos da Europa continental- fan desta zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes. Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar.

Prazas cubertas, aínda que é posible inscribirse na lista de agarda por se se producisen baixas. Hai que facelo en liña neste formulario https://goo.gl/6d3qJ0

Xeorruta marítima
17:00 – 19:00
Peirao vello de Cedeira (ao pé da Cruz Vermella)
50€

Ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, cobran unha nova dimensión. As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. Prezo: 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar.

LUNS 19 DE XULLO

Xeorruta dos Aguillóns
10:00 – 14:00
Cariño
Gratuíta

Nesta xeorruta coñecerase de primeira man a maior concentración de ecloxitas de todo o planeta. Unhas rochas moi singulares, formadas a moitos quilómetros de profundidade. Pero tamén haberá tempo para descubrir as formacións xeolóxicas que aparecen en San Xiao do Trebo, orixinadas neste caso pola fusión doutras rochas.

As inscricións hai que facelas a través deste formulario en liña:  https://bit.ly/3dm2ohg

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario