Macizo de Herbeira, conformado por tipos de rochas que habitualmente están no Manto terrestre. Na imaxe, os cantís máis altos da Europa continental (615 m.)

Últimas xeorrutas do verán

Facebook
Twitter
Email

Encaramos a fin do verán e con ela o remate do calendario de xeorrutas promovidas polos concellos do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. Desde este venres até o domingo hai tres programadas -dúas delas co cupo de reservas cuberto-, ás que cómpre engadirlles os dous itinerarios marítimos organizados pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira.

Despois desta fin de semana xa só quedarían dous percorridos por facer: o domingo 19 de setembro a Xeorruta das Pías organizada polo Concello de San Sadurniño pola beira do Castro e a zona máis elevada do Forgoselo, e o domingo 26 pola mañá a última das xeorrutas do Toelo por Moeche, que recupera o itinerario do mes de xullo que non chegou ao mínimo de participantes para se celebrar.

Todos os percorridos están guiados por Fran Canosa, Doutor en Xeoloxía e director científico do noso proxecto.

VENRES 10 DE SETEMBRO

Xeorruta dos Cantís
16:30 – 19:30
Cedeira
Gratuíta

Nesta ruta contemplaranse unhas impresionantes vistas panorámicas da Serra da Capelada, descubrindo así unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 m de altitude. Do mesmo xeito poderanse tocar rochas que hai millóns de anos se atopaban a 70 km de profundidade. O percorrido está organizado polo Concello de Cedeira. Para inscribirse neste itinerario hai que cubrir o seguinte formulario en liña:  https://goo.gl/tctbby

No momento de facer a inscrición haberá que indicar se se opta por saír desde a Oficina de Turismo de Cedeira ás 16:00h ou se se prefire ir directamente para o punto de inicio da ruta, situado no miradoiro do Chao do Monte (16:30h). Ambos puntos encóntranse neste mapa.

SÁBADO 11 DE SETEMBRO

Xeorruta do Granate (prazas completas, só lista de agarda)
10:00 – 16:00h
Cedeira
Gratuíta
A xeorruta do granate discorre por un pequeno sendeiro de pescadores dende o santuario de Santo André ata a enseada das Cortes, onde se observa unha ampla variedade de rochas moi rechamantes tanto pola súa cor como pola súa textura, así como un salientable número de estruturas xeolóxicas, que poñen de manifesto a intensa deformación que afectou a esta rexión hai 350 millóns de anos. Esta ruta xeolóxica permitirá descubrir unha das zonas máis descoñecidas do litoral de Cedeira.

O itinerario está completo, pero hai posibilidade de anotarse na lista de agarda a través deste formulario: https://goo.gl/tZVqIV

A saída da ruta pode facerse ás 9:30h desde a Oficina de Turismo de Cedeira (en coche) ou ben acudir directamente ao punto de saída, no aparcadoiro de Santo André de Teixido. No formulario de inscrición débese indicar por cal das dúas opcións se opta.

Xeorruta marítima
17:00 – 19:00h
Peirao vello de Cedeira (ao pé da Cruz Vermella)
50€/persoa (mínimo 8 e máximo 12)

Ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, cobran unha nova dimensión. As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. Prezo: 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar.

DOMINGO 12 DE SETEMBRO

Xeorruta das praias negras (prazas completas)
10:00 – 16:00h
Cedeira
Gratuíta
Esta ruta xeolóxica organizada polo Concello de Cedeira é, sen lugar a dúbidas, a máis exitosa de todas cantas se ofertan no ámbito do noso proxecto a pesar da súa dificultade. Para esta última oportunidade de facela xa está cuberto o cupo de participantes e incluso se completou o tope da lista de agarda, polo que xa non é posible inscribirse.

O traxecto parte do cruceiro de Teixidelo e vai baixando por sendeiros até a beira do mar, chegando á que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta. No percorrido tamén poderá ollarse o cauce da fervenza que se precipita nas rochas a escasos metros do océano, dependendo das chuvias dos días anteriores. Tamén é posible ver a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar.

A saída pode facerse desde a Oficina de Turismo de Cedeira ás 9:30h -subindo en coche até Teixidelo- ou ben acudir directamente ao punto de encontro, no cruceiro que queda a man esquerda subindo desde Santo André cara a Herbeira. Ambos puntos están localizados neste mapa.

Xeorruta marítima
17:00 – 19:00h
Peirao vello de Cedeira (ao pé da Cruz Vermella)
50€/persoa (mínimo 8 e máximo 12)

Segunda oportunidade da fin de semana de cubrir por mar o espectáculo xeolóxico que ofrece o litoral desde Cedeira até Os Aguillóns. As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. Prezo: 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas pola situación meteorolóxica e, en calquera caso, a empresa confirmarállelo ás persoas inscritas con tempo de adianto suficiente.

Rutas Cedeira ten intención de manter o calendario de xeorrutas marítimas ata ben entrado o outono, sempre que o tempo acompañe e que se xunte o número mínimo de reservas. Toda a información sobre estes percorridos e outras actividades de turismo activo que organizan podedes atopala na súa páxina en Facebook.

DOMINGO 19 DE SETEMBRO

Xeorruta das Pías
10:00 – 14:00h
Castelo de Naraío / O Forgoselo
Gratuíta

O itinerario permitirá observar as distintas fases da formación dos bolos graníticos -grandes rochas que aparecen na paisaxe, ás veces unhas dacabalo doutras- e tamén das pías, que son curiosos buratos resultado  nuns casos da acción erosiva de pequenas rochas, como ocorre na zona de Riolimpo, e noutros pola acción química e de arrastre paseniño da auga da chuvia, algo que se ve claramente nas penas de Racamonde.

A ruta comezará ás 10:00h. no castelo de Naraío e posteriormente baixará a Riolimpo. Logo regresarase ao punto de partida e será necesario coller o coche para subir até Racamonde, lugar onde finalizará o paseo percorrendo a pista do parque eólico, salpicada a un lado e outro por distintas formacións graníticas.

A andaina é de intensidade baixa e apta practicamente para calquera idade. A inscrición, gratuíta, debe facerse a través do seguinte formulario: https://bit.ly/3BNKcXm 

DOMINGO 26 DE SETEMBRO

Xeorruta do Toelo
10:00 – 14:00h
San Xurxo, Moeche
6€, con pagamento anticipado

Con esta visita guiada -a última da programación do verán- poderá coñecerse de primeira man un dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia, as serpentinitas ou toelo. Estas rochas, cunha fermosa cor verde, foron obxecto de explotación dende o século XIX en numerosas canteiras do concello de Moeche. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta xeorruta, que inclúe a entrada no castelo medieval.

Inscricións en liña (no formulario indícase a maneira de facer o pagamento anticipado dos 6€ que custa a ruta): https://goo.gl/ooMj32

 

 

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario