LAGOA_FORGOSELO

Unha ruta guiada mostrará o sábado 29 a riqueza xeolóxica do val do Castro e do Forgoselo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

San Sadurniño é un dos concellos da comarca que se implicou na promoción da candidatura da área xeolóxica do Complexo do Cabo Ortegal como xeoparque. Unha figura da UNESCO que, sen implicar restricións para os usos do chan, ten como obxectivo recoñecer e identificar zonas únicas no mundo polas súas peculiariedades orográficas e minerais. Porén, os parques xeolóxicos tamén buscan ser un factor de desenvolvemento económico a través do turismo e doutras iniciativas que poidan beneficiarse deste recoñecemento internacional. No mundo existen 135 xeoparques e en Europa 62, dos que 11 están en España. No noroeste non hai ningún, pero a zona do Ortegal reúne todas as condicións para selo. Por iso o xeólogo Francisco Canosa, a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal e varios municipios desta área levan desde 2015 facendo unha intensa campaña divulgativa tanto do patrimonio xeolóxico como da candidatura a través de encontros e rutas. O próximo itinerario está programado para o sábado 29 entre as 11 e as 14.00h. para percorrer parte do val do Castro e da serra do Forgoselo. Ofrécense 25 prazas e será necesaria inscrición previa chamando ao teléfono do Concello, 981 49 0027, ou enviando un correo ao enderezo correo@sansadurnino.gal.

O punto de encontro será o castelo de Naraío, onde arrancará unha ruta centrada na descrición da paisaxe e das formacións rochosas que a fan única, como son os afloramentos graníticos do Saíme e as múltiples pías que se forman tanto nas fervenzas como nos penedos que se estenden polo Forgoselo onde, ademais, se atopan numerosas curiosidades pétreas froito dos movementos tectónicos e da erosión.

A ruta -apta para toda a familia- farase en coche debido á distancia que cumprirá percorrer. Á cabeza da expedición marchará como guía o xeólogo Francisco Canosa, que leva anos investigando e reclamando o recoñecemento do grande valor xeomorfolóxico do denominado Complexo do Cabo Ortegal. Unha definición técnica que abrangue boa parte do norte da provincia da Coruña.

O experto localizou nos sete concellos asentados sobre este complexo ata 52 lugares de interese xeolóxico e 5 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo. De feito, ese é o principal valor dunha zona que abrangue máis de 700 kilómetros cadrados de superficie e onde se encontran praias de area vermella, raras praias de area negra como a de Teixidelo, a única no planeta -que se saiba- de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciais, e rochas que habitualmente están a máis de 70 kilómetros de profundidade e que aquí poden observarse a simple vista.

Unha variada e única riqueza xeolóxica, en definitiva, enriba da que se asenta unha tamén única variedade botánica, faunística, patrimonial e cultural susceptibles de ser aproveitadas para o desenvolvemento local baixo o paraugas dun xeoparque avalado pola UNESCO. A experiencia doutras zonas do planeta dá idea da importancia de por en valor as pedras e a xeoloxía. No mundo hai 135 xeoparques repartidos por 32 países. A maior parte deles están en Europa e China. España é o estado con máis parques xeolóxicos -11 en total- despois do país asiático. O máis próximo a Galicia está no País Vasco que, con só 40 lugares de interese xeolóxico, consegue atraer cada ano uns 100.000 visitantes, quer cun perfil científico, quer cun perfil turístico pero con ganas de apreciar o territorio desde unha óptica nova.

No Ortegal lévase moito andado. Os sitios interesantes están identificados, Canosa e outras persoas implicadas no proxecto fixeron un labor importante de difusión e de campo, mesmo deseñando rutas xeolóxicas por todo o territorio. Agora só falta impulsar a figura en si. Cada país elixe unha única proposta cada ano que despois se eleva á Rede Europea de Xeoparques para que a avalíen sobre o terreo. Entrar formar parte desta rede non é un cheque en branco, senón que se pasa unha auditoría cada catro anos para comprobar que se siguen cumprindo todas as condicións para manter a denominación.

Pero para chegar a este punto antes hai que preparar un proxecto no que o valor xeolóxico pesa un 35% mentres que a existencia dun plan de desenvolvemento asociado supón o 65% restante. Outro requisito imprescindible é que debe haber un organismo xestor que no caso do Ortegal implicaría aos concellos, aínda que tamén se traballa para recabar a colaboración doutras institucións como Xunta ou Deputación.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar